Co asfaltado do vial de servizo da Variante ao seu paso polo lugar de Caeiro ponse fin, aparentemente, a un longo proceso iniciado coa exposición pública do proxecto de ACUAES para a instalación da nova rede de abastecemento de auga. Un proxecto ao que a Asociación MONTE PITUCO alegou ata en dúas ocasións para evitar dúas ameazas:
1ª) que non se instalara no Pituco un ramal das tubarías que quedase soterrado con vista a enganchar nel a hipotética instalación do polígono industrial proxectado no PXOM e no Plan Sectorial de Áreas Empresariais
2ª) que as máquinas non furasen no monte, evitando especialmente a afección na área na que foi soterrado un petroglifo pendente de catalogación durante as obras de construcción da Variante, nunha desafortunada actuación que contou co visto e prace da antiga dirección da Comunidade de Montes de San Xulián.
Tralas xestións realizadas, o primeiro obxectivo -aparentemente- quedou en parte logrado porque non se instalaron as tubarías previstas, senón que a hipotética conexión tería quedado nunha arqueta; o que non significa que se vaia levar a cabo. Esas foron as explicacións. Outra cousa é o que verdadeiramente teñan acometido os operarios seguindo as instruccións do proxecto.
Pero, por desgraza, non fomos quen de impedir o acceso das máquinas monte a través pola área do petroglifo desaparecido. Polo menos, houbo traballos de prospección arqueolóxica para garantir que o paso das tubarías non afectase en principio a ningún ben de interese histórico-cultural. Nesas catas quedou patente a composición rochosa do lugar ao aparecer penedo a pouca profundidade. Non en van, a esa altura, o topónimo da zona é “A Pena”.
Subida pola pista de servido cara ao conxunto rupestre de Pinal de Caeiro.
Dende a Asociación MONTE PITUCO, ao ter coñecemento de que se estaba a producir o asfaltado desta pista, contactouse inmediatamente por via telefónica cun directivo da Comunidade de Montes de San Xulián para que tivesen a ben supervisar a reposición deste vial nun punto tan sensible como o acceso ao conxunto rupestre de Pinal de Caeiro.
Este xacemento fora balizado con cinta e valado metálico dun xeito que requeriu a intervención correctora do Servizo Provincial de Patrimonio da Xunta, a instancias da Asociación MONTE PITUCO, que apreciou deficiencias na sinalización destes gravados.
Unha vez que se tapou o burato aberto para a colocación da tubaría, o valado e a cinta foron retirados. Curiosamente, e de xeito un tanto imprudente, non se repuxo a sinalización ante a previsión da reposición do vial ao seu estado inicial. Tendo en conta o paso de maquinaria pesada e a manipulación de materiais potencialmente agresivos, como aglomerado, non tería estado de máis unha maior cautela; de aí a petición á Comunidade de Montes para que realizase o seguemento (do que non temos constancia directa de que se realizara, tralo aviso telefónico lanzado).
A título informativo, a imaxe que figura a continuación foi tomada este pasado mes de febreiro. É o panel informativo que se instalou para sinalizar os petroglifos de Pinal de Caeiro, coñecidos como ‘O ciclista’, no marco das accións de posta en valor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Alguén que odia o patrimonio, que aborrece a quen loita pola difusión da historia e da cultura, alguén con nulo respeto polo ben común, alguén que despreza os investimentos dunha Comunidade de Montes cos cartos da veciñanza para facer algo positivo pola parroquia, cometeu esta agresión, arrincando a lámina que contiña a información, as fotografías e os debuxos deste gravado. Probablemente a mesma persoa que tamén atentou contra o panel explicativo do Espazo Sete Camiños no acceso á pista forestal do Pituco.
Alguén, en definitiva, resentido, frustrado, inculto e infeliz, que só acada certa satisfacción facendo mal ao crer erroneamente que así desanima e chafa a quen traballa a favor de todo o que este especimen despreza. Ao contrario, máis ganas, máis forzas e máis motivos nos dá para seguir reivindicando máis Cultura, máis Paisaxe, máis Historia, máis Natureza!
Deixar unha resposta