A Asociación Defende o Monte Pituco felicita a veciñanza marinense en xeral, e a parroquia de San Xulián en particular, pola creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que se vai inaugurar este domingo cunha andaina organizada conxuntamente polas comunidades de montes de San Xulián (Marín), Salcedo e Lourizán (Pontevedra), titulares dos terreos que abrangue este roteiro de interese medioambiental, paisaxístico, cultural e histórico. Dende a Asociación Monte Pituco faise un chamamento á participación da cidadanía nesta camiñada, que partirá ás 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pituco (Pornedo), a carón do cruce do Regueiriño (estrada de Figueirido), previa xuntanza dos asistentes ás 9:30 horas.
A Asociación Monte Pituco aplaude a decisión da Comunidade de Montes de San Xulián de adherirse ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e de colaborar na sinalización e na posta en valor dos xacementos arqueolóxicos catalogados no Monte Pituco -petróglifos de Pornedo, dos Sete Camiños, de Pinal de Caeiro- e doutros elementos de interese -miradoiro de Pornedo, gravados modernos de José Meijón- integrados neste roteiro.
Seguindo o ronsel doutras comunidades de montes -San Tomé de Piñeiro, Combarro ou Salcedo, entre as máis próximas, ou Santa Cristina da Ramallosa en Baiona e Mougás en Oia, entre outras- que xa levan tempo practicando un modelo de xestión multifuncional do monte, a Comunidade de Montes de San Xulián comeza a apostar por un concepto de monte veciñal baseado na promoción do patrimonio cultural; unha liña de traballo que necesariamente pasa por asumir a protección e a conservación dese legado milenario que atesouran os montes da parroquia en forma de arte rupestre ou de túmulos megalíticos.
En consonancia, o atractivo do patrimonio prehistórico só pode manterse nun contexto medioambiental idóneo, polo que cómpre seguir velando polo coidado do monte e dos recursos naturais que rodean estes bens. A Asociación Monte Pituco anima a Comunidade de Montes de San Xulián a seguir avanzando nesta dirección, procurando involucrar e sensibilizar a veciñanza no aprezo por este patrimonio colectivo, tan infinitamente valioso.
Como vén facendo dende os seus inicios, a Asociación Monte Pituco apoiará toda iniciativa a prol da defensa e da divulgación do noso patrimonio material e inmaterial, incluíndo a natureza e a paisaxe; en especial, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto no que a Asociación Monte Pituco foi unha das numerosos entidades que lle deron o seu respaldo, ademais de colaborar na súa comisión técnica.
Aínda que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é un importantísimo paso adiante na toma de conciencia da riqueza desta contorna, persiste aínda unha grave ameaza que poría en perigo unha parte do roteiro: o polígono industrial proxectado no Monte Pituco polo Concello de Marín e pola Xunta de Galicia. Semellante infraestrutura resulta incompatible coas accións de posta en valor realizadas no monte, de aí que a Asociación Monte Pituco siga rexeitando este intento de agresión.
Deixar unha resposta