A charla organizada polo Ateneo Santa Cecilia co arqueólogo marinense Álvaro Arizaga, profesor da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, para falar sobre a situación de “urxencia” na que se atopa o patrimonio cultural do noso concello foi un éxito de público. Ademais de profesionais da Arqueoloxía e expertos formados de xeito autodidacta, na sala atopábanse tamén representantes das entidades que denunciaron as agresións nos conxuntos rupestres da Carrasca e do Pornedo, que son o cerne de todo este ‘barullo’ que desembocou na presentación dunha moción por parte dunha concelleira do Bng para que se puxera en marcha un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico; moción que se aprobou sen as enmendas propostas pola vía de urxencia a conta da Marea Veciñal de Marín tras contactar cos colectivos denunciantes e coñecedores da situación; urxencia que deu pé á carta aberta ao Concello de Marín na que Arizaga -que non puido intervir no pleno ao rexeitarse a urxencia da moción da Marea- xustificaba a necesidade de actuar canto antes para evitar futuras agresións e perdas irreparables, comezando pola corrección dos numerosos e graves erros que presenta o catálogo arqueolóxico do PXOM de Marín.
Álvaro Arizaga comezou precisamente remitíndose á dureza desa carta aberta. Así como a urxencia das actuacións que propón “non é matizable”, advertiu, si quixo restarlle certa contundencia ao “ton pesimista” das súas palabras, argumentando que o feito de que a Corporación aprobe elaborar un Plan de Protección do Patrimonio e que o Goberno local estea disposto a “facer algo”, xa é “un éxito”, comentou.
Alén diso, lamentou as “friccións” existentes entre os grupos municipais a causa dun asunto que, en vez de xerar a actual controversia, debería mover os representantes políticos a “chegar a acordos”, e fixo un chamamento a “non meter en liortas” o que teña que ver coa protección e coa conservación do patrimonio cultural.
Ese optimismo levouno mesmo a supoñer que tamén se aprobará a moción que se vai debater no pleno de marzo a instancias da Marea, completando e concretando a moción do Bng sobre o Plan de Protección de Patrimonio. Moito nos gustaría trabucarnos pero, vendo a actitude do Bng e do Pp, non lle auguramos éxito ás propostas dos colectivos e de profesionais como Arizaga canalizadas a través desta nova moción…
Un dos aspectos que máis chamou a atención da carta de Arizaga ten que ver coa existencia de termitas no Templo Antigo, onde se desprenderon dúas columnas dun altar; a raíz desta alerta, coñeceuse a través das redes sociais un testemuño que daba conta de como nunha vivenda da rúa Echegaray un moble se desplomara estragando toda a vaixela que contiña porque as patas de madeira se esfarelaran. É posible que ambos sucesos estean relacionados porque, como explicou Arizaga, as termitas actúan no interior das estruturas de madeira e a súa presenza non se fai visible externamente, ademais de que a través do subsolo poden acceder a outras vivendas onde seguir alimentándose da madeira que atopan.
Tamén lamentou que dende a visita do conselleiro de Cultura ao Templo Vello en xuño de 2016 non se volvera saber nada das medidas que de forma “inmediata” se ían aplicar por parte do Goberno galego para frear o deterioro da igrexa.
No capítulo do patrimonio arqueolóxico, ao que dedicou a maior parte da conferencia, Álvaro Arizaga fixo un repaso polos atentados máis recentes cometidos. Ademais dos citados incidentes no conxunto rupestre de Champás, tamén coñecido como Cachada Grande, Arizaga aludiu ao sucedido o pasado verán na Pedra do Labirinto de Marín, cando alguén rañou o gravado cun obxecto contundente “estando aberto o Centro de Interpretación”.
Así como existen “medidas de conservación” para protexer os bens culturais, referiuse aos traballos de prevención que se poden facer para evitar, por exemplo, que un incendio forestal destrúa as manifestacións de arte rupestre. Neste caso, é fundamental desbrozar nos arredores do xacemento, tomando as precaucións necesarias para evitar casos como os acontecidos no monte veciañal de San Xulián.
Á vista de todo o que se pode facer e non se fai, Álvaro Arizaga acusou o Concello de actuar con “desleixo e desdén” ante o patrimonio, argumentando que ata para sinalizar un ben cultural cun simple cartel nin sequera son quen de identificalo correctamente coa fotografía que lle corresponde. “O vandalismo é malo, pero cando a institución o fai mal…”, cuestionou o arqueólogo, que tamén repartiu responsabilidades cara á Xunta e o Goberno do Estado.
Tampouco a Deputación sae indemne desta penosa diagnose a propósito da construcción en 1997 dunha estrada que danou a Mámoa de Pedralonga, tamén denominada Chan de Castiñeiras 2. Este monumento megalítico, estudado por Fernando Carrera, presenta no interior da cámara funeraria interesantes gravados que se están deteriorando polo desmoroamento da estrutura e o roce das laxes que a conforman. Por riba, este profesor da Escola de Restauración sostén que todo o interior da cámara estaba pintado, incrementando o valor deste xacemento.
“As mámoas sinalan camiños; camiños que se converten en pistas; pistas que se acaban asfaltando. O triste é que non se fixera nada, e non foi por non ter protestado”, lamentou Arizaga sobre a tremenda afección causada a esta mámoa, cuxa restauración “non é sinxela”.
Malia todo, a mámoa de Pedralonga recibe periódicamente a visita do alumnado da Escola de Restauración -quizais como exemplo do que non tiña que ter sucedido- e Arizaga aproveitou para reivindicar a capacidade desta institución académica radicada en Pontevedra para “axudar na conservación do Patrimonio”.
Máis evidencias da situación de urxencia na que se atopa o patrimonio marinense: en xuño do pasado ano produciuse unha tala de arborado nunha ladeira do castro da Subidá que conlevou o paso de maquinaria pesada por estreitas corredoiras e remoción de terras; todo sen contar co preceptivo control arqueolóxico. A maiores, os restos da corta de madeira quedaron esparexidos na parcela en pleno verán, con altas temperaturas e un elevado risco de incendio.
Arizaga tamén criticou que se arrastraran troncos de grande envergadura sobre un terreo no que apareceron restos arqueolóxicos, e alertou que algunha pedra das que posiblemente marquen o acceso ao castro fose desprazada e quedase nunha situación insegura, podendo mesmo caer montaña abaixo.
“Que unha persoa, por ignorancia, se arrisque a unha sanción de ata 100.000 euros…”, apuntou Álvaro Arizaga, recomendando “ter coidado” cando se acomete un traballo destas características nunha zona susceptible de contar con protección arqueolóxica.
E por que acontecen situacións coma esta? Unha das razóns radica, precisamente, na falta de protección da que adolece o Castro da Subidá no PXOM de Marín. “Está protexido daquela maneira”, precisou Arizaga, argumentando que “este PXOM non é evidente” na clasificación que fai destes terreos. “Ten que estar moi claro, e neste caso é confuso, dá unha información errónea das dimensións do castro”, explicou.
Como a exposición do arqueólogo e profesor se acompañaba en todo momento cunha proxección de imaxes, ao plano do castro nos documentos do PXOM seguíalle a continuación a ficha de patrimonio do ano 94 no que o perímetro do poboado castrexo está “moito mellor elaborado” que no planeamento urbanístico. “Imos cara atrás”, criticou Arizaga, que comparou A Subidá co castro de Santa Trega. “Era unha cidade”, engadiu, en alusión ás proporcións que ocupaba.
Foi nas eivas do catálogo arqueolóxico do PXOM onde se centraron boa parte das explicacións de Arizaga para argumentar que se o patrimonio está nesta precaria situación é polas deficiencias que presenta na principal ferramenta na que, a nivel local, debera basearse a protección destes bens:
-inexistencia de prospección arqueolóxica
-na práctica, baseado no inventario da Xunta de 1994
-erros de localización e de identificación
-proteccións aleatorias e insuficientes
-categorías erróneas do solo
Como xa temos apuntado neste blog do Monte Pituco -porque fomos testemuñas, partícipes e nalgún caso mesmo promotores dalgún deses encontros-, dos problemas que presenta o PXOM xa se falou en varias ocasións coa alcaldesa de Marín, María Ramallo. Sen embargo, nada cambiou neste tempo malia as promesas de que os erros se subsanarían.
Erros colosais como a clasificación do espazo contiguo aos petroglifos de Mogor como solo urbano consolidado, a de máxima categoría urbana. Os colectivos de arqueológos protestaron xa na fase de alegacións do PXOM ao considerar que esta situación era unha “vergoña”.
A suma de despropósitos segue co Castelo de Ardán, co Castro das Pedreiras, co Castelo de Barbudo en San Xulián, do que nin sequera se protexe a croa, criticou Arizaga, facendo fincapé no carácter “aleatorio” do que se protexe e do que non.
Para identificar o petroglifo de Sete Camiños a ficha do PXOM amosa unha foto xeral do monte que para nada corresponde co lugar onde se atopa o xacemento. O petroglifo de Pinal de Caeiro sitúase no medio da Variante de Marín -o que equivale a dálo como destruído- en vez de ubicalo e fotografalo na súa ubicación real, a carón da pista de servizo. Na ficha correspondente aos petroglifos do Pornedo figura unha imaxe duns gravados modernos de José Meijón… O colmo!
Ficha do petroglifo de Sete Camiños no PXOM de Marín, cunha foto do monte que non corresponde co lugar onde está o xacemento
Ficha do petroglifo de Pinal de Caeiro no PXOM de Marín, cunha foto que non corresponde co gravado que, por riba, no plano do PXOM está situado no medio da Variante, como se fose destruído
Outra vez unha foto xeral do monte para identificar un petroglifo nun lugar que non coincide coa ubicación real, co agravante de que a primeira imaxe é un gravado de José Meijón feita no século XX
Na ficha do PXOM correspondente ao petroglifo de Pornedo 2 aparece claramente unha foto dun gravado moderno de José Meijón, do pasado século XX, para identificar un gravado rupestres da Idade do Bronce, de hai 5000 anos de antigüidade.
E para seguir sumando barbaridades abonda con contrastar as coordenadas xeográficas, que “están mal” porque ningunha coincide coa auténtica posición dos xacementos. Como se vai protexer algo que carece dunha localización veraz?
Para protexer e conservar o patrimonio “a clave é que se corrixa o PXOM”. Dío Álvaro Arizaga, un profesional de ampla e contrastada experiencia, cunha traxectoria incuestionable, comprometido coa promoción e divulgación dos bens culturais da nosa vila a través das súas publicacións, dos seus traballos de investigación e da súa colaboración desinteresada con diversos colectivos, entre os que se atopa a Asociación Monte Pituco.
“A situación é pésima”, sentenciou Arizaga sobre a diagnose actual. “Os técnicos de Patrimonio nin sequera sabían que se aprobara o PXOM de Marín”, afirmou o arqueólogo, habida conta do ronsel de despropósitos que acumula o planeamento, dubidando da súa validez legal e criticando que o Concello non teña efectuado as reformas necesarias para corrixir e proceder ás reformas necesarias.
A última parte da súa charla foi para trazar unha perspectiva de futuro na que, de entrada, destacou o “enorme valor patrimonial” que hai no Concello, a pesar da súa mala xestión.
“É evidente que hai concienciación social”, apuntou como outro dos puntos a favor que permite albiscar certo optimismo. “Somos moitos, hai unha alta porcentaxe de arqueólogos”, ao que se engaden os afeccionados, os autodidactas e as persoas interesadas nesta materia, aos que gabou constantemente ao longo da conferencia polas súas achegas.
“Marín ten un enorme potencial”, insistiu Arizaga. Como mostra do que sería posible facer, amosou fotografías antigas da silla de Champás antano, sen os eucaliptos que anulan as extraordinarias vistas da ría que se observarían dende este privilexiado escenario, un santuario da arte rupestre onde “sería baratísimo facer unha intervención”, para o que abondaría talar as especies invasoras que coas súas raíces están oprimindo as rochas. “Se isto arde, quedarán as vistas e as pedras, pero os petroglifos non”, advertiu.
“Cómpre seguir investigando para protexer o que temos”, apelando á colaboración entre os profesionais da Arqueoloxía e os afeccionados, entre os que “nunca debería haber fronteiras” que os separasen para uns e outros se nutrisen das achegas de todos.
A súa charla, antes de dárlle paso ás preguntas e ás intervencións do público -este apartado será motivo dun próximo artigo-, remataba con imaxes en 3D do Castro da Subidá como mostra das novas ferramentas que os especialistas xa poden manexar para seguir pescudando no pasado, para reformular os coñecementos actuais. “Hai un potencial de investigación que cómpre desenvolver”, concluía Álvaro Arizaga.
Por desgraza, ningún responsable do Goberno local asistía a esta charla tan completa, tan ben estruturada, tan ilustrativa e tan didáctica. Precisamente, cando Álvaro Arizaga comezaba a súa intervención no Ateneo Santa Cecilia, a concelleira de Cultura reuníase no Museo Torres cos membros do xurado do desfile de Entroido no Museo Torres. Esa xuntanza que, inicialmente estaba programada para o venres, adiantouse ao xoves -que casualidade!- á mesma hora que a conferencia sobre a situación de urxencia do patrimonio arqueolóxico.
Se o movemento se demostra andando, a ausencia de responsables municipais na ponencia de Arizaga pode que tamén demostre o verdadeiro ‘interese’ de quen apoiou no Pleno a moción a prol do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico. Só a concelleira Sandra Pesqueira, da Marea Veciñal de Marín, comunicou a súa negativa a participar no encontro do xurado do Entroido para escoitar a Álvaro Arizaga e tomar nota das súas recomendacións de cara á moción que, agora pola vía ordinaria, se tratará na próxima Comisión de Cultura previa ao seu debate no Pleno, e que irá na liña do que se rexeitou tratar no pleno de febreiro: a necesidade de marcar un prazo para a posta en marcha do Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico, de facilitar a participación dos colectivos que traballan nesta liña, e de expoñer ao público o resultado dese Plan para que sexa coñecido pola veciñanza.
PD: A carta aberta de Álvaro Arizaga ao Concello de Marín estaba dedicada á memoria de Xan Montenegro, que fora presidente da Asociación de Veciños de San Xulián. Da súa figura falou tamén ao comezo da súa intervención, poñéndoo como “modelo” de sensibilidade e preocupación polo patrimonio cultural e arqueolóxico do noso concello. Malia as súas protestas, non foi posible salvar das obras da Variante o petroglifo localizado no lugar d’A Pena, que foi aterrado no recheo efectuado coa autorización da Comunidade de Montes de San Xulián e ante a indiferencia da Dirección Xeral de Patrimonio.
[…] Carrera é un dos profesionais citados por Álvaro Arizaga -que tamén imparte clases na Escola de Conservación e Restauración- na charla que impartiu […]
By: VIMIANZO MERCA TERREOS CON VALOR ARQUEOLÓXICO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 07/03/2017
at 20:38
[…] CHARLA DE Á. ARIZAGA (I): A SITUACIÓN DE URXENCIA DO PATRIMONIO CULTURAL […]
By: REUNIÓN DE CONCELLO E COMUNEIROS POLO PLAN DE PATRIMONIO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/01/2018
at 16:26