Comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo con motivo da inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños:
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apoia a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños promovido polas comunidades de montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xulián. Este proxecto no que se leva traballando varios anos, procurando o apoio de colectivos sociais e administracións inaugurarase este 7 de xuño cun roteiro que sairá ás 9:30 da mañá desde a área recreativa do Pornedo.
Para a Plataforma esta positiva actuación na posta en valor e divulgación dos valores ambientais e culturais destas áreas de monte comunal, das tres parroquias entre os concellos de Marín e Pontevedra, debe ser o inicio dunha futura ampliación desta iniciativa até o parque da natureza da lagoa de Castiñeiras e, a súa vez, dende este por Chan de Armada até a área recreativa e arqueolóxica de Chan de Arquiña, recuperando e completando o malogrado proxecto de posta en valor ambiental e cultural da rota das mámoas do Morrazo, promovida con fondos europeos por varias comunidades de montes do Morrazo coa colaboración de varios organismos oficiais administrativos a nivel autonómico na década pasada.
Para que estas actuacións non se queden nunha illa deben ir acompañadas tamén necesariamente dunha mellora ambiental da contorna substituíndo os monocultivos forestais de eucaliptos e piñeiros por plantacións de frondosas caducifolias autóctonas a partir dun mínimo dun 30% do total da superficie forestada, promovendo a biodiversidade e ao mesmo tempo protexendo contra os lumes forestais, que adoitan propagarse por causas humanas ou naturais, os citados monocultivos con especies altamente inflamábeis e pirófitas. Por engadido debe existir un control do volume da biomasa do monte baixo respectuoso coa matogueira e sen utilización de produtos biocidas.
Por outra parte deben evitar e rexeitar a recualificación dos terreos para usos industriais e especulativos a nivel urbanístico que de xeito desenvolvementista e insustentábel van máis alá dos usos forestais e agrogandeiros tradicionais e dos sociais, recreativos e mesmo científicos respectuosos co medio.
Isto implica inevitabelmente rexeitar o proxecto do parque industrial promovido polo Concello de Marín no seu PXOM no Monte Pornedo e aprobado recentemente pola Xunta de Galiza dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza, a carón do propio espazo natural e arqueolóxico e que formaría unha barreira aformigonada e asfaltada de naves e viais de acceso que impactaría irreversibelmente con terreos en forte desnivel na paisaxe, nas augas de varios nacementos e no solo e dividiría a área natural e arqueolóxica en dúas, dende o alto de Pornedo até os xecementos dos complexos rupestres da Carrasca e Champás nos montes da parroquia de San Xulián.
Tamén rexeitamos outros proxectos como a área de desenvolvemento eólica do Morrazo, que afecta coa ubicación de varios “aeroxeradores alternativos” os altos de Cotorredondo e Castiñeiras, na contorna da lagoa, máis os altos do Picouto da Graña e da Encavada, nas proximidades do propio espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, ou o parque eólico de Pedras Negras que dentro da mesma área de desenvolvemento afecta a nivel ambiental, social e cultural con catorce aeroxeradores, pistas, gabias, cableado e subestación eléctrica a paisaxe e o territorio da continuidade destes montes até a serra de Domaio e a antes citada rota das mámoas dende Chan de Armada até Chan de Arquiña.
Tamén rexeitamos varios proxectos de investigación e exploración mineira para extracción de granito e de enerxía xeotérmica, que se solapan no territorio e afectan así mesmo as áreas máis altas da Serra Domego, Monte Gagán, e Serra Basil, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, que catalogados como solo rústico de especial protección de espazos naturais, onde non están autorizados os usos industriais, e que na súa totalidade abrangue dende esas zonas máis altas até o propio monte Pornedo.
A Plataforma avoga por un novo modelo baseado no decrecemento, na reciclaxe e reaproveitamento de materias primas, e no aforro e eficiencia enerxéticos.
Volvemos reclamar unha maior protección ambiental dos montes, como xa fixemos en marzo do 2012 á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza, solicitando a ampliación da Rede Natura para os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro máis outros ampliables como por exemplo os montes de Lourizán.
Deixar unha resposta