Co lema “Contra a eucaliptización do país”, e para traballar a prol dunha “xestión racional dos nosos montes que respecte a paisaxe e a biodiversidade”, os colectivos ecoloxistas Luita Verde e Erva convocan para este sábado 11 de marzo, ás 10:30 horas, na Casa da Cultura Daniel Castelao de Quintela, en Moaña, unha asemblea para colectivos e asociacións da provincia de Pontevedra.
Presentan a convocatoria co seguinte comunicado:
Somos conscientes de que nos últimos anos na nosa terra o avance da superficie ocupada polo eucalipto foi imparable. En moitos casos, foi posible a costa da transformación de prados gandeiros, da corta de masas de árbores autóctonas ou da sustitución de parcelas de monte que estaban a piñeiros. Na actualidade, un novo uso do eucalipto ameaza a biodiversidade, a paisaxe, a cultura e mesmo a economía rurais: o seu potencial uso como especie fornecedora de materia prima para centrais de biomasa.
A eucaliptización da nosa terra non é un proceso novo. É o resultado dunha alianza entre un lobby, o promovido pola empresa ENCE, e as autoridades responsables que levan a política de monte nos sucesivos gobernos do PP na Xunta. Como resultado desa alianza, amplas superficies das comarcas do interior, mesmo á beira da capital do país seguindo o Camiño de Santiago, están sendo arrasadas por plantíos de eucalipto.
Nin rastro queda das nosas árbores, desaloxadas sen contemplación e, con elas, tamén a paisaxe tradicional galega.
Pola contra, masas puras ou mixtas de eucaliptos multiplícanse desordenadamente por gran parte do territorio galego -dende o interior ata a costa-, que se encontra desprotexido ante esta invasión, mesmo en áreas da Rede Natura, un conxunto de espazos que apenas supón o 13% da superficie do país.
Un proceso, pois, que ameaza non só as nosas fragas, carballeiras, hábitats de interese e espazos naturais de gran valor. O desleixo é tal que ata os sectores produtivos básicos para a pervivencia do noso medio rural están en perigo. Mais sabemos que o PP debe aprobar un novo instrumento de planificación forestal e distintas normas de protección da paisaxe. E abordar, tamén, unha mudanza na xestión dos espazos protexidos.
Agora, despois de décadas de desordenación forestal e de desprotección ambiental, é o momento de pór na axenda social, comunicativa e política un problema que ten graves consecuencias para o noso mundo rural, a súa economía, cultura, paisaxe e biodiversidade.
Con este propósito, a asemblea programada en Moaña pretende que os asistentes a este encontro poidan debater e contrastar as posibilidades de organizar a nivel autonómico “unha resposta a curto prazo contra a eucaliptización da nosa terra, envolvendo nela a cantas organizacións, colectivos e persoas sintan a necesidade de pór na axenda outra visión dos nosos montes e das nosas árbores”.
Tamén se vai expoñer a posibilidade de artellar unha asociación específica para “reivindicar o valor das nosas árbores, dos nosos bosques e desa outra visión dos montes, con capacidade para a intervención social, xurídica e técnica”.
Deixar unha resposta