Se a conferencia de Álvaro Arizaga foi ilustrativa e clarificadora para que ao público lle quedasen perfectamente plasmados os argumentos nos que fundamentou a situación de urxencia na que se atopa o patrimonio cultural, as súas achegas víronse enriquecidas co coloquio posterior, no que interviron cando menos representantes de dous dos colectivos -ou máis ben tres, contando a Asociación Monte Pituco- que denunciaron as agresións aos conxuntos rupestres de Pornedo e A Carrasca: Cándido Martínez, do colectivo ecoloxista Luita Verde e representante da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo; e Antonio Costa, da Irmandade Illa de Tambo.
Precisamente, este último afirmou que “non son inocentes os erros” que presentan planeamentos urbanísticos como o de Marín a propósito das deficiencias na catalogación dos xacementos arqueolóxicos ou doutros bens culturais susceptibles de protección. Denunciou tamén que existen “moitas dificultades” para que prosperen as denuncias ou as reclamacións da cidadanía referentes ao estado do patrimonio.
Álvaro Arizaga fixo unha comparanza entre os concellos de Marín e de Moaña a conta de dúas obras que afectaron negativamente ao patrimonio dos dous municipios: por unha parte, o Corredor do Morrazo e os danos que conlevou ao castro de Montealegre -agora tristemente volve estar de actualidade pola ampliación desta infraestrutura, que leva por diante unha parte moi significativa do antigo poboado castrexo-; por outra, a Variante de Marín, que supuxo a realización de prospeccións arqueolóxicas das que non hai “nada publicado”, co ‘silencio informativo’ que conleva que os profesionais e a sociedade non teñamos acceso a datos que poden ser relevantes para o coñecemento da historia e do patrimonio; e onde por riba, como xa recordara Arizaga ao comezo da súa intervención ao referirse a Xan Montenegro, se aterrou un petroglifo no lugar de A Pena, malia as advertencias e os avisos da súa existencia.
Pero había alguén entre o público que non foi a esta charla para informarse, nin para aprender; que nin tan sequera tiña a máis mínima predisposición a mudar de opinión se os datos achegados polo ponente resultaban -como así foi- dunha contundencia aplastante. Había alguén entre o público que tivo responsabilidades políticas directas, nin máis nin menos que na concellaría de Urbanismo durante a tramitación do PXOM, e que foi alí para intentar xustificar a súa xestión diante do medio cento de persoas que asistían á conferencia.
…Sí, á conferencia. Non a un mitin político. Porque foi empezar falar o ex-concelleiro de Urbanismo, e empezar a vérselle o plumeiro, e empezar acto seguido a erguerse boa parte do público.
Tomou nota de todo canto dixo Arizaga que lle puidera deixar en mal lugar referente pola súa responsabilidade no resultado final do PXOM, ou evidenciar o desleixo do Concello en materia de Cultura. E punto por punto foi ‘apuntillando’ mentres o conferenciante mantiña un impoluto silencio; en realidade xa todo estaba dito e plasmado en imaxes claras, concisas, contundentes: os erros de bulto cometidos na catalogación do patrimonio arqueolóxico, as alegacións ignoradas, as consecuencias actuais daquel desaguisado. A réplica pseudo-política non deixaban de ser excusas de mal pagador:
…Sobre a destrucción da mámoa de Pedralonga, que o monte está conveniado coa Xunta.
…Sobre o monte da Subidá, que estaba abandonado e que grazas aos fondos do Plan Arela se excavou pero que por culpa do cambio de goberno paralizouse o plan director que pretendía ampliar a prospección.
…Sobre o PXOM, que a empresa redactora era de Logroño pero que fora así porque gañara o concurso público.
…Sobre o desastre do inventariado arqueolóxico realizado polos técnicos do PXOM, que as coordenadas de localización dos xacementos eran de 1994. “Déronmos a min”, afirmou, botándolle a culpa á Xunta porque “aprobou o catálogo”.
…Sobre a clasificación do espazo que ocupan os petroglifos de Mogor como solo urbano consolidado, quixo insistir en que “non é certo que se poida construir en Mogor”, apelando á liña de protección de Costas e á área de cautela dos propios xacementos arqueolóxicos.
Por falar, ata se enredou na tala forestal realizada no castro da Subidá, argumentando que “ten que ter permiso”. No seu crecente nivel de auto-disculpa chegou mesmo a explicar que se catalogaran “todos os hórreos como se tiveran 100 anos, cando non é así”.
…Que curiosas este tipo de afirmacións. Xusto o contrario do que en certa ocasión dixeron os técnicos do PXOM na Casa de Montes de San Xulián con motivo da presentación do planeamento, en tanto detectaran que empezaran a ‘desaparecer’ hórreos.
E xa o colmo do victimismo foi para laiarse de que o PXOM estivera “case dous anos pendente do informe definitivo da Xunta”, precisamente a causa dos obstáculos da Dirección Xeral de Patrimonio, para “trincar” a posibilidade da súa aprobación no mandato daquel goberno do que el formou parte e favorecer que puidera ser co Pp, que gañou as seguintes eleccións municipais, co que saíse adiante e se aprobase.
…Que habilidade para adaptar as circunstancias aos seus intereses: para xustificar que o catálgo arqueolóxico do PXOM de Marín era correcto, pon por diante que Patrimonio dálle o seu visto bo. Para, a renglón seguido, falar do malos que foron en Patrimonio por pouco menos que obstaculizar a urxente necesidade que tiñan de aprobar o planeamento…
Ante as excusas esdrúxulas, con mencións ao perímetro de cautela dos xacementos, a pregunta formulada por DEFENDE O MONTE PITUCO viña ‘que nin pintada’:
“Como é posible que no límite administrativo entre o Concello de Pontevedra e o Concello de Marín, a parte pontevedresa que corresponde ao monte veciñal de Lourizán estea clasificada como solo de interese arqueolóxico, e ao otro lado desa liña imaxinaria, na parte marinense que corresponde co monte veciñal de San Xulián, se catalogase como solo industrial?”
“Acaso non se produce un agravio comparativo cando se afirma que a carón dos petroglifos de Mogor non se vai construír porque existe unha área de cautela dos xacementos que hai que respectar, e sen embargo, sí sexa posible instalar un polígono industrial no Monte Pituco, onde hai varios conxuntos arqueolóxicos afectando eses terreos e mermando a súa capacidade para erguer naves, polo mesmo principio de cautela patrimonial?”
A resposta de Álvaro Arizaga a esta cuestión foi breve pero suficiente para pechar bocas: “Non está ben valorado dende o punto de vista arqueolóxico”, afirmou sobre a situación na que quedou o Monte Pituco dende o punto de vista urbanístico.
Intercedeu tamén Cándido Martínez para lembrar que existe unha gran zona arqueolóxica que abrangue dende Salcedo ata Gagán, e que en Marín tamén ocupa unha parte importante. Neste sentido, lembrou que unha parte do patrimonio arqueolóxico marinense -Sete Camiños, Pornedo e Pinal de Caeiro- está representado no Espazo Sete Camiños, pero que non todo está posto en valor, en alusión aos complexos rupestres da Carrasca e de Champás. De aí que apostase por enlazar o Espazo Sete Camiños a través destes últimos xacementos con Chan de Castiñeiras e a Ruta das Mámoas.
“É ben triste a frase de que en Galicia sobra patrimonio. Sobra porque estorba”, engadiu o voceiro de Luita Verde e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. “Cando se descobre e se procesa, ten protección; outra cousa é que non faga”, lamentou Cándido Martínez, que tamén insistiu en que estes elementos arqueolóxicos teñen a catalogación de Bens de Interese Cultural, coa mesma protección que a catedral de Santiago, coa diferenza de que para a Administración “o patrimonio pagán non se ten en conta”.
A continuación, Arizaga volveu tomar a palabra para abundar na contestación sobre a clasificación do Pituco como solo industrial:
“Non é unha opción correcta. E a miña opinión persoal é que ademais supón unha aberración paisaxística”.
Volveu interpelar Cándido Martínez para denunciar a “especulación urbanística” que houbo detrás da tramitación urbanística do PXOM marinense, onde se chegaron a contemplar ata cinco áreas industriais. “Era o boom; e así andamos agora, coa Xunta intentando vender parcelas como sexa, cando preto de Marín xa hai áreas industrializadas”, puntualizou, ao que Arizaga engadiu tamén o impacto do parque eólico proxectado no alto do Morrazo, ao que Martínez sumou tamén os proxectos mineiros que baralla o Goberno galego.
Pero sempre hai quen ten máis que dicir, quen actúa como o aceite para quedar sempre por riba da auga. O ex-concelleiro de Urbanismo non podía consentir que a súa xestión fose tan cuestionada e criticada…
“O parque empresarial proxectado no Pituco vén de antigo, dos anos 80; houbo un debate profundo”, comezou afirmando, como descargándose a culpa da clasificación que se lle deu a este espazo. Intentando minimizar -ou disfrazar- o impacto do que sexa que se puidera construír no Pituco, o ex-edil tratou de xustificar que non era o mesmo un polígono industrial que comercial, como disculpando que aquel Goberno local do que formou parte o que intentaba era buscar “zonas para situar empresas”.
A guinda da súa torpeza, o colmo da desvergoña, o summum da prepotencia foi pronunciar as seguintes palabras, que ben poderían quedar gravadas para a posteridade:
“Decidiuse manter ese parque no Monte Pituco porque É INVIABLE. NON SE VAI DESENVOLVER NA VIDA. Vendo a situación dos outros, optouse por manter iso”.
E quedou tan ancho. Tan ancho como alto.
E aínda que as súas lamentables, patéticas, irresponsables, prepotentes, tóxicas palabras precisaban unha contestación acorde -primeiro, porque o motivo da charla non era a xustificación de como nin por que o seu partido tramitara o PXOM dun xeito tan ortopédico; e segundo, porque non era quen para monopolizar as intervencións ao seu favor nin no seu beneficio, nin a prol da súa propia imaxe- o presidente do Ateneo puxo fin á conferencia.
…Xusto a tempo de evitar que alguén do público lle chamase a atención por vir alí só para intentar politizar a charla e para “falar do seu libro”…
[…] CHARLA DE Á. ARIZAGA (II): A SITUACIÓN DE URXENCIA DO PATRIMONIO CULTURAL […]
By: REUNIÓN DE CONCELLO E COMUNEIROS POLO PLAN DE PATRIMONIO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/01/2018
at 16:26