Preséntase este mércores 21, ás 20:15 horas, na sala de conferencias da Casa das Campás de Pontevedra, o libro “O legado dos homes pequenos: gravados rupestres de Cerdedo”, elaborado polos audaces integrantes do Colectivo Capitán Gosende, co profesor e escritor Calros Solla á cabeza.
Os de Capitán Gosende (filólogos, historiadores, xeógrafos, enxeñeiros, titulados en Belas Artes, autodidactas…) vimos desenvolvendo a nosa actividade de investigación multidisciplinar e de promoción cultural na comarca de Terra de Montes e, principalmente, no antigo concello de Cerdedo. A salvagarda da arte rupestre é unhas das nosas moitas inquedanzas. Ninguén pode negar que o problema non resolto do despoboamento condena esta terra á orfandade, ligándoa a un futuro incerto e someténdoa a intereses espurios. Sen dúbida, pola súa vulnerabilidade, o acervo arqueolóxico será un dos grandes damnificados desta situación terminal. Capitán Gosende enorgullécese de figurar na nómina de asociacións ou individualidades que, na Galiza, se botaron ao monte acirrados pola urxencia de dar a coñecer e protexer co coñecemento o que é patrimonio de todos. En Capitán Gosende este quefacer, sempre respectuoso co obxecto de estudo, levouse a cabo de xeito altruísta e sen ánimo de lucro, empregando a comunicación directa, os artigos ou notas de prensa, as publicacións en webs e blogs especializados ou as redes sociais para informar as autoridades e ao pobo en xeral do froito das nosas pescudas. Malia a incómoda alegalidade da nosa misión, sentímonos moi orgullosos do camiño que se emprendeu. Agora, baixo a sombra do labor cumprido, facemos pouso e botamos a vista atrás. As mostras de apoio, concretadas na adhesión e na difusión, foron constantes ao longo desta tempada e alentaron o noso esforzo (mención especial merecen Xabier Moure, Xurxo Salgado, Xoán Carlos Garrido, a edición comarcal de Faro de Vigo e o meu editor Moisés Barcia). Entendemos que plasmar nunha publicación esta apaixonante aventura é o mellor xeito de agradecer o agarimo recibido, facer perdurábel a gozosa lembranza e, por suposto, revelar unha realidade patrimonial que permanecía oculta. O papel impreso tamén servirá para honrar, con nomes e apelidos, a afouteza, a perseverancia e o desprendemento dos Gosende.
Calros Solla, fragmento da presentación realizada en xaneiro de 2018 na Estrada
Imaxe da presentación en Cerdedo, 28 de decembro de 2017. Publicada por Calros Solla.
Cerdedo presenta una altísima densidad de grabados rupestres en las cuencas del Lérez y el Seixo
Solla indica que es uno de los territorios más ricos de España, como se ve en el libro que resume 5 años de hallazgos de Capitán Gosende
Deixar unha resposta