O mes pasado voltamos o Castro da Subidá con motivo dun roteiro organizado polo Grupo Cultural Ronsel e a Asociación de Comerciantes de Marín Sur (ACEMAS), de Seixo. Os empresarios transmitíranlle aos responsables de Ronsel o seu interese por coñecer o patrimonio cultural marinense; dese xeito poderían recomendarlles lugares que visitar aos turistas que se acheguen ao noso Concello e que fagan compra ou consuman nos seus establecementos.
O historiador Aarón Franco, que participou na excavación do Castro da Subidá realizada en 2011, foi o guía desta expedición. Explicou aspectos que xa coñeciamos de anteriores andainas con outros expertos, mais incidiu especialmente no feito de que unha vez rematada aquela actuación, a Administración non volveu facer ningunha dotación económica que nos permitira afondar máis no estudo dos restos deste asentamento prehistórico, que é tanto como renunciar a seguir investigando na nosa propia historia.
Antón Pousada, do Grupo Cultural Ronsel, deu a benvida ao público.
Reconstrucción do muro da cabana, diferenzando a parte engadido con anacos de pizarra.
Reconstrucción do interior dunha das cabanas excavadas.
Restos do antigo concheiro do castro.
Unha vez máis, volvemos comprobar a perfecta aliñación visual do Castro da Subidá co Monte Pituco (Pornedo), onde o Concello de Marín ten un importante potencial de patrimonio arqueolóxico, con petroglifos catalogados e mámoas nos seus arredores. Aarón Franco non pasou por alto este factor, ao que se suman datos documentais arquivados no Museo de Pontevedra con indicios da existencia dun castro que fora destruído neste enclave.
Na mesma liña, apuntou tamén a existencia de referencias sobre a presenza doutro castro na zona de San Salvador de Poio. Interesante achega na que seguiremos pescudando…
Vista do Monte Pituco (Pornedo) dende o Castro da Subidá.
Nas inmediacións do castro, unha antiga canteira con gravados modernos de José Meijón.
Na croa do antigo castro.
Laxe que contén un petroglifo, na ladeira do Castro da Subidá.
Restos de muralla.
Deixar unha resposta