Fieis á tradición, o Monte Pornedo é o ‘xardín’ silvestre no que recollemos boa parte das herbas e das flores que conforman o cacho. Esta colorida e aromática colleita pasa a noite sumerxida en auga que tamén mana destas terras fecundas e xenerosas. E con esa máxica maceración, chea de propiedades curativas para o corpo e o espírito, lavámonos no amencer do día de San Xoán. Para que non haxa meigallo que free o noso afán por seguir loitando a prol do ‘balcón da ría’, na defensa do seu patrimonio, da súa biodiversidade e da súa paisaxe privilexiada; para que ningunha directiva de (des)montes nin ningunha Administración volvan atentar contra este Espazo Natural; para que ninguén se atreva a lucrarse a conta de desvirtuar os valores que a Asociación Monte Pituco leva reivindicando durante tantos anos.
Flores de codeso, manzanilla, tromentelo, hipérico, chuchamel, falsa árnica, croques… Follas de castiñeiro, de mentraste, de sabugueiro… Auga da Fontenla… protexede esta paraxe de raigame milenaria, as súas pedras gravadas por mans pretéritas; bendecide estes bosques de piñeiros, castiñeiros e carballos fronte á sombra pirófita dos eucaliptos e das acacias; aplacade a maldade conspiradora acubillada na Casa de (des)Montes para que ningún plan perverso estrague a esencia desta montaña; traede ata aquí o alento dos seres queridos que dende o Alén nos inspiran e velan por nós e pola conservación deste recuncho do Fogar de Breogán.
Deixar unha resposta