Publicado por: MontePituco | 10/05/2016

DEPORTE vs. NATUREZA (II)

O pasado sábado 7 de maio a Asociación Almuinha organizaba un roteiro que, dende Marín, bordeaba o río Lameira e chegaba ata o Lago de Castiñeiras. Repetíase un itinerario no que xa participamos en 2014, convocado pola mesma entidade.

Nun treito da ruta, os sendeiristas atopáronse co camiño sementado de botellas de plástico, o que causou o malestar e a indignación dos participantes, algún dos cales compartiron fotografías deses residuos nas redes sociais, xerando numerosas reaccións de rexeitamento e de protesta polo que se considera unha agresión ao medio ambiente e unha falta de respecto ao monte. 

Restos de cintas de marcaxe da proba ciclista. (Foto: M. López)

Restos de envases sementados polo chan. (Foto: M. López)

Residuos acumulados trala proba deportiva. (Foto: M. López)

[Fotos: M. López]

A aparición destes envases tiña relación cunha proba ciclista de descenso que se realizara o domingo 1 de maio, organizada polo Club Deportivo Kamikazes, de Marín, segundo nos informou o presidente da Comunidade de Montes de San Xulián.

Faro de Vigo, 4 de maio 2016

Coincidiu a difusión nas redes sociais desas foto-denuncias coa adhesión e a solidariedade de afeccionados ao deporte das dúas rodas que, nun dos seus foros, expresaron a súa condena polo lamentable estado no que quedara o monte. 

Ás poucas horas, xa empezaban a trascender imaxes dos lugares afectados, nos que se procedía non só á limpeza dos frascos de bebida ciscados, senón tamén da retirada das cintas de marcaxe do circuíto e dalgunha estrutura de madeira instalada pola organización.

Efectivamente e con bo criterio, todas as opinións recollidas coincidían en que era responsabilidade da organización, é dicir, do Club Deportivo Kamikazes, deixar o monte en óptimas condicións. 

Limpeza das zonas afectadas polo lixo (Foto: R. Mella).

Limpeza das zonas afectadas polo lixo (Foto: R. Mella).

Limpeza das zonas afectadas polo lixo (Foto: R. Mella).

[Fotos: R. Mella]

Temos constancia de que a Asociación Almuinha puxo os feitos en coñecemento do Concello de Marín, cun escrito de protesta dirixido á edil de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, e ao concelleiro de Deportes, Antonio Traba.

Probablemente, se alguén da Asociación Monte Pituco tivera participado nesa andaina, tería sido o propio sábado, e non a golpe de martes, cando se tivera formalizado un escrito de denuncia diante do Concello e do Seprona, previo aviso á Comunidade de Montes de San Xulián.

Precisamente, contactamos coa Comunidade de Montes de San Xulián para coñecer en que condicións se autoriza esta proba deportiva, cales eran os compromisos do clube ciclista e que puidera ter fallado para que o monte quedase cheo de lixo.

O presidente dos comuneiros de San Xulián expuxo que este Club leva varios anos utilizando -co permiso da Comunidade- un treito do monte como zona de adestramento dos seus asociados e que non é a primeira vez que se organiza un campionato desas características. Que se trata dun clube con poucos recursos e que a Comunidade de Montes, atendendo á súa pequena estrutura e aos seus escasos medios, dáballes un marxe “de unha semana a quince días” -cito textualmente- para que devolveran o circuíto ao seu estado natural, sen lixo de ningunha clase.

…Podemos comprender que Kamikazes non estea en disposición de cubrir a organización dunha competición deportiva nas mesmas condicións que un gran equipo. Podemos comprender o esforzo da Comunidade de Montes por harmonizar e compatibilizar os usos do monte, tamén para a práctica deportiva.

O que custa comprender é que dende que se celebra un evento dese ou doutro tipo poida pasar tanto tempo co monte sementado de plásticos, cintas, balizas, sinais ou residuos sen que ninguén supervise, nin esixa que o espazo quede nas mesmas condicións nas que estaba. Por iso xa instamos verbalmente -formalizarase documentalmente para que quede constancia- a Comunidade de Montes de San Xulián a regular con máis rixidez e a ser máis rigurosa no cumprimento das normas de uso dos espazos do monte veciñal. Especialmente en lugares onde o espazo sexa compartido por outros usuarios que non teñen por que soportar as deficiencias causadas por outros, nin sortear lixo alleo que non debera estar tirado, senón depositado nos contenedores axeitados.

É unha cuestión de sentido común e de educación. Primeiro, non tirar residuos no monte, nin no río, nin na praia; igual que non se tirarían na rúa, nin no salón da casa particular de ninguén.

Agardamos que esta experiencia teña servido para aprender a lección para todas as partes, para que non se volva repetir, nin no Lago de Castiñeiras, nin no resto do monte da parroquia, nin en ningures.

[Agradecementos: a M. López polas foto-denuncias e a R. Mella pola mediación para solucionar esta desagradable incidencia]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: