A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizou o pasado domingo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna do monte Gagán, situado entre as parroquias de San Tomé de Piñeiro (Marín), Domaio e Meira (Moaña) e San Adrián de Cobres (Vilaboa), e integrado dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, en solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.
O punto de partida e de chegada foi a área recreativa de Chan de Lagucheiros, a carón da casa forestal que a Comunidade de Montes de San Tomé aluga ás persoas interesadas en pasar o día ou pernoctar.
Casa forestal de Lagucheiras, en San Tomé de Piñeiro
O percorrido transcorreu por camiños e corredoiras do sendeiro do rego da Fraga e do GR-59 da Ecorrota do Morrazo por Chan de Lagucheiros, Marco de Gagán, ribeira de nacemento do rego da Fraga, Seixos Brancos, Chan de Xestoso, Coto do Home, Chan de Carqueixa, Chan de Arquiña, ribeira do nacemento do rego dos Ladróns, monte Gagán, ribeira de nacemento do rego Noias, Chan de Lagucheiros.
Atopamos motoristas polas corredoiras. Non están autorizados a circular nelas; soamente por pistas forestais.
Ao longo do itinerario fixámonos nas plantacións forestais con carballo e castiñeiro de Chan de Lagucheiros, nas plantacións forestais con bidueiro, castiñeiros e freixos de Marco de Gagán, na área de ribeira do rego da Fraga e no seu afluente dos Ladróns. Tamén foron chamativas as rochas cuarcíticas de Seixos Brancos, as penedías graníticas e as matogueiras de Chan de Xestoso.
Vista do Monte Formigoso
Río da Fraga
As plantacións de frondosas actúan como cortalumes natural.
Atopamos unha ferradura no camiño. Cómpre ter tamén sete follas de loureiro e un saquiño de arroz para atraer a prosperidade ao fogar…
Volvemos, unha vez máis, ao miradoiro de Coto do Home, aínda que non se puido ver a enseada de San Simón porque a ría de Vigo estaba completamente cuberta cunha densa capa de néboa.
Antigo refuxio de pastores
A visita continuou polas matogueiras e brañas estacionais de Chan de Carqueixa, o parque forestal no que se atopan a mámoa e o dolmen megalíticos de Chan de Arquiña, as plantacións forestais con bidueiros, carballos e castiñeiros mesturadas con piñeiros no monte Gagán, así como a área de ribeira do rego Noias ou Neibó -afluentes do rego Loira-.
Coto do Home. A néboa cubría a ría de Vigo…
Abrótega, títpica de solos afectados polo lume.
O miradoiro de Coto do Home, cos seus 624 metros de altitude sobre o nivel do mar, está ubicado no punto máis alto do espazo natural e da península do Morrazo, con amplas vistas panorámicas da Enseada de San Simón e as serras colindantes (Cotorredondo, Outeiro dos Asubións, Fracha, Galleira, Suido, Faro de Avión) do interior da provincia até o norte de Portugal e oeste de Ourense. Ao seu carón existe un punto de despegue de parapente.
Braña estacional
As penedías graníticas de Chan de Carqueixa, a máis de 600 metros sobre o nivel do mar, con forma de bolos, alongadas ou cabalgadas, produto da erosión natural e da formación de diaclasas, posúen un grande valor xeolóxico, natural e paisaxístico, sobresaíndo entre o monte baixo da matogueira e con amplas vistas panorámicas do espazo natural dos Montes do Morrazo entre as serras Domego e Basil, os altos de Monte Faro de Domaio e Coto do Home, enriba de Pedras Negras.
Vista do Monte Faro de Domaio
As penedías graníticas de Chan de Xestoso, entre os 550 e os 600 metros de altitude, conforman outro espazo de grande valor, cunhas amplas vistas panorámicas do Morrazo entre as rías de Vigo e de Pontevedra, desde os altos de Agudelo e Outeiro da Carballosa, Monte Formigoso e Outeiro de Campolongo até O Salnés e as illas Cíes e Ons nas entradas das rías.
A extraordinaria abundancia de rochas cuarcíticas fai honra a súa relación directa co topónimo de Seixos Brancos.
En Seixos Brancos
As matogueiras con toxeira, xesteira, carpazas e carrasqueira, conforman un hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas, e acubillan unha importante fauna vertebrada e invertebrada específica de espazos abertos, en especial aves, morcegos e réptiles, con varias especies vulnerables e en perigo de extinción. Tamén teñen unha importancia agroforestal e gandeira.
As plantacións con especies frondosas de Chan de Lagucheiros, Marco e Monte Gagán son das máis extensas do espazo natural dos Montes do Morrazo, conformando un corredor verde e ecolóxico de grande importancia forestal para a biodiversidade e, así mesmo, de prevención contra os lumes. As carballeiras forman parte do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas.
As áreas de ribeira dos regos da Fraga, dos Ladróns e Noias, teñen un grande valor ambiental pola conformación de zonas húmidas e turbosas cun alto interese florístico e faunístico, con especies endémicas, vulnerables e en perigo de extinción, xunto co valor de situar nas zonas máis altas da península do Morrazo.
A mámoa e dolmen de corredor de Chan de Arquiña, ubicados a 547 metros de altitude no parque forestal e área recreativa do mesmo nome, están catalogados como Ben de Interese Cultural de Galiza, e forman parte do proxecto de posta en valor ambiental e cultural da rota das mámoas do Morrazo. Están integrados no parque forestal e área recreativa do mesmo nome.
Reforestación no monte veciñal de San Tomé de Piñeiro
As principais ameazas desta contorna son a eucaliptización, a invasión das acacias, a intensificación dos monocultivos forestais, a apertura de pistas, verteduras de entullos e, en especial, o proxecto de instalación dun parque eólico de Pedras Negras incluído pola Consellería de Economía e Industria no concurso eólico galego, aprobado no 2010. Este parque contaría con varios aeroxeradores de 119 metros de altura e 112 de diámetro de pás, explanadas de montaxe cunha afección de 70×92 metros e pistas de acceso dun mínimo de 6 metros de ancho.
Tamén está ameazado este espazo polos permisos de investigación mineira para extracción de granito ornamental a nome de Miñán e Pedrouzos, no que se denominan “terreos francos ou rexistrables”, e que baixo a Orde de 7 de febreiro de 2013 convocou na provincia de Pontevedra a CEI novamente a concurso, como si non tiveran data definitiva de caducidade.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo presentou en febreiro de 2013 unha alegación na que se solicitaba a non viabilidade ambiental do parque eólico de Pedras Negras, a suspensión da súa tramitación deixando sen valor nin efecto toda a tramitación realizada ata o de agora, obrigando o promotor (Enel Green Power España) a renunciar á implantación deste proxecto de xeración de enerxía eléctrica e a declaración por parte do goberno da Xunta de Galiza da “prevalencia dos valores e do interese social e público do monte veciñal en man común” baseado no disposto na lei 13/1989 que regula os montes veciñais das comunidades de montes afectadas polo proxecto.
En xuño de 2013 a Plataforma fixo comentarios ao Documento de Inicio do procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza nos que solicitou que mentres non exista esa planificación se paralice a tramitación de novas concesións mineiras, deixando sen efecto os concursos públicos de permisos de investigación convocados. Este colectivo tamén solicitou a elaboración doutra planificación baseada nos principios do decrecemento, da proximidade, da reutilización e reciclase de materia prima, e do uso racional dos recursos existentes fóra de espazos naturais protexidos e por protexer. Por exemplo, a totalidade dos integrados no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza creado polo Decreto 82/1989, entre eles os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro na península do Morrazo.
Por consideralos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo reclamoulle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro máis outros ampliables.
De volta na casa forestal Lagucheiras
[…] Chan de Arquiña, no artigo “Roteiro polo Monte Gagán“ […]
By: A PRECARIA SITUACIÓN DAS MÁMOAS DE CHAN DE ARMADA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 04/08/2015
at 12:42
[…] Mámoa de Chan de Arquiña: ver artigo “Roteiro polo Monte Gagán coa Plataforma dos Montes do Morrazo“ […]
By: A SOCIEDADE PODE ‘SALVAR’ CASTIÑEIRAS, NON OS POLÍTICOS DE TURNO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 10/03/2016
at 23:48