Publicado por: MontePituco | 21/08/2015

DE NOVO NO PARQUE ARQUEOLÓXICO DE TOURÓN

Visita guiada aos petroglifos de Tourón con X.L. Vilar

O aparcadoiro cheo. As cadeiras diante do centro de interpretación, todas ocupadas. Xente de pé… 

Estamos de novo no Parque Arqueolóxico de Tourón, en Ponte Caldelas, porque o historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar volve ofrecer unha visita guiada por este xacemento, cunha extensión de máis de 150.000 metros cadrados, onde se poden visitar varios conxuntos de gravados rupestres que datan do Neolítico final-Idade do Bronce: Outeiro da Forcadela, Naval de Martiño, Coto das Sombriñas, Laxe das Cruces, Coto da Siribela.

Curiosamente, a sección dedicada á Área Arqueolóxica de Tourón que se aloxaba na web do Concello de Ponte Caldelas está desactivada e non se pode consultar información relacionada con estes petroglifos. De telo sabido antes, teriámoslle preguntado o motivo ao novo alcalde, o socialista Andrés Díaz, que foi un dos asistentes a esta convocatoria, xunto cos concelleiros nacionalistas Lito Muíños e Manuel Barreiro…

[A noticia da visita guiada, na web do Concello]

Visita guiada aos petroglifos de Tourón con X.L. Vilar

A charla previa, con proxección complementaria de fotografías e vídeos, ocupou hora e media, á que lle seguiría a visita nocturna. Deron para moito eses case 90 minutos: para facer un amplo repaso a un legado rupestre que se remonta 4.000 anos atrás ao longo e ancho de Galicia e do norte de Portugal, para escoitar unha vez máis as marabillas que conta Xosé Lois Vilar do patrimonio arqueolóxico do Val Miñor (non debe haber mellor promotor turístico e cultural desa zona… xa lles gustaría [ou non!] a moitos concellos), para tomar nota dos seus cumpridos agradecementos ao traballo de expertos como Antonio de la Peña e Buenaventura Aparicio na descuberta, catalogación e estudo de moitos elementos, e tamén para rir un pouco co humor e coas anécdotas contadas por Vilar, especialmente cando critica as ridículas referencias dalgúns estudos académicos facendo referencia á descrición de determinados petroglifos.

Pero sobre todo, fixo fincapé no perigo que corren moitos gravados rupestres cercados pola vexetación que, a causa do abandono, fan que sexan tan vulnerables aos incendios forestais: as altas temperaturas que acadan as pedras expostas ao lume provocan a formación de termoclasas, esfarelando a súa superficie e destruíndo para sempre a pegada dos ancestros.

Repetiuno non unha, nin dúas, senón varias veces… Se non hai cartos para poñerlles un valado ou un panel informativo, pois nada, pero o básico, o prioritario, o fundamental, é rozarlles os fentos, as xestas e os toxos que medren arredor. Moitos gravados citou Vilar -todos de gran vistosidade polas figuras que representaban- que acabaron irrecoñecibles ou aniquilados.

Visita guiada aos petroglifos de Tourón con X.L. Vilar

Formas abstractas de significado descoñecido -non nos deixaron o folleto explicativo, bromeaba Vilar!-, labirintos, espirais, círculos concéntricos, coviñas; representacións de armas para escenificar poder, dominación, destreza no traballo dos metais; escenas de caza con ou sen figura humana, cervos de extraordinaria e esaxerada cornamenta, marcados sexualmente, feridos mortalmente polas lanzas…

Os nosos devanceiros quixeron deixarnos eses testemuños do seu modo de vida, da súa forma de relacionarse coa natureza, do seu pensamento aínda indescifrable nalgúns aspectos.

Visita guiada aos petroglifos de Tourón con X.L. Vilar

Quen non tivera ocasión de asistir á charla e á visita guiada, ou quen non tivera tempo de facer o percorrido completo, ten unha nova oportunidade o vindeiro 27 de agosto no marco das actividades de “Monumenta: difusión do patrimonio restaurado”, organizadas pola Xunta:

Ás 20:00 horas, visita ao centro de interpretación.

Ás 20:30 horas, conferencia do comisario de arte contemporánea Ángel Cerviño e do artista sonoro Carlos Suárez, sobre a relación entre arte e natureza no século XXI.

Ás 21:00 horas, concerto de Leilía no exterior do centro de interpretación.

Ás 22:00 horas, visita guiada co arqueólogo Santiago Vázquez Collazo á área arqueolóxica para ver os petroglifos con luz artificial, e co arqueólogo e especialista en astronomía Pablo Martínez Alemparte, para trazar a posible relación entre as estrelas e os gravados rupestres.

Visita guiada aos petroglifos de Tourón con X.L. Vilar


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: