Un ano máis, e xa van once, o colectivo ambiental Vaipolorío convocou a súa tradicional xuntanza para elaborar o cacho de San Xoán con herbas recollidas na contorna do río Gafos e segundo o costume das familias que habitan na parroquia de Salcedo e nos seus arredores. Nesta ocasión, ademais da participación do profesor de Bioloxía e experto en Educación Ambiental, Amancio Castro, sumouse á charla Ángel Otero, que presentou as numerosas plantas coas que se fai este ramo máxico e aromático no barrio vigués de Candeán.
Cerquiño, fento real ou dentabrú, lingua de cabra, ourego, distintas variedades de poenxo e de menta, tamén de hipérico e de carrasquiña ou tromentelo… a riqueza botánica dos nosos regatos, hortas, leiras e montes é inesgotable! Ogallá as fotografías lograsen transmitir o delicioso arrecendo de todo canto se expoñía nesta gran mesa, de toda esta biodiversidade de natureza e de tradición que cobra sentido na noite de San Xoán, coas plantas macerando na auga coa que nos lavamos ao amencer para espantar o meigallo e envolvernos de boa sorte.
Con Amancio Castro sempre se aprenden moitas cousas sobre flora e fauna, como gran experto que é en todo o que medra e habita nas terras e nas augas do río Gafos. Son moitas as propiedades medicinais da herba luisa, do hipérico, da falsa árnica e de todas as herbas que se utilizan para o cacho de San Xoán. Entre anécdotas de viaxes e curiosidades que deparan as visitas escolares guiadas por Vaipolorío pasa a tarde nun abrir e pechar de ollos.
…E para que ninguén ouse facer algunha falcatruada das que antano eran habituais no tempo de San Xoán, unhas boas silvas cheas de pinchos, ou no seu defecto cardos ou toxos, coroan este cacho de Vaipolorío. Toca seguir os consellos de Amancio Castro: lavar ben a cara e non secala para que penetren na epiderme os beneficios que depositaron as flores e as herbas na auga durante a noite; e facer un ramo coas plantas, depositándoo cos talos cara arriba nun lugar escuro e ventilado. Durante o ano poderemos utilizalas para facer influsións, remedios caseiros ou afumarnos para espantar o aire…
Grazas a Vaipolorío polo seu gran labor de defensa do medio ambiente e da nosa cultura tradicional!
Deixar unha resposta