Publicado por: MontePituco | 27/01/2019

CRÓNICA DE URXENCIA DA ASEMBLEA DE COMUNEIR@S

“…La guita te invita a gastár más guita, a desear más pasta,
el gastar incita a desear más guita consumiendo el monedero,
la pasta excita y arriesgando guita te vas a cero,
a consumir te empuja, que el monedero no tenga agujero.
¡Cómo pica el parné! ¡Ráscate!”

Banda Jachis é un grupo de punk-rock-ska alacantino que dende 1997 ten editado varios discos con cancións enfocadas á denuncia social.

Na Comunidade Montes de San Xulián… ACÁBASE O PARNÉ, señoras e señores! É unha entidade en fase de demolición! Vai costa abaixo, a toda mecha e sen freos!

Os números ‘oficiais’ cantan, ou máis ben dan o ‘cante’:

-Saldo a 31 de decembro de 2017, 457.567€

-Saldo a 31 de decembro de 2018, 315.383,27€

(142.183,73€ menos dun ano a outro. E aínda así, os números non cadran)

No ano 2018 a directiva da Comunidade de San Xulián gastou 248.003,47€. Dito sexa de paso, a nosa suma dos gastos -e repetímola varias veces- dá 248.001,97€. Así que xa que imprimen as contas, o mínimo que se lle pode esixir á directiva é que se esforce en cadrar exacta e perfectamente os números, non sexa que aos rar@s da Asociación Monte Pituco nos dea por coller a calculadora, como así foi…

A Comunidade só ingresou 105.816,54€. E esta operación aritmética, aparentemente, si estaban ben; había pouco que sumar.

Conclusión: o pasado ano 2018 a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián gastou máis do dobre do que ingresou.

(E agora vén o matiz numérico: se ao saldo de 2017 lle restamos o que se gastou en 2018 e lle sumamos o que se ingresou neste pasado ano, o resultado non á un saldo de 315.383,27€. A operación dá 315.380,07€. Que a diferenza non é moita, pero xa lles vale a chapuza!)

Nun rápido vistazo ao escueto papeliño que reciben @s comuneir@s cando se acreditan para acceder á asemblea, percíbese claramente cal é o ‘futuro’ dunha Comunidade que cada vez é menos ‘de montes’ e máis ‘doutras cousas’ que pouco ou nada teñen que ver coa xestión do monte veciñal. Por tanto, estamos lexitimados para propoñer mudarlle o nome e empezar a chamarlle Comunidade de des-Montes.

Na sección de gastos hai máis de 40 epígrafes, mentres que o apartado de ingresos limítase a catro escuetos puntiños que son os que nutren as cada vez máis baleiras arcas da Comunidade: cortas de madeira (53.073,32€); devolucións de Facenda (273,34€), que son cantidades fluctuantes cada ano; canon do Ministerio de Defensa polos terreos alugados á Brilat (40.205,88€); e unha subvención do Fondo Galego de Garantía (12.264€), que para o caso non debería contar porque as subvencións van e deixan de vir, coma o vento.

…E non hai máis nada onde rañar!

Con este desolador panorama económico e unha dinámica baseada en gastar moito máis do que se ingresa, salta á vista -e non hai que ser ningún lince das finanzas para comprendelo- que o futuro da Comunidade de des-Montes é negro-negrísimo. 

Pero para sorprendente e preocupante, a ‘pachorra’ d@s comuneir@s diante destes números galopantemente minguantes. Estas contas foron aprobadas con 199 votos a favor. Só 4 persoas tiveron o valor de erguer os seus brazos para votar en contra ante a clamorosa evidencia duns números que, a ollos de quen usa a cabeza para pensar, axiña van quedar en vermello

…Xa o di a canción da Banda Jachis: ¡Cómo pica el parné! ¡Ráscate!”.

(CONTINUARÁ)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: