Aínda que o Concello de Marín non ten amosado demasiado interese pola posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, máis aló de ter programado unha única ruta de sendeirismo (que a piques estivo de non chegar a celebrarse se non fose pola ‘presión’ realizada para que se levase a cabo), a Comunidade de Montes de San Xulián ten a responsabilidade e a obriga -cando menos, ‘moral’- de velar polo óptimo estado de conservación da parte que lle toca nesta iniciativa que abrangue tamén as Comunidades de Montes de Salcedo e de Lourizán.
Proba de que a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños –inaugurado o 7 de xuño de 2015– moléstalle e resúltalle incómoda a certas persoas e/ou entidades con intereses especulativos vencellados ao polígono industrial proxectado no Monte Pituco, é o elevado número de agresións ao ‘mobiliario’ que se instalou para marcar o roteiro, aló polos meses de marzo e abril de 2015. Varios postes sinalizadores do itinerario da ruta foron roubados e o panel informativo dos petroglifos de Pinal de Caeiro foi agredido.
Son accións propias de xente canalla, covarde e que non lle quere ao monte, nin á parroquia, nin ao Concello. Calquera veciño/a de ben estaría orgulloso de poder presumir dun patrimonio histórico tan valioso, de que persoas doutras localidades visitaran San Xulián para coñecer a riqueza destes xacementos, a biodiversidade e a paisaxe do ‘balcón da ría’. Pola contra, a carraxe, o auto-odio, a envexa e a ignorancia son as lacras que motivan estas sabotaxes.
Por riba, son agresións inútiles, porque o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio de moitos colectivos ambientais e culturais, e coa defensa acérrima da Asociación MONTE PITUCO, que continuará contra vento e marea organizando andainas, difundindo información, promocionando o seu coñecemento aos catro puntos cardinais e denunciando as alertando das deficiencias que poidan xurdir.
DEFENDE O MONTE PITUCO, que formou parte da Comisión Técnica do proxecto dende a súa presentación pública en abril de 2010, vén de incluír no paquete de medidas presentadas ante a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián unha solicitude para que se repoña a sinaléctica que falta. Se acaso con materiais cun custe máis asequible, ou mesmo racionalizando o número de postes, que nalgún punto mesmo resultaba excesivo, pero animando a Comunidade a que non caia na inercia de deixar esmorecer o Espazo Sete Camiños para satisfacción dos detractores desta acción de posta en valor social, cultural e ambiental do noso monte veciñal.
O mesmo poste, con dous puntos de vista. Estaba situado no cruce da pista forestal do Pituco co sendeiro que conduce ao túnel da Variante. DESAPARECIDO.
Poste a carón dos depósitos da traída de augas do lugar do Caeiro, a escasa distancia do túnel da Variante. Había outro poste a poucos metros do propio túnel. AMBOS DESAPARECIDOS.
Poste que estaba situado na saída do túnel da Variante, a carón das vivendas do lugar de Caeiro e da pista de servizo que conduce aos petroglifos de Pinal de Caeiro. DESAPARECIDO.
O panel informativo dos petroglifos de Pinal de Caeiro, a carón da pista de servizo da Variante, foi agredido durante o tempo que duraron as obras de instalación da rede de abastecemento de auga de Acuaes. A superficie adhesiva que contiña a información do xacemento foi ARRINCADA do soporte metálico.
Poste que marca a ubicación duns gravados modernos de José Meijón, preto do conxunto rupestre do Pornedo. DESAPARECIDO.
Poste que marca a ubicación do surtidor de auga coñecido polo topónimo tradicional de Fonte das Pulgas, entre O Pornedo e Sete Camiños, na beira da pista forestal do Pituco. DESAPARECIDO.
Deixar unha resposta