[Aspecto do xacemento en maio de 2015, trala limpeza realizada previa á instalación da sinalización do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños]
[Aspecto do conxunto rupestre do Pornedo en xullo de 2016, apreciándose a alta densidade de fento de grande altura no camiño de acceso aos petroglifos]
Pasou máis dun ano dende que se limpou a vexetación -por primeira e única vez, que nos conste- na contorna do conxunto rupestre do Pornedo. A estas alturas de 2016, o xacemento volve estar parcialmente rodeado de fento, dificultando que estes valiosos petroglifos se poidan visitar en plenas condicións ao modificar a excesiva altura das plantas a incidencia da luz do sol na laxe situada a rente do chan, un detalle de grande importancia para a óptima visibilidade dos gravados rupestres, máis aínda no momento do solpor ou do amencer.
Pero a principal causa de preocupación polo exceso de vexetación arredor dos petroglifos é que un incendio forestal poida acabar con eles de xeito irreversible; de aí que un labor preventivo contra o lume sexa fundamental, para o que cómpre, de xeito ineludible, retirar a materia combustible no ámbito dos xacementos.
Dende DEFENDE O MONTE PITUCO, unha das solicitudes dirixidas recentemente á Comunidade de Montes de San Xulián é a limpeza deste conxunto rupestre, extensible aos petroglifos de Pinal de Caeiro e de Sete Camiños.
Para evitar riscos na integridade das rochas, e tendo en conta que nos tres casos se trata dun traballo físico moderado e moi asequible, xa que non conleva un esforzo desmesurado e dende o punto de vista económico sería moi barato, abondaría con empregar ferramentas manuais. Non estaría de máis, dende logo, a supervisión dun arqueólogo/a que dirixira os traballos en plenas condicións de seguridade para a preservación dos gravados.
[Toxo rodeando os petroglifos de Sete Camiños, xullo de 2016]
[A vexetación cubre o soporte do panel informativo do conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, xullo de 2016]
Deixar unha resposta