Unha cousa é que cho conten e outra é velo, negro sobre branco -ou en colores-.
A charla de Álvaro Arizaga foi abondo reveladora como para que calquera veciño/a se decate do mal que se elaborou o catálogo arqueolóxico do PXOM. Non había ningún arqueólogo/a no equipo redactor. O máis parecido, no plano profesional, era unha historiadora.
Este xoves analízase na Comisión Informativa de Cultura -previa ao pleno do día 8 de marzo- a moción da Marea de Marín que propón que o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado na sesión deste pasado mes de febreiro comece a elaborarse nun prazo de tempo concreto, que se abra á participación dos colectivos, profesionais e expertos na materia, e que se expoñe publicamente unha vez rematado.
Non houbo ningún representante do Goberno local de Marín na conferencia que Arizaga impartiu no Ateneo Santa Cecilia. Pero o arqueólogo marinense, profesor na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, foi invitado -a petición da Marea- a participar na Comisión Informativa de Cultura; será o momento para trasladarlles á concelleira de Cultura e aos voceiros doutros grupos políticos a necesidade “urxente” de acometer reformas no PXOM que resolvan as eivas, os erros, as lagoas, os patinazos e as barbaridades que recolle dende o punto de vista do inventariado patrimonial.
En anteriores encontros que Arizaga ten protagonizado coa alcaldesa María Ramallo e algúns integrantes do seu gabinete -dos que a Asociación Monte Pituco foi partícipe- houbo compromiso por parte do Concello de levar a cabo esas melloras. Este é o momento; se non se produce ese compromiso, estaremos ante un clamoroso incumprimento; unha neglixencia, no caso de que se volvan cometer máis agresións ao patrimonio arqueolóxico.
Poden empezar polo Monte Pituco (Pornedo). Aquí hai unhas cantas…
Na parte esquerda da imaxe, a ficha do petroglifo de Pornedo 1 no esperpéntico catálogo arqueolóxico do PXOM de Marín: a primeira foto amosa un gravado de José Meijón feito no século XX para identificar un gravado prehistórico da Idade do Bronce. A foto inferior é un plano xeral do monte que NON corresponde coa ubicación do xacemento.
Na parte dereita, a imaxe real do petróglifo de Pornedo nº1.
Á esquerda, a ficha do grupo nº2 do conxunto rupestre do Pornedo. a descrición do gravado acompáñase con dúas fotografías que corresponden a gravados modernos realizados por José Meijón -cincel en ristre- no século XX.
Na imaxe da dereita, as fotografías dos auténticos gravados rupestres da Idade do Bronce.
INSISTIMOS: Ningún pretendido Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico servirá para algo mentres no planeamento se poidan ler barbaridades coma estas.
Na elaboración da ficha correspondente ao petroglifo de Sete Camiños no catálogo arqueolóxico do PXOM de Marín tamén levaron un traballiño bárbaro!
Descríbeno como “representacións de perfil esquemático con cuadrúpedos e círculo con cazoleta central”. Para rematar a xogada, di textualmente que “non se descarta a presenza doutros gravados nas inmediacións”.
…E para quen queira emular a Indiana Jones na procura do Santo Gravado, ilustran a descrición cunha foto xeral do monte (outra zona totalmente distinta á ubicación real, que non o ían poñer tan fácil)… e veña, sáfate e búscao!
En fin, que o inventario de xacementos do Planeamento urbanístico é unha auténtica aventura, e ben que cobraron os técnicos por elaborar esta gincana. Menos mal que nos quedan expertos en patrimonio local como Paulo Troitiño para facerlle unha foto en condicións ao petroglifo de Sete Camiños (imaxe da dereita).
Se identificar o conxunto rupestre do Pornedo -da Idade do Bronce- con fotos de gravados realizados por José Meijón no século XX é unha burricie supina… como se pode calificar a catalogación do petroglifo de Pinal de Caeiro (coñecido como ‘O Ciclista’) no PXOM de Marín?! Para non variar, a imaxe coa que identifican este gravado rupestre é de calquera outra pedra menos da que corresponde; e para máis despropósito, a continuación sitúase o petroglifo no medio da Variante de Marín, como se fose destruído polas obras.
…Á dereita da comparativa figura a fotografía do petroglifo de Pinal de Caeiro, o de verdade, o que SI existe.
E logo seica queren facer un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico? Como non empecen por corrixir estes gravísimos erros, imos de cranio…
[…] PIFIAS DO CATÁLOGO ARQUEOLÓXICO DO PXOM DE MARÍN NO PITUCO (febreiro 2017) […]
By: REUNIÓN DE CONCELLO E COMUNEIROS POLO PLAN DE PATRIMONIO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/01/2018
at 16:26