A entrada da pista do Pornedo é a primeira das catro vías de acceso con que conta o Espazo Natural dos Sete Camiños. Dende hai uns días xa está instalado un panel informativo con datos da ruta circular: o plano da zona; a lonxitude total do itinerario, que ascende a 4,5 quilómetros; o perfil do terreo, que determina que se trata dun percorrido de dificultade media; a relación dos 26 elementos incluídos no Espazo, marcados con números sobre o mapa; e un resume do que se pode ver, entre mámoas e petroglifos prehistóricos, gravados modernos, miradoiros ou fontes, sen esquecer o patrimonio oral inmaterial recollido, entre toponimia e lendas. Unha frase destaca neste panel:
“Un paseo no que se combinan os praceres naturais e culturais. Descobre nesta valiosa paisaxe a pegada dos nosos devanceiros”.
Hai outras tres entradas máis ao Espazo Sete Camiños en Pedrouzos, Catadoiro e A Armada.
Nos últimos días, varios directivos da Comunidade de Montes de San Xulián, xunto con representantes da Asociación Monte Pituco e da Comunidade de Montes de Lourizán, achegáronse ata o miradoiro do Pornedo para comprobar in situ a evolución dos traballos de limpeza e desbroce, que han continuar ata a inauguración da ruta, hacia finais de mes, cunha gran andaina convocada conxuntamente polas Comunidades de Salcedo, Lourizán e San Xulián.
Deixar unha resposta