Entre finais de xullo e principios de agosto de 2017 denunciouse nesta bitácora do Monte Pituco -e tamén nas nosas canles en Facebook- a presenza dun verquido ilegal a carón do túnel da Variante de Marín, entre os lugares de A Pena e O Caeiro. Daquela alertouse da perigosidade e insalubridade dos residuos depositados: cristais, táboas con cravos oxidados, material plástico cortante, latas, roupa vella e demais inmundicia. Pero a pesar da reiteración da queixa -que polo seguemento que a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián fai das nosas publicacións, abofé que tivo constancia do sucedido- nada se fixo e o verquido seguiu ‘botando raíces’ durante os últimos 8 meses.
Lixo chama por máis lixo; é unha evidencia probada en numerosos vertedoiros que comezan cun capacho de residuos e acaban converténdose en montañas da máis variopinta basura. E o Monte Pituco non é unha excepción a este noxento mal endémico que arrastramos no país.
Aos vidros esnaquizados, as madeiras con puntas vellas, as bolsas de contido indefinido e demais porcallada, vén de sumarse nos últimos días un sofá escangallado que alguén con tanto incivismo, tanta irresponsabilidade e tanta cara dura como quen fixo o primeiro verquido, envorcou sobre o que xa había. E se persiste o desleixo da Comunidade de Montes e/ou do Concello de Marín na súa clamorosa omisión na obriga de manter o monte limpo, seguirá habendo cara duras, irresponsables e incívicos que fagan medrar a montaña de lixo.
A Comunidade de Montes de San Xulián dispón dun vehículo todoterreo que seica fai un montón de quilómetros. Na última asemblea de comuneiros e comuneiras xurdiron queixas sobre a súa maior presenza polas rúas de Marín que polos montes da parroquia, algo que a directiva atribuíu ás xestións administrativas da organización. Pero visto que os usuarios dese vehículo non frecuentan moito o Monte Pituco, estaría ben que se destinase algo do combustible que se sufraga cos cartos da Comunidade a percorrer tamén as pistas forestais que atravesan o ‘balcón da ría’.
Así quizais verían que segue aí, tres meses despois, o verquido de portas ciscadas o pasado Nadal; que a madeira non se descompuxo tan pronto, que aos anacos dos cristais, ás pechaduras e aos picaportes metálicos non lles saíron patiñas. Polo contrario, esta lamentable estampa afonda na pésima imaxe de abandono ao que está condenado o Monte Pituco por parte da directiva da Comunidade, en canto a decoro se refire.
Como semella que non se dedica nin un céntimo do combustible co que se financia a rodaxe do vehículo da Comunidade a percorrer o Monte Pituco, tamén deberon pasar desapercibidos os refugallos de obra que botaron o pasado mes de febreiro uns cantos metros máis arriba do anterior. Tres verquidos nun radio de apenas 300-500 metros.
A que agarda a Comunidade de Montes, a que sigan envorcando máis lixo sobre os verquidos que se van consolidando co paso do tempo? A que pro máis montóns de residuos ao longo da pista forestal, aproveitándose os infractores do pasotismo e da inacción da Comunidade?
Lixo chama por máis lixo!
Dende que a finais de 2009 a Asociación Monte Pituco emprendeu a súa andaina reivindicativa tivo que soportar en numerosas ocasións as iras das sucesivas directivas da Comunidade de Montes que, en vez de actuar cando se lles notificaban as incidencias, protestaban polas sancións que recibían como consecuencia da súa incompetencia.
A Comunidade sempre pecou de ‘dispararlle ao mensaxeiro’ en vez de buscar os culpables dos verquidos; como tamén mirou para outro lado cando se lle avisou das malas condicións de conservación da arboreda do Pituco, ou cruzou os brazos cando se lle advertiu do exceso de vexetación arredor dos xacementos arqueolóxicos catalogados, ou -o colmo da maldade- censurou e vetou a Asociación en represalia por sumarse ás denuncias pola agresión a un conxunto rupestre na Carrasca despois de terlles demandado en numerosas ocasións a posta en valor do abundante e valioso patrimonio prehistórico inventariado nos montes da parroquia.
Xa vai sendo hora de que o ‘mensaxeiro’ deixe de ser atacado!
Deixar unha resposta