3 de xuño de 2015. O local da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, en Pontevedra, acolleu a rolda de prensa que anuncia a inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Hai cinco anos, o 16 de abril de 2010, era na Galería Sargadelos onde os integrantes da comisión técnica do PROXECTO DE CREACIÓN do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños presentaban o que, aquel día, se calificou como “unha iniciativa ilusionante” que desexabamos que “se poida facer realidade algún día”, dixemos os membros do grupo.
Ese día vai chegar este domingo 7 de xuño de 2015, coa andaina inaugural do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que sairá ás 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo, a carón do cruce do Regueiriño, na estrada de Figueirido.
…Mais cómpre botar a vista atrás e lembrar, para empezar, as persoas que creron neste proxecto, que o apoiaron decididamente, pero que xa non están para compartilo connosco: Saturno Vidal (terceiro pola dereita, de pé), representante da Asociación de Veciños de San Xulián, deixounos en agosto de 2013; antes del, Xan Montenegro, presidente do mesmo colectivo veciñal, en xuño de 2011. Témolos na nosa memoria e no noso corazón; e onde sexa que estean, han estar orgullosos deste importante logro colectivo.
Hai cinco anos o proxecto atopábase nun estado xerminal: o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños era unha criatura que ía medrando coa incorporación de novos elementos do patrimonio etnográfico que complementaban os petroglifos e as mámoas catalogados, así como material recuperado da tradición oral. Gravouse un documental que foi presentado no Teatro Principal de Pontevedra en xaneiro de 2012, e organizáronse varias rutas divulgativas; non só para reivindicar a posta en valor deste valioso legado, senón tamén para advertir e para concienciar a sociedade sobre os perigos que entorpecían a súa posta en marcha e que mesmo ameazaban a súa viabilidade: dunha parte, o perímetro de seguridade da Brilat xa é un problema superado, unha vez que a Comunidade de Montes de Salcedo recuperou a titularidade dos terreos ocupados pola base militar; pero doutra banda, segue persistindo un segundo problema, xa que o Concello de Marín e a Xunta de Galicia impulsaron a creación dun polígono industrial xusto a carón do perímetro do Espazo Sete Camiños, en terreos da parroquia de San Xulián. A Asociación Monte Pituco vén centrando todos os seus esforzos para evitar que semellante agresión se leve a cabo nunha zona clasificada como Espazo Natural dos Montes do Morrazo, e en plena fachada da ría.
Sobre a Comunidade de Montes de San Xulián cómpre facer unha mención específica. Porque se xa ten mérito que as comunidades de montes veciñas de Salcedo e de Lourizán apoiaran o proxecto dende o principio, non menos mérito ten que a comunidade de montes que máis atrancos puxo a esta iniciativa; xa non a máis reticente, senón a comunidade que -de entrada- rexeitaba adherirse á proposta; a que nunca apoiou nin unha andaina, nin unha presentación; a que non puxo ningunha facilidade porque algúns dos seus antigos directivos eran máis partidarios do polígono industrial proxectado que da conservación e da posta en valor do monte, finalmente decidiu non caer no erro histórico de perder este tren, apurou a subir na última parada e entrar a formar parte desta viaxe pola “encrucillada do tempo”, como di o lema do Espazo Sete Camiños.
Malia todas as diferenzas de criterio e as duras críticas realizadas contra a xestión pasada, dende a Asociación Monte Pituco é de xustiza agradecer a adhesión da Comunidade de Montes de San Xulián ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, solicitándolle encarecidamente que non decaia neste reto de preservar un legado de importancia incalculable, de seguir traballando arreo para poñerse ao nivel das comunidades de Salcedo e de Lourizán, que xa teñen avanzado moito na mellora dos seus respectivos montes.
Sirva o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños para que a cidadanía aprecie a riqueza medioambiental, paisaxística, cultural e histórica destes montes; tamén dende o punto de vista económico, polo potencial forestal e turístico de toda esta contorna. Un polígono industrial é incompatible na ubicación que propoñen o Concello de Marín e a Xunta de Galicia: arruinaría o esforzo e a aposta que fixeron os promotores do Espazo Sete Camiños para botalo a andar; sería un despropósito inexplicable, inxustificable, e provocaría un dano irreversible; o Espazo perdería unha parte do seu atractivo.
Non permitamos que o Concello de Marín e a Xunta de Galicia lle dean ese zarpazo mortal ao Espazo Sete Camiños. O 7 de xuño, tod@s ao monte!
COMUNICADO DAS COMUNIDADES DE MONTES DE SALCEDO, LOURIZÁN E SAN XULIÁN CON MOTIVO DA INAUGURACIÓN DO ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS
O proxecto dos Sete Camiños é unha iniciativa das Comunidades de Montes de Lourizán, Salcedo e San Xulián para a creación dun espazo natural e arqueolóxico nesta zona, a contorna dos Sete Camiños, onde os montes comunais das tres parroquias se xuntan.
Trátase dun proxecto de base, que nacera en 2004 e que durante máis de dez anos foi aglutinando vontades de persoas e de entidades sociais para, finalmente, materializarse en 2015 co apoio explícito de máis de 20 colectivos; un dato que reflicte o gran respaldo social co que conta.
Desta maneira, as tres comunidades de montes reafirman a súa aposta por un modelo de xestión baseado no carácter multidisciplinar do monte, co uso social como un dos seus piares fundamentais; no que xoga un papel destacado a posta en valor do patrimonio cultural que albergan os montes.
No contexto actual, e sobre todo neste caso, os montes veciñais de Marín e de Pontevedra deben actuar como montes periurbáns, permitíndolle á veciñanza das dúas vilas -e de toda a comarca- gozar de lugares coma este, para o esparcemento e o lecer.
Non é a primeira vez que unha comunidade de montes inviste no patrimonio arqueolóxico; mais representa un caso único o feito de que tres comunidades de montes, de concellos diferentes, se poñan de acordo para impulsar un proxecto destas características, por si mesmas, sen axudas públicas, nin a proposta dunha Administración.
Neste sentido, a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños representa que as comunidades de montes acadan a maioría de idade: un cambio de mentalidade no que se refire á súa responsabilidade de cara á conservación do patrimonio arqueolóxico, como propietarias dos terreos.
Por ser un exemplo paradigmático de proxecto de base, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños xa representa un referente a nivel galego.
A iniciativa ten dúas fases: unha primeira, que se inaugura de forma inmediata, consistente na creación dunha páxina web (www.setecamiños.com) e na sinalización da Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños, xunto cos elementos que integran o espazo.
Na segunda fase, cada comunidade de montes procederá á posta en valor dos elementos situados nos seus terreos, segundo os prazos e os medios que considere oportunos. Tamén está prevista a conexión do Espazo co Lago de Castiñeiras.
A empresa A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio -cuxo orzamento foi seleccionado entre máis de media ducia de propostas- traballou durante os últimos meses no deseño e na instalación da sinaléctica dos elementos patrimoniais que conforman o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e do roteiro que o artella. En total foron colocados 30 postes con 51 sinais e 12 paneis explicativos, que inclúen códigos QR para poder descargar as fichas dos xacementos e as audioguías, ademais de 4 paneis en cada unha das entradas ao Espazo -Pornedo, Catadoiro, Pardecelas e A Armada- que se habilitaron.
O deseño e a publicación dun tríptico informativo, dunha guía-catálogo e da páxina web complementan os traballos de creación e de posta en valor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. En total, editáronse 5.000 exemplares do tríptico e 1.500 da guía-catálogo, que se repartiran en diferentes puntos: oficinas de turismo, así como locais sociais e establecementos comerciais de Pontevedra e de Marín. A páxina web, cun atractivo deseño e cunha ampla información do patrimonio natural, arqueolóxico e inmaterial dos Sete Camiños, permite ademais descargar os mapas do Espazo, as fichas dos xacementos arqueolóxicos, as audioguías, etc.
Este proxecto foi posible grazas á vontade e á financiación das Comunidades de Montes de Lourizán, Salcedo e San Xulián, que organizaron para este domingo 7 de xuño unha andaina conxunta de inauguración, á que está convidada toda a cidadanía.
As Comunidades de Montes de Salcedo, Lourizán e San Xulián están orgullosas de crear este novo espazo para o lecer e o goce dos veciños e das veciñas das bisbarras de Pontevedra e do Morrazo; de Galicia enteira. Por iso, a inauguración está enfocada como unha festa da cidadanía, pois ao fin e ao cabo, este proxecto foi feito por e para a cidadanía.
Deixar unha resposta