Publicado por: MontePituco | 19/08/2015

A RUTA DOS MIRADOIROS DE MARÍN NON É NADA NOVO

Estudo da Ruta dos Miradores realizada por Mikar

O pasado mes de abril a Asociación Monte Pituco presentou unha queixa ante o Concello de Marín pola exclusión do Monte Pituco no proxecto de creación dunha ruta de miradoiros: “O CONCELLO DE MARÍN EXCLÚE O PITUCO DO PROXECTO DOS MIRADOIROS“.

Naquel escrito solicitábaselle á concelleira de Turismo que, atendendo aos valores naturais, paisaxísticos, históricos e culturais do Monte Pituco, e tendo en conta o incremento de visitantes a este ‘balcón da ría’ coa creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, o Concello de Marín non podía deixar o Monte Pituco á marxe desa iniciativa.

Escrito ao Concello de Marín sobre o proxecto dos miradoiros.

Catro meses despois, a prensa local informa que a Axencia Turismo de Galicia subvencionou o proxecto, denominado “Marín, tes moito que ver: Roteiro dos cinco miradores” cun 67,5% do orzamento total, que acada os 13.000 euros.

Pero a Asociación Monte Pituco sabe que este “Roteiro dos miradores” que o actual Goberno local de Marín vai poñer en marcha NON É NADA NOVO.

De feito, antes de que María Ramallo accedera á alcaldía, existiu un proxecto para crear unha RUTA DE MIRADORES no Concello de Marín e a empresa marinense Estudios Mikar realizou o informe de impacto medioambiental, tal e como se amosa na imaxe que encabeza este artigo.

Esta información -que xa non está dispoñible na Internet- apareceu durante un tempo na páxina web da empresa. Foi un dos datos que a Asociación Monte Pituco recabou entre os anos 2010 e 2011 na súa loita contra a clasificación do Monte Pituco como solo industrial.

Daquela, eran catro os miradoiros proxectados. O primeiro deles, o do Monte Pituco. Por esta razón resultaba inconcebible a intención do Goberno local bipartito PSOE-BNG -encabezado polo socialista Francisco Veiga como alcalde e cos nacionalistas Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, nas concellerías de Medio Ambiente e Urbanismo, respectivamente- de proxectar un polígono industrial onde paralelamente existía o proxecto de crear un miradoiro como espazo de esparcemento da cidadanía e de promocion turística para a vila.

Nese proxecto tamén se contemplaban outros miradoiros en Macenlle, na Teoira (erroneamente citado como Teoría na web de Mikar) e na Pastoriza.

Por iso o proxecto do actual goberno do PP non é novidoso, senón unha copia tuneada dun antigo expediente esquecido nalgún caixón.

Á Concellería de Turismo e á Alcaldía de Marín non lles interesa en absoluto o Monte Pituco dende o punto de vista medioambiental e natural; todo o contrario, están agardando a tempos mellores para que o Goberno ‘amigo’ da Xunta acade financiación para desenvolver ese Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais no que se incluíu inxustamente o parque empresarial de Marín-Pornedo; ou a que algunha empresa ‘amiga’ do Porto de Marín teña a ben poñer sobre a mesa o tanto por cento mínimo para xustificar a construcción do polígono de turno; o que a xerencia ‘amiga’ do Consorcio da Zona Franca de Vigo pouse a súa ollada en Marín para facilitarlle superficie ás empresas que non teñan abondo co solo dispoñible nos parques de A Granxa, Balaídos, Bouzas, Porto Molle, no parque tecnolóxico e loxístico de Beade-Valadares, ou que non teñan claro o futuro da polémica Plisán…

Á Concellería de Turismo e á Alcaldía de Marín non lles importa para nada o patrimonio histórico e cultural do Monte Pituco porque nestes días, cando se están realizando obras a carón dun dos xacementos máis interesantes e singulares do Concello -os petroglifos de Pinal de Caeiro, coñecidos como ‘O ciclista’- ignoran as peticións da Asociación Monte Pituco para que os técnicos municipais verifiquen -tan só verifiquen- se as medidas de control arqueolóxico son as idóneas para garantir a protección e a conservación dos gravados rupestres.

A pesar do desinterés da Concellería de Turismo e da Alcaldía de Marín por todo o que beneficie a mellora e a promoción do Monte Pituco; a pesar da discriminación e da exclusión á que sexa sometido o Pituco por parte do Goberno local de Marín ante calquera proxecto no que este enclave teña méritos abondo para encaixar, a Asociación Monte Pituco continuará traballando arreo para situalo na mellor posición posible a nivel social, cultural e turístico.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: