O que acontece coa Administración -sexa local, provincial, autonómica ou estatal- é ben curioso… Tanto podemos pasar anos sen que ningún responsable político, concelleiro, deputado ou conselleiro se digne en -por exemplo- enviar unhas máquinas a cortar a vexetación que medra nas cunetas dos lugares máis afastados do rural; así teñamos que sortear fentos, silvas e acacias con pinchos para transitar pola estrada, xogándonos o físico nun vial onde por riba hai condutores que circulan coma tolos do volante… Como de boas a primeiras operarios de distintos organismos pasan pola zona varias veces, con poucas semanas de diferenza. Alguén lles aprendeu conceptos como comunicación e cooperación, ou optimización dos recursos públicos?
Hai escasamente un mes, a principios de abril, era o Concello o que dispoñía que por fin tocaba adecentar as beiravías e os valos por San Xulián, na parte alta da parroquia a onde non chegan as beirarrúas… Hoxe foron operarios da Deputación de Pontevedra os que pasaron co ‘maquinillo’, se ben neste tempo de tan escasas chuvias, a herba non deu medrado tanto como para precisar un repaso.
Benvida sexa, de todos modos, esta actuación; aínda que máis benvida tería sido cando se lle solicitou vía Rexistro á Administración Provincial. Agardemos que non tarden tanto en voltar, nin tanto tempo en atender as peticións veciñais.
Deixar unha resposta