As tubarías que van conformar o que administrativamente se denomina “Nuevo Abastecimiento de Agua a Pontevedra y su Ría” xa están no Monte Pituco. Un camión dedícase dende hai uns días a transportar os tubos pola vía de servizo da Variante de Marín. A pendente da pista é tan pronunciada, que o vehículo -de gran tonelaxe- sube marcha atrás, descarga o material e regresa xa sen ter que virar, tendo en conta a estreitez do vial e a ausencia de treitos con espazo abondo para que poida dar volta.
Na pista de servizo da Variante, por enriba da aldea do Caeiro, atópase o conxunto rupestre catalogado de Pinal de Caeiro. O xacemento foi recentemente sinalizado cun panel informativo no marco das actuación de posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, co-financiado pola Comunidade de Montes de San Xulián.
Estes petroglifos, cuxa área de cautela xa foi seriamente agredida polo trazado da Variante de Marín e pola vía de servizo anexa, que quedou a escasísimos metros da laxe prehistórica, volven estar afectados agora polas obras de instalación da nova rede de abastecemento de auga, xa que as tubarías van quedar soterradas no lugar que ocupa a pista, onde se vai abrir unha zanxa.
Con tal motivo, achegámonos ata o monte, coa intención de verificar se -tal e como procede neste caso- haberá un control arqueolóxico para evitar calquera dano ao conxunto rupestre de Pinal de Caeiro. Comprobamos a pé do terreo que os tubos están xa a menos de 100 metros dos petroglifos, mais non hai ningunha rede nin perímetro marcado arredor do xacemento arqueolóxico, como cabería agardar. En calquera caso, non cabe ningunha dúbida sobre a ubicación do xacemento pola existencia do panel informativo do Espazo Sete Camiños.
Nas proximidades do petroglifo de Pinal de Caeiro a quen primeiro atopamos é a un técnico e un axudante que están realizando medicións topográficas e colocando estacas a rente da pista para marcar a distancia á que van abrir o burato que, en teoría, vai ser no eixe central do vial de servizo.
Continuamos máis aló do túnel inferior da Variante ata atoparmos unha valla que impide o paso a calquera persoa allea á obra. Mais non fai falla incumprirmos ningunha norma de seguridade porque xa dúas persoas ataviadas con chaleque e casco se achegan ata o túnel. Unha delas atende as nosas preocupacións sobre o tratamento que poida ter o petroglifo de Pinal de Caeiro, coñecido como ‘O ciclista’.
Cómpre dicir que foi amable, que escoitou con aparente interés o que se lle plantexou e que as súas palabras -polo menos nese momento- foron de receptividade. Explicou que a empresa que realiza as obras, Construcciones Ortiz, tiña contratado un arqueólogo que xa se desplazara ata Pinal de Caeiro para poñelos en antecedentes da existencia do gravado rupestre. E aínda que este encargado de obra non é de orixe galega, refire unha serie de experiencias profesionais noutras obras a nivel estatal e mesmo internacional, nas que se atoparon restos arqueolóxicos ou se tiveron en conta os vestixios históricos existentes para garantir que a súa preservación.
Admite que no pasado, en xeral, puideron terse cometido abusos e danos irreparables no patrimonio, pero que a estas alturas do século XXI actúase xa con respecto no que atañe aos bens susceptibles de ser protexidos.
Aproveitamos a visita ás proximidades das obras para solicitar a colaboración do persoal da empresa Ortiz coa veciñanza do lugar do Caeiro, xa que as mangueiras que conducen a auga do depósito comunitario ata as vivendas particulares están no mesmo trazado das tubarías, polo que terán que evitar danalas cando cheguen a esa zona e se dispoñan a fender a pista.
O encargado da obra emprázanos a volver tratar este último asunto cando as obras teñan avanzado máis cara ao Caeiro. De momento, ao parecer, as máquinas teñen bastante traballo intentando romper a pedra que hai debaixo da vía de servizo da Variante. O subsolo é puro e duro granito; o ritmo dos traballos é lento porque non é o mesmo meter unha excavadora nunha zona onde basta fincar a pá para sacar terra, que ter que utilizar martelos mecánicos para romper rocha e furar á profundidade necesaria.
…Non lles queda nada, contestámoslles, sinalando as paredes da Variante de Marín, que tamén son moles graníticas nas que houbo que empregar moita dinamita.
Dende a Asociación Monte Pituco instaremos a concelleira de Cultura e Patrimonio de Marín a que se achegue ao lugar das obras para interesarse pola situación do petroglifo de Pinal de Caeiro. Non en van, esta Asociación ten solicitada unha entrevista dende principios do mes de xullo, co compromiso verbal da edil Beatriz Rodríguez de convocarnos en próximas datas.
[…] “As tubarías de Acuaes xa están no Monte Pituco“ […]
By: AS TUBARÍAS DE ACUAES, A CARÓN DO PETROGLIFO DO ‘CICLISTA’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/08/2015
at 23:26