Publicado por: MontePituco | 13/02/2019

PLENO DE FEBREIRO: ‘ATAQUES XURÍDICOS’, NON!

Pleno Febreiro 2019

Hai palabras que non se din por casualidade, que non se pronuncian en calquera lugar de xeito informal, senón en lugares significados e dentro dun marco institucional; palabras que quedan rexistradas e son transcritas para trascender; palabras que non teñen un trasfondo inocente e descualifican deliberadamente. Cando escoitamos que a alcaldesa de Marín falaba de “ataques xurídicos” para referirse á loita da Asociación Monte Pituco -dentro do mesmo saco onde tamén incluía os recursos interpostos por outros colectivos e persoas que se viron perxudicados polo PXOM- algo se nos revolveu por dentro. Por aí non pasamos. Nove anos despois, con dúas sentenzas firmes e irrevogables ao noso favor, hai que darse a valer. Respectarse e facerse respectar. Non pasamos por menos!

O borrador da Acta do Pleno da Corporación do pasado xaneiro que se sometía este mes á aprobación dos grupos municipais facía referencia ao xeito no que a alcaldesa introducía varios puntos na orde do día sobre sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a respecto duns recursos contencioso-administrativos presentados contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Marín.

Unha delas era a toma en coñecemento do Pleno sobre a vitoria xudicial lograda pola Asociación Monte Pituco, ditada polo TSXG o 23 de novembro de 2017 e declarada firme o 23 de xaneiro de 2018, obrigando o Concello de Marín a anular a clasificación do Monte Pituco como solo industrial:

8.- POSTA EN COÑECEMENTO DO PLENO DA CORPORACIÓN DA SENTENZA No 457/2017, DITADA O 23.11.2017 POLA SALA DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO DO T.S.X. DE GALICIA, QUE ESTIMA PARCIALMENTE O RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO INTERPOSTO POLA ASOCIACIÓN DEFENDE O MONTE PITUCO CONTRA A ORDE DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS, DE 27.06.2012, POLA QUE SE APROBA DEFINITIVAMENTE O PXOM DO CONCELLO DE MARÍN.

María Ramallo zanxou esta cuestión afirmando que “o PXOM non vai a ter máis “ataques xurídicos” dende o punto de vista dos recursos”.

Estando presentes nese Pleno de xaneiro e sendo testemuñas directas de semellante afirmación, a Asociación Monte Pituco presentou un escrito no Rexistro Municipal dirixido á alcaldesa para reclamarlle que fose retirada a expresión “ataques xurídicos” en referencia ás demandas presentadas pola veciñanza e, en particular, por este colectivo.

Xustificamos esta petición argumentando que, para “ataques”, os que exerceron os Gobernos municipais que avalaron un Planeamento urbanístico que, como vén de demostrar a sentenza do TSXG a respecto da planificación do solo empresarial, carecía da xustificación e do rigor legal que agora o Concello se ve obrigado a rectificar.

Fronte aos “ataques” do Concello -secundados posteriormente pola Xunta cando o polígono industrial proxectado no PXOM marinense se incluíu no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, tumbado tamén noutra sentenza firme do TSXG-, a Asociación Monte Pituco exerceu o seu LEXÍTIMO DEREITO á DEFENSA dun espazo natural protexido, cun alto nivel paisaxístico e valor patrimonial. Polo tanto, este modesto colectivo non pode menos que rexeitar enerxicamente que se cualifique como “ataques” o resultado dunha dobre vitoria xudicial contra as Administracións local e autonómica.

Ese escrito tamén instaba a alcaldesa a exercer o seu cargo non só para os seus simpatizantes, senón tamén para representar quen discrepa con ela, cos criterios do seu partido e mesmo cos postulados doutras formación políticas -nomeadamente Psoe e Bng, que cando gobernaron en coalición impulsaron a catalogación urbanística do Pituco como solo industrial-. A Asociación Monte Pituco reclámalles o respecto e o recoñecemento que este colectivo merece como impulsor dunha loita xusta, merecidamente gañada nos Tribunais e contra a cal, por certo, o Concello non opuxo ningunha resistencia.

Nada máis comezar este Pleno de febreiro e de someterse á votación dos edís a acta da sesión de xaneiro, a concelleira Sandra Pesqueira tomou a palabra para pronunciarse a favor da Asociación Monte Pituco e tamén no seu propio nome a título persoal: “Considero desafortunada esa expresión porque presentar os recursos que fixeron é un dereito cidadán”, expuxo a edil.

Tomou a palabra a continuación o concelleiro do Psoe JuanMuradas para puntualizar que a acta era correcta porque recollía as palabras que a alcaldesa pronunciara e que, en todo caso, a petición concreta debía referirse a que María Ramallo retirase o que dixera.

“As actas recollen o detalle literal do dito”, explicou a alcaldesa, que lle advertiu a Sandra Pesqueira que naquel momento tiña que ter intervido para expresar o seu desacordo coa expresión utilizada. “Eu dixen iso; se o que me piden é que retire a palabra, non teño ningún problema en retirar ‘ataque’ e poñer ‘recurso xurídico’ porque era o que pretendía”, concluíu.

A Asociación Monte Pituco agradece que a alcaldesa tomase en consideración o escrito presentado por esta entidade e que atendese favorablemente esta obxección, verbalizada neste Pleno pola aínda voceira municipal da Marea Veciñal de Marín. Pero a Asociación Monte Pituco carece de representación directa na Corporación, non ten nin voz nin voto nas sesións, alén de exercer o seu dereito de asistencia aos plenos e dirixirse ao Goberno local polos cauces regulamentarios.

E non tendo autorización para tomar a palabra no Pleno de xaneiro e pedirlle nese mesmo instante a retirada da expresión “ataques xurídicos”, foi a través do Rexistro Municipal como se canalizou a solicitude formal. E foi a concelleira Sandra Pesqueira quen se solidarizou coa petición da Asociación Monte Pituco ao entender as razóns do rexeitamento a ese desafortunado cualificativo. Se Sandra Pesqueira non pediu a retirada desas palabras no propio Pleno de xaneiro foi porque -quizais, moi ao seu pesar- carece de telepatía e de dotes adivinatorias sobre os pensamentos, sensibilidades e intencións doutras persoas a respecto do que se debate e se decide no marco plenario.

Por outra parte, que o concelleiro socialista tire da súa ancestral e xurásica veteranía para precisar os termos nos que se tiña que concretar a retirada desa expresión, ou que a propia alcaldesa coincida en confirmar que esas foron as súas palabras pero que acepta cambiar “ataques” por “recursos” é un mera cuestión práctica/loxística que aos representantes municipais lles corresponde aplicar, dentro do que a a lexislación e o regulamento lles permita.

O obxectivo do escrito presentado, co apoio da concelleira Sandra Pesqueira, está conseguido. A Asociación Monte Pituco actuará sempre con firmeza para defender a súa causa dos ‘ataques’ que reciba, directos ou subrepticios. 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: