[Foto dun roteiro de sendeirismo polo Monte Pituco]
As concentracións organizadas pola Asociación Pedaladas e secundadas pola Asociación de Ciclistas Galegos, a Federación Galega de Ciclismo, xunto con colectivos como Masa Crítica de Pontevedra e outras agrupacións de ciclistas, non caeron en saco roto e, ás poucas horas, xa tiveron réplica por parte do presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, e do secretario da Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA), Antonio Mota, que asinaron un contundente comunicado conxunto de ambas organizacións, co seguinte texto:
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñáis en Man Común (ORGACCMM) e a Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA), diante das lamentables declaracións nos medios de comunicación social feitas por algúns ciclistas, e persoas descoñecederas da lexislación vixente, nas que acusaban, sen proba algunha, directamente a veciñanza comuneira e os cazadores, da colocación de cables e táboas con puntas atravesando pistas e camiños forestais, queremos manifestar publicamente:
1) A condena absoluta pola colocación de obstáculos, cables e táboas con puntas nos camiños e nas pistas dos montes, xa que supoñen un verdadeiro acto criminal contra os usuarios, tanto sexan titulares dos mesmos ou non. Neste sentido, reclamamos tanto da Policía Autonómica como do Seprona e da Consellería do Medio Rural, a aplicación de dispositivos de vixiancia nas zonas onde se detectaron, co fin de deter e poder xulgar os delincuentes que os colocan.
2) Os montes veciñais en man común, non son públicos nin privados; son propiedade colectiva, polo tanto comunitarios. A súa titularidade correspóndelle única e exclusivamente á veciñanza comuneira dun lugar, aldea ou parroquia, sendo -dentro das normativas vixentes- os únicos que teñen potestade para decidir sobre estas terras.
3) Ademais de ser unha titularidade comunitaria, os montes veciñais son espazos abertos que cumpren funcións produtivas, medioambientais e sociais. Moitas persoas que non ostentan a condición de veciño/a comuneiro/a son usuarios da función social do monte (sendeirismo, cogumelos, paseos con cans, mountain bike, etc). Mais non poden facelo como se todo o rural fose un inmenso espazo público. Estes usos teñen que estar regulamentados e autorizados polos titulares das terras, como acontece cos aproveitamentos gandeiros, cinexéticos, custodia do territorio, ou mesmo con algún clube deportivo.
4) Esixir, por alleos, usar as terras do monte veciñal e do rural sen autorización dos seus titulares, é un acto de invasión, de ocupación ilegal. Actos que soamente poden traer consecuencias negativas tanto para os titulares das terras (derivadas da responsabilidade civil subsdiaria) como para os usuarios (descoñocemento da situación dos terreos), e mesmo para o ecosistema. Sirva como exemplo o feito de que mentres nos meses de maio, xuño e xullo por normativa (Lei 13/2013) se prohibe os cazadores adestrar os seus cans no campo, outras persoas con cans de compañía que pasean con eles soltos, causan molestias e danos considerables á fauna que neses meses se atopa en pleno período reprodutor.
5) Cando se fala das pistas forestais como vías públicas estase descoñecendo ou ignorando o que di a vixente Lei de Montes: artigo 8, punto 25: “As pistas forestais son para acceso aos montes dos seus titulares, para a execución de traballos ou servizos agroforestais”.
6) Tamén é certo que a vixente Lei recolle no seu artigo 5 que a Consellería competente en materia forestal promoverá a dispoñibilidade de montes e terreos forestais para fins sociais, educativos, ambientais e recreativos. Cuestión esta pola que non se fai nada nese senso, no que tanto por iniciativa das Administracións como de particulares (clubes, asociacións…), contando cos titulares das terras (hai comunidades de montes que teñen incluído o uso social nos seus planos de ordenación), poderíanse habilitar espazos para esas actividades.
Por elo, tanto a ORGACCMM como UNITEGA reclaman da Xunta de Galicia que inicie canto antes unha campaña formativa-informativa nos medios de comunicación públicos (TVG, Radio Galega) que sirva para formar a estes potenciais usuarios do medio rural, de xeito que tomen conciencia de que é necesario respectar os titulares dos terreos nos que desenvolven as súas actividades de lecer, pois son os verdadeiros responsables finais da conservación dos mesmos.
Nas últimas horas, a través de Facebook, téñense producido varios comentarios ao artigo publicado no blog Defende o Monte Pituco sobre o manifesto dos ciclistas. Opinións respectuosas e respectables, valiosas e conciliadoras, que cómpre compartir para abrir o debate e o intercambio de ideas para quen non interactúe a través das redes sociais, e para que quede constancia desas achegas:
Manuel Torres: “Como presidente de Pedaladas, penso que hai que sentarse a falar. É certo que non todo pode ser no monte, pero hai moitos novos usuarios no monte e tamén novos usos. Sen embargo, moitos destes montes non se traballan (en moitos casos por falta de implicación dos comuneiros ou por simple tema demográfico). Temos que repensar todo esto, buscar o beneficio de todos e illar os comportamentos irracionais ou irrespetuosos para poder erradicalos. Temos que traballar coa vista no futuro para que o rural poida volver vivir dos montes e, na miña opinión, eso pasar por estudar como integrar de maneira productiva os novos usos. Exemplos xa existen”.
Jose A. Santos: “O monte veciñal foille “soltado” aos comuneiros por parte dos concellos como quen se desprende dun problema. Persoalmente considero que non todo o que a Administración forestal considera como monte veciñal é tal. Os camiños, pistas etc, son públicos de titularidade municipal porque o seu uso non se restrinxe ao aproveitamento comunitario do monte, senón de toda a sociedade. Cando se pasa o monte aos veciños pásase todo, nun totum revolutum. Os concellos deberían inventarialos e responsabilizarse do seu mantemento e adecuado uso. O que tampouco procede é a apertura de sendas, camiños ou vías campo a través sen a autorización dos propietarios, que son solo os comuneiros. O uso social do monte en toda a súa extensión debe ser potenciado pero quen debe correr cos gastos e a responsabilidade deste uso deberían ser os concellos e é a eles a quen se lle debe esixir. Reclamarlles ás comunidades que se reponsabilicen dos danos e perdas que poidan sufrir as persoas que utilizan o monte veciñal, non me parece a mellor forma de conseguir que se fomente o uso social do monte por parte das comunidades”.
Isabel Núñez Montero: “Creo que se debería empezar por crear una serie de normas entre todos los colectivos afectados y realizar una pequeña ley (ya que los montes suelen ser comunales y se rigen por unas normas y leyes, aunque algunos piensen que es monte abandonado) en la que se especifiquen una serie de castigos para los infractores. Y por supuesto, que el monte es para su disfrute, pero por ser monte no se puede hacer lo que nos dé la gana, ya que hay normas de su uso; y los senderos, por ejemplo, son para respetarlos; y los restos arqueológicos no son para pasarles por encima con motos, bicis o quads. Creo que también estaría bien colocar señales y crear rutas fijas para las bicis porque eso facilitaría su uso y su restricción por zonas adecuadas para ello…Y sobre todo vigilancia, ya que por desgracia los psicópatas existen y el monte tiene que ser un sitio seguro para disfrutar”.
Asociación Monte Pituco: “Eu onte observei boa vontade por parte dos ciclistas, pero matizaría algunhas cuestións do manifesto, como a alusión aos “carteis ilegais” atribuídos a algunha comunidade de montes (non se pode xeralizar) ou que as bicis no monte sexa un tema “innegociable” (vai contra o espírito dunha ‘negociación’) e máis cando o territorio é alleo (propiedade das comunidades de montes). Sen dúbida, cómpre moito diálogo, flexibilidade e sentido común. Téñome cruzado con ciclistas facendo un uso inocuo do monte, dando o seu paseo, parando para tomar unha foto dunha paisaxe; e teño coñecido prácticas nefastas, como un circuíto de BTT cruzando un xacemento arqueolóxico ou marcando as pedras do camiño con spray fluorescente, que o mesmo lle dá a quen pinta se hai gravados prehistóricos ou non… Como tamén teño sufrido algunhas accións deplorables por parte das comunidades de montes, empezando pola miña propia: aterrando camiños de valor etnográfico e cultural ou sulfatando con herbicida preto de correntes de auga. Todo depende nas mans de quen estean os colectivos: tanto por parte dos ciclistas, como dos cazadores, como dos comuneiros… Repito: sentido común, diálogo e honestidade; e ante a dúbida sobre os efectos positivos ou negativos dunha posible decisión, consultar cos expertos ou coa Administración. É a miña modesta opinión”.
Parece que tras recuperar o monte que nos roubaron os militares agora hai quen o reclama só para si mesmo, ou para o uso partidista que lle quere dar coa mesma intransixencia da cal fixeron gala durante décadas eses matóns. Eu dende cativo son ecoloxista, ando en bicicleta e son tan artista como un namorado da arte en xeral. Para máis sei de cogomelos, no seu tempo tiven can, son mozo dunha comuneira e polo tanto podo comprender perfectamente as pretensións de cadaquén. Evidentemente quen pon un madeiro con puntas para foderlle a vida a un ciclista só é un asasino. Asemade quen anda ensinando cogomelos a un grupo de neófitos facendo unha desfeita con eles é un tipo irrespectuoso co medio ambiente. E por descontado quen fai manobras con vehículos pesados riba dos petróglifos galaicos esnaquizándoos ou botando abaixo mámoas (como fixo no seu día a xentalla da BRILAT) está incorrendo nun gravísimo delito en contra dun patrimonio cultural insubstituíble. Pintar pedras para facer circuítos de descenso suicida demostra tamén moi pouco respecto pola nosa Nai Natureza. E para sermos xustos tampouco parece razoable deforestar o monte como se está facendo, non de forma selectiva e gradual, senón cortando eucaliptais enteiros e fomentando así a erosión de amplas extensións de terreo, eliminando de tal modo fragas vetustas que dan acubillo a moitos animais, por moito que todos desexamos bosques de árbores vellas e autóctonas sucados por regatos de augas limpas e cheos de biodiversidade que só serán posibles dentro dun par de séculos. Por suposto o monte comunal debe pertencer aos comuneiros, pero só porque este sistema imposto polos suevos no noso territorio permitiu aproveitar e preservar (que é o máis importante) amplas áreas forestais por seren estas de ben común. Pero lembremos que somos fillos da natureza e non ao revés, e que na esencia do monte comunal está o aproveitamento da xente en xeral deses mesmos montes. Os dereitos de explotación dos comuneiros xa están ben constituídos, pero está claro que o home unicamente entende de normas e leis e que fai falla crear unha normativa flexible para que ninguén abuse dos dereitos tanto sociais como comunais derivados do uso do monte galego. E a quen dane un petróglifo, queime o monte, faga trampas para ciclistas, cace especies protexidas ou fóra do período legal de caza, cárcere de moitos anos e unha multa equivalente aos danos causados. Hai moito criminal por aí solto, e por desgraza sempre son os necios radicais de calquera tipo de facción, ideoloxía ou actividade os que acaban por dinamitar os dereitos de todos.
By: Marcos Dios Almeida on 10/11/2015
at 20:54
[…] tamén para aclarar o comunicado de réplica ao manifesto dos colectivos de ciclistas trala súa concentración do pasado mes de novembro. Ante todo, Morgade insistiu na “condena” […]
By: RESUME DA XORNADA SOBRE ‘USOS E ABUSOS DO MONTE’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 19/01/2016
at 08:39