Dedicámoslle este solpor, con todo o agarimo, con todo o respecto, con toda a admiración, a Francisco Calo –Paco do Martelo-. Aínda coa tristura e coa impresión do seu inesperado e prematuro pasamento, queremos lembralo dende o ‘balcón da ría’ e mandarlle unha aperta moi agarimosa á súa familia, á súa dona e aos seus fillos.
Porque é de ben nacidos ser agradecidos, cómpre honrar a memoria dunha boa persoa que, sen coñecernos de nada, axiña empatizou connosco, pola causa que nos unía na defensa do monte veciñal, da xustiza, da honestidade. Ambos sabiamos dos sinsabores de loitar contra o poder establecido, de ir contracorrente. Non en van, o lema do seu blogue é “Máis vale perder coa verdade que vencer coa mentira”. Hoxe sentímonos máis preto que nunca de Nebra-Arben. Abofé, Paco ha estar no seu particular ‘olimpo’, no seu ‘balcón sonense’, velando por nós. Grazas polas palabras de alento recibidas, polas experiencias compartidas, pola simpatía e a xenerosidade. Que se cumpra o seu desexo de Reis: “prosperidade para os nosos montes”, pedía.
Apertas… e ata sempre, Paco.
Deixar unha resposta