Tralo adiamento da carreira San Silvestre-Subida a Castro e da Andaina das Marabillas na casa o pasado día de Ano Vello a causa do temporal, esta xornada posterior á festividade de Reis amenceu cun tempo ideal para podermos practicar deporte: uns correndo, outros a paso lixeiro e outros a paso naturalista, é dicir, parando a cada pouco para ver un lique, fotografar unha paisaxe ou curiosear entre as pedras…
Vista dende a parte inferior do monte Teixugueiras
O castro da Subidá foi visita obrigada, un ano máis: o primeiro reto dos camiñantes.
Posible acceso orixinario ao castro, no punto onde se localizan unhas impoñentes pedras e con amplas vistas da ría dende o antigo asentamento castrexo
Nesta ocasión, había un novidoso aliciente: dende este verán, o castro da Subidá conta cunha nova estrutura visible trala ampliación das excavacións. Trátase doutra estrutura circular que o arqueólogo director da campaña identifica como un posible celeiro.
O itinerario da ruta máis longa, duns 7 quilómetros, permitiu enlazar o castro da Subidá co sendeiro do monte Penizas. Novamente, as panorámicas da ría e do arquipélago de Ons no horizonte compensaron con creces o esforzo.
Lamentablemente, a presenza do eucalipto é cada vez máis abafante. Dá moita mágoa ver novas plantacións entre os piñeirais. A pesar de toda a información que proporcionan os expertos sobre os perxuízos desta especie invasora, tanto polo empeoramento da calidade do solo e pola merma de biodiversidade que se produce ao seu arredor, como sobre todo polo carácter pirófito destas árbores, propietarios e comunidades de montes non cesan de caer nas redes da empresa pasteira que promove unha poderosa campaña de incentivos económicos.
Cómpre seguir informando, facendo pedagoxía, intentando convencer a veciñanza de que o verdadeiramente produtivo e o máis saudable para o noso territorio é a vexetación autóctona e a xestión dos montes cun enfoque multifuncional.
Ogallá os recunchos polos que transitemos os siareiros da Andaina das Marabillas na casa -e as persoas que visiten Marín por interese turístico e cultural- poidamos ir vendo melloras en anos vindeiros, en vez de laiarnos de que a ría queda cada vez máis lonxe, oculta pola densa cortina ‘australiana’.
Gravados modernos de José Meijón nunha antiga edificación de uso militar, deixando atrás o monte Penizas
Fronte aos eucaliptos -e mesmo os piñeiros-, por fortuna quedan aínda pequenos oasis onde se pode gozar da vexetación do país: carballos e castiñeiros son un agasallo para a vista
O lavadoiro de Lodeiro, unha construción ben interesante dende o punto de vista arquitectónico e etnográfico.
De regreso ao núcleo de Castro, volvemos fixarnos nos elementos máis senlleiros do patrimonio tradicional: antigas chemineas, vellas cancelas de forxa, hórreos… Moitos deles viron tempos mellores e agora por desgraza languidecen por mor do desuso, da falta de sensibilidade, do desinterese das Administracións que deberían estar velando pola conservación destes bens, elaborando medidas que incentiven a súa restauración.
Marabillo-me da terra
marabilla, marabilla, é o mare,
marabillo-me das flores,
marabilla, marabilla son as cores.[“Marabilla”, de Mercedes Peón]
Deixar unha resposta