Queremos ir debullando, detallando e argumentando cada unha das doce propostas que se lle presentaron por escrito á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián para que valoren implementalas no menor prazo de tempo posible. Máis aló do custe que poidan supoñer, que en todo caso sería bastante asequibles para unha Comunidade do tamaño de San Xulián, cos recursos que ten e co canon que percibe anualmente do Ministerio de Defensa pola cesión de terreos á Brilat; o importante destas peticións é a repercusión positiva que teñen a nivel social, ambiental e cultural.
Entre as de menor cuantía económica cabe destacar a reposición do panel informativo que prohibe a circulación de vehículos motorizados no sendeiro que conduce ao conxunto rupestre e ao miradoiro do Pornedo; unha zona na que a veciñanza puido recuperar por fin os usos agrogandeiros tradicionais -recollida de estrume e madeira- que se deixaran de practicar dende que este terreo fora tomado e monopolizado por motoristas e condutores de quads que converteran esta ladeira nun circuíto ilegal.
Afortunadamente -con esforzo e superando algún que outro conflicto- esa actividade foi erradicada e o val do Pornedo, xa coa súa capa vexetal recuperada, volve recibir os tractores e os chimpíns dos habitantes da contorna, que son a excepción á norma que rexeita o tránsito de vehículos mecanizados, para facilitarlles así o transporte das materias primas colleitadas: fento, toxo, herba…
Sen embargo, dende hai uns meses -xa demasiados, por desgraza- ese sinal de advertencia foi literalmente arrincado do seu emprazamento e apareceu tirado a uns metros, a carón do propio sendeiro. Actualmente a vexetación cúbreo por completo.
A proposta que encabeza a listaxe de peticións dirixidas á Comunidade de Montes reclama precisamente que se recupere ese sinal e se volva colocar onde estaba. Como non habería que encargar a fabricación dun novo cartel, senón que se podería aproveitar o existente, agás que sufrise moito deterioro pola súa precaria situación e o tempo que leva tirado, o único gasto que conlevaría sería a man de obra pola reposición.
O sinal foi instalado en xuño de 2011
Falta da súa ubicación no cruce entre a pista forestal e o sendeiro, polo menos dende abril deste ano 2016.
Neste tempo, algúns motoristas aproveitan a ausencia de sinalización -malia que coñezan a prohibición anterior- para acceder con vehículos todo-terreo e motos.
Deixar unha resposta