Publicado por: MontePituco | 02/10/2017

EXEMPLO DE SENSIBILIDADE CO PATRIMONIO

Conxunto rupestre A Carrasca, nº2, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

Que alivio saber que xoias do patrimonio arqueolóxico marinense semellan estar en boas mans. Canto reconforta comprobar que hai propietarios de matos e tomadas sensibles con este milenario legado. Que gusto descubrir que o grupo nº1 do conxunto rupestre da Carrasca loce un aspecto renovado e respectuoso coa importancia histórica e cultural deste enclave protexido; que as raíces dos eucaliptos xa non seguirán poñendo en perigo a integridade das laxes nas que foron gravados estes petróglifos, aló pola remota Idade do Bronce.

Dende a Asociación Monte Pituco dámos as grazas a quen fixo posible esta actuación que, ademais, contou coa autorización de Patrimonio. Parabéns a quen obrou desta maneira prudente na forma e xenerosa no fondo, para que a veciñanza e a sociedade poidamos seguir admirando este fermoso xacemento, que agora recupera mesmo unha parte das vistas á ría que ata este momento non se podían divisar porque a mesta masa de eucaliptos anulaba esa posibilidade.

Admitimos a nosa firmeza e a nosa contundencia contra as accións que perxudican o patrimonio, veñan de onde veñan: das Administracións autonómica e municipal proxectando un polígono industrial que afecta a área de cautela de bens catalogados no Monte Pituco; de auténticos necios que lles causan danos con verquidos, pintadas ou prácticas deportivas absolutamente inapropiadas; de vándalos irracionais que atacan a sinalización que identifica e pon en valor estes elementos; da Comunidade de Montes que despois de ter investido na posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños se desentendeu completamente dos seus compromisos que incluían a recuperación dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás para integralos no itinerario do Lago de Castiñeiras, ou que nun acto irresponsable e inxustificable propiciou a grave agresión a outro dos xacementos da Carrasca por desbrozar un camiño sen tomar previamente as pertinentes medidas de precaución e control arqueolóxico…

…Pero así como se protesta e se denuncian os despropósitos, neste caso cómpre aplaudir e poñer como exemplo a iniciativa d@ propietari@ desta parcela de monte privado. A tala de eucaliptos que invadían o terreo e a súa posterior limpeza non só protexe os gravados fronte ao risco de incendio forestal, senón que tamén beneficia que a presión da arboreda non acabe fendendo os penedos nos que se atopan os petróglifos.

Por riba, o movemento de terras realizado coa retirada da madeira permitiu descubrir outras rochas con gravados cuxa existencia se descoñecía e que agora poderán ser convintemente catalogados, ampliando a importancia deste xacemento. E para redondear a actuación, resultou que tralo paso dos madeireiros o recinto foi balizado con cordas e estacas para que quede constancia do seu carácter singular.

É ou non é como para celebrar? Entre tanta mediocridade, tanto tuzarismo, tanta ignorancia por parte de quen despreza a historia, a cultura e o potencial social e económico que xeraría a aposta pola promoción do patrimonio, benvido sexa este merlo branco. Á marxe das consideracións técnicas que lles correspondan aos expertos sobre o ‘modus operandi’ desta intervención, o obxectivo era evidente e parece cumprido con creces: conservar os petróglifos, darlles a visibilidade que merecen. 

Conxunto rupestre A Carrasca, nº2, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

Conxunto rupestre A Carrasca, nº2, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

Conxunto rupestre A Carrasca, nº2, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

Novos vestixios atopados, pendentes de catalogación

Conxunto rupestre A Carrasca, nº2, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

Conxunto rupestre A Carrasca, nº1, San Xulián. Foto, Paulo Troitiño

[Agradecemento especial a Paulo Troitiño Iglesias polo achado e polas fotografías]

ANTES…

100_8813-e1506981053771.jpg

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: