Manifesto lido polo xornalista Ramón Mella na concentración celebrada en Pontevedra, organizada pola Asociación Pedaladas:
Bos días a todos e a todas, moitas grazas por vir a este acto de protesta por un monte libre de trampas e con bicicletas. Primeiro, gustaríanos agradecer a súa colaboración á Asociación de Ciclistas Galegos, á Federación Galega de Ciclismo, clubes, ciclistas e deportistas do máximo nivel que traballastes arreo para dar a máxima difusión posible ao evento. Tamén agradecer a Voz e Sonido por estes medios técnicos e ao Hotel Avenida pola cesión de espazo para a reunión.
Desde a Asociación Pedaladas vímonos na obriga de non deixar pasar os feitos acontecidos nos nosos montes, polo que tomamos a responsabilidade de denunciar e convocar esta protesta.
Pero esta protesta non é dunha asociación, clube ou federación; esta protesta é de todos os que queremos gozar da natureza. Non importa se camiñas, corres, vas en moto, quad, recolles fungos, paseas ou vas en bicicleta, todos somos vítimas duns actos que non teñen ningunha xustificación.
Hai algúns que buscan culparnos dicindo que molestamos, que non imos polas pistas que eles queren, que danamos as árbores, que non respectamos os seus carteis ilegais, que somos moitos, que xoves, domingos e festivos non deberiamos estar no monte porque está reservado para outros. A estes queremos recordarlles que un acto criminal nunca é xustificable e que temos dereito a vivir a natureza, a chegar ao noso patrimonio histórico e a gozar da paisaxe da nosa terra.
Non imos aceptar que a nosa vida se poña en perigo por facer uso dun vehículo sostible, ecolóxico e saudable. Non imos permitir que estes actos queden impunes, polo cal denunciaremos cada feito desta barbarie ante as institucións que deben coidar da nosa seguridade. Non aceptamos que os nosos montes se convirtan en lugares perigosos, como tampouco aceptamos que o sexa a estrada, porque algúns desalmados queiran botarnos fóra.
O conxunto da sociedade non debe tolerar os feitos criminais que supoñen colocar trampas co obxectivo de facer dano ás persoas que imos aos montes, e polo tanto exisimos:
-O estrito cumprimento das obrigas que lle corresponden á Xunta de Galicia como garante do acceso ao monte.
-Ás Administracións, facer unha defensa pechada das actividades lúdico-deportivas que son respectuosas co medio.
-Á Policía, ao Seprona e á Fiscalía, a persecución dos criminais que atentan contra a nosa vida.
-E a necesaria concienciación da sociedade, de que o medio natural é de todos, polo que é a nosa obriga coidalo, e o noso dereito gozar del.
O día de hoxe marca un comezo, un punto de inflexión a partir do cal todos os presentes debemos asumir que temos que unirnos de maneira real para facernos visibles e fortes como colectivo. Esta loita non termina con esta protesta, vai ser longa, e as asociación, os clubes e a federación terémonos que sentar con todos os interlocutores, pero tendo claro que a bicicleta no monte non é negociable.
Que a ninguén lle quede dúbida; estamos determinados a defender as actividades lúdicas respectuosas co medio onde sexa necesario, e a demostrar con feitos nos que se vexa a nosa convicción e a nosa forza.
Moitas grazas a todos e a todas por vir.
“No más trampas en el monte” #cualquierapodriaserdiego
Detrás da pancarta, entre outros membros do colectivo unmontesintrampas.org e da plataforma “Diego somos todos”, atopábase Diego González, un ciclista que sofre unha lesión medular a consecuencia dun grave accidente provocado por unha trampa colocada no monte Alba de Valadares, en Vigo.
Na outra pancarta, do colectivo ciclista Masa Crítica de Pontevedra, o lema “Non máis bágoas”.
Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO, solidariedade con este colectivo. Confiamos en que o Monte Pituco e os montes marinenses sigan sendo espazos libres de trampas para ciclistas nin para calquera outro deportista, ou afeccionado ao sendeirismo, á micoloxía ou ao patrimonio cultural.
[Foto de Ramón Mella no miradoiro do Monte Pituco (Pornedo), publicada en TodoMountainBike.es]
[…] deu explicacións sobre o manifesto co que rematou a concentración celebrada o pasado mes de novembro na Praza de España en Pontevedra -ao final da mesa redonda incidiría neste tema o secretario de […]
By: RESUME DA XORNADA SOBRE ‘USOS E ABUSOS DO MONTE’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 19/01/2016
at 08:39