Son días de festa na parroquia: o domingo 7 de xaneiro, San Xián; e hoxe luns, a Virxe dos Remedios. Hai un ano por estas datas ‘pediámoslle’ axuda aos patróns para sermos afortunados nos tribunais ante as resolucións xudiciais que estaban próximas de saír á luz. Sexa a confianza absoluta nos argumentos que levamos tantos anos esgrimindo para rexeitar a construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, sexa a intercesión divina, o caso é que tanto o recurso contra o Plan Sectorial autonómico de Áreas Empresariais como a demanda contra o PXOM do Concello de Marín, prosperaron satisfactoriamente e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fallou a favor da Asociación Monte Pituco.
Froito do traballo serio e rigoroso do equipo xurídico, do apoio das persoas e dos colectivos que tamén apostan fortemente pola conservación do Pornedo como espazo de interese patrimonial, natural e paisaxístico, e da fortaleza para manter unha causa durante oito longos anos, hoxe podemos ofrecerlle a San Xián e á Virxe dos Remedios dúas sentenzas das que estamos moi orgullosos.
Deixar unha resposta