Alá foron catro anos de mandato! Malia que se adoita dicir que o tempo pasa rápido, non parece que fose onte, nin moito menos, cando María Ramallo ergueu o bastón de mando, en xuño de 2011. Semella que pasou unha eternidade, tanto dende o punto de vista dos que están no goberno, que dá a impresión de que levan aí toda a vida, como no polo oposto da maioría dos que están na oposición, que poderían seguir per secula seculorum quentando banquillo, do prescindibles e anódinos que son, politicamente falando.
Hai un longo capítulo de despedidas: ADEUS Veiga, con maiúsculas, au revoir, bye-bye, ata nunca! Marcha para a casiña e ponte a tratamento para curarte desa inmensa soberbia que padeces… Despídese tamén Manuel Pazos Lamoso, o que xuraba e perxuraba que o Monte Pituco era o sitio máis chan de todo Marín. Marcha tamén, e vai descansar a cabeciña onde non teñas a quen meter máis trolas. E librámonos de Esther Crespo, que vai no furgón de cola da lista do Bloque, onde pinta tanto como o que pintou nas últimas lexislaturas, é dicir, nada.
Pola única perda que temos pena é pola de Isabel Martínez Epifanio. Marinenses Independentes deixa de formar parte activa na primeira liña política local. No pleno deste pasado venres 8 de maio unha compañeira de filas de Isabel Martínez acudiu ao pleno coa única intención de ser testemuña da súa despedida da vida municipal. Deulle unha aperta cando rematou a sesión e dedicoulle unhas palabras de afecto que soaron a nostalxia cando, en realidade, para a concelleira independente darlle carpetazo a estes catro anos foi unha liberación, polo queime que supuxo facerlle fronte á maioría absoluta do PP dende o seu posto na oposición unipersoal de Mar-In.
…Foi o mellor do Pleno: ese xesto de solidariedade dunha compañeira de partido hacia outra compensou con creces as dúas horas e media que durou esta tediosa sesión. Foi un momento entrañable que actuou coma un bálsamo contra a carga de negatividade que se acumula asistindo dende as bancadas do público ás liortas, ás puñadas e ás cambadelas que se fan os políticos cando -salvando as lóxicas discrepancias ideolóxicas- tiñan que vogar pola xestión municipal en troques de botarse lixo mutuamente. Pero as siglas de Mar-In non desaparecen, se acaso dilúense no movemento da Marea en confluencia con outras formacións e xentes dispostas a participar dun xeito directo na gobernanza. Mar-In non se extingue; a memoria de Xan Montenegro manterá a flote ese barco mentres permaneza amarrado ao peirao.
Persoáronse no Pleno traballadores de Urbaser afectados polo conflicto coa empresa, que se negaba a concederlles un aumento salarial, o que motivou a convocatoria dunha folga que, afortunadamente, foi suspendida nas últimas horas deste luns ao chegaren as partes a un acordo. Mais o venres o acordo estaba moi lonxe e o único que podían facer os operarios era visibilizar a súa problemática asistindo á sesión da Corporación con carteles pedindo a mediación do Concello para acadar unha solución.
Un dos primeiros puntos da orde do día foi a aprobación definitiva da posta en marcha do mercadillo en Seixo. Pilar Blanco, do BNG, recriminoulle á concelleira de Turismo que “non foi quen de aprobar un regulamento de mercados” no mandato que estaba a piques de finalizar. Luz Santiago, do PSOE, tamén criticou que “las cosas se hacen con rigurosidad, no porque le guste más un sitio u otro”. Isabel Martínez Epifanio desexoulle boa sorte aos comerciantes de Seixo con esta iniciativa. A concelleira popular Cristina Acuña respostoulles na mesma liña do que tiña dito en anteriores plenos sobre este tema: que o lugar e a frecuencia do mercadillo “se ha consensuado con la asociación”. Finalmente, o expediente foi aprobado por maioría co apoio de PP, BNG e Mar-In, fronte á abstención do Psoe.
No seguinte tema tratouse sobre a actualización do catálogo de bens do Concello de Marín, sobre o cal o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, afirmou que é un “documento vivo”.
No turno de réplica, tomou a palabra Francisco Veiga, que tiña ganas de morrer matando. Ou iso cría que facía, ilusamente. O voceiro socialista acusou o Pp de ter ese catálogo “lo más muerto posible” e queixouse de que a documentación chegáballe á oposición “a escasos minutos de acabar el partido” -léase metaforicamente como o mandato- e “sin tiempo para revisarlo, obviando por completo los procedimientos”.
Veiga debía estar sufrindo algunha clase de lapsus memorístico: as súas proclamas chegan tarde de máis para apelar a vellos argumentos que de nada lle serviron nos últimos catro anos; esta xa non é a súa campaña electoral e, por tanto, reivindicar os seus non-logros como alcalde é un feo para a súa sucesora no primeiro posto da lista, e unha ridiculez, porque como político xa non pincha nin corta; ao contrario, máis valía correr un tupido veo sobre a súa pegada, que pasou sen pena nin gloria.
“Ustedes encontraron unos documentos muy avanzados”, dixo o EX-alcalde evocando non só o catálogo de bens, senón tamén o PXOM, dos que dixo que o PP quixo “esconderlos en un cajón”. E como non tiña outra cousa mellor que dicir, tirou de PXOM: “Se pueden llevar adelante muchas actuaciones con él, como DESARROLLAR POLÍGONOS; ustedes no han hecho nada, no vaya a ser que cayera algún golpe por ahí, y han dicho Jesusito de mi vida, que me quede como estoy”. Para escachar da risa… Veiga presumindo do seu peripatético PXOM, recorrido xudicialmente pola Asociación Monte Pituco. Un PXOM que el mesmo sacou dun caixón para vendernos un documento obsoleto, irracional; terrorismo urbanístico contra a fachada litoral da vila e letal contra a obrigatoria conservación do patrimonio histórico e cultural do Monte Pituco, pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo. En definitiva, unha calamidade contra a cal a Asociación Monte Pituco non deixará de loitar ata que semellante despropósito sexa retirado.
Dende o Bng, Xosé María Vilaboa botoulle en cara a Santos que “hay veciños esperando que se lles conteste as reclamacións que fixeron”, polo que “é unha pena que un documento coma este se trate así”, engadiu.
Isabel Martínez insistiu en que o Pp tiña a obriga de “traer cada ano as actualizacións do catálogo de bens, en vez de traelas a todo correr no último pleno”. Tamén cuestionou o rigor do informe técnico municipal, feito dun día para outro e que parecía “ditado” polo concelleiro ad hoc para esta derradeira xuntanza da Corporación 2011-2015.
O último que dixo Veiga sobre este asunto foi para tildar a Santos de ter “complejo de pirómano fallido” e de non vender máis que “humo”, argumentando que “en este puñetero ayuntamiento no hay expedientes”.
A réplica de Santos tampouco lle gustou a Vilaboa, que lle chamou “descarado” por arrogarse o Pxom, os fondos europeos do Arela e outras xestións das que o antigo bipartito reclama a medalla. “As fincas que ocuparon en Aguete están no inventario?”, espetoulle o edil do Bloque, sacando a colación a polémica polas obras no camiño de Aguete, a raíz das cales o concelleiro popular Ramiro Gestido chegou ás mans cun veciño.
Para Isabel Martínez, a forma de actuar do PP consiste en “buscar a maneira de facer culpables os demais polo que vostedes non fan ben”, retrucou.
O debate rematou coa intervención de Santos, contestándolle aos voceiros de Mar-In, Bloque e Psoe. Deste último dixo: “No le voy a valorar su gestión, porque ya le valoraron los vecinos”.
O catálogo aprobouse por unanimidade, con todos os votos a favor.
Fóra da orde do día tratouse unha moción urxente do Bloque sobre a pavimentación do Camiño de Areosa, en Mogor. Pilar Blanco asegurou que se trataba dunha reclamación dos veciños, que levaban tempo sen recibir resposta, polo que xuntaran 64 sinaturas a favor desta actuación.
A popular Marian Sanmartín atacou o Bloque pola “política de oportunismo” que practica, ao “liar uns veciños para sacar tallada”. Segundo Sanmartín, ao Bloque “encántalle coller un tema, abandeiralo, prometer o ouro e o mouro e deixar a pelota no tellado do PP, cunha moción poñéndonos a pan pedir”. A concelleira de Medio Ambiente explicou que se reuniran cos veciños de Areosa, afirmando que estaban “indignados” porque sentíanse “utilizados” polo Bloque. Sacou unhas fotos da zona coa intención de demostrar que o Goberno local xa fixera “o que nos pediron”. Pero cando Marián Sanmartín anunciou que o Pp ía “votar a favor” da moción, a oposición botou unhas risas de guasa.
Lamoso quixo devolverlle o golpe ao Pp, baseándose en que grazas á moción, os veciños “consiguieron que fueran ustedes allí”, polo que, estando no “sprint final, para electoralistas, ustedes”, engadiu o concelleiro socialista.
Isabel Martínez lembroulle a Marian Sanmartin que o seu discurso fora un “mitin” e que o Concello non era o lugar para ese tipo de discursos.
“Vou cumprir a miña promesa de ter un pleno tranquilo”, rematou dicindo Pilar Blanco, que só quixo engadir que os veciños “asinaron libremente” a prol da reparación dese camiño.
Tal e como estaba previsto, a moción aprobouse por unanimidade.
Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción conxunta dos catro partidos de apoio ao Rexistro de Marín.
Unha segunda moción do Bloque foi para pedir o apoio da Corporación para os traballadores de Urbaser. Unha das noticias do día na prensa local dese mesmo venres daba a coñecer a existencia dunha sentenza xudicial que condenaba o Concello a pagarlle á empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo unha débeda de 700.000 euros acumulados entre 2008 e 2011, na época do bipartito. “Este es un Gobierno en funciones y habrá que valorar con los servicios económicos y jurídicos si se recurre”, expuxo María Ramallo, que lle botou en cara ao EX-alcalde que o actual Goberno local teña que pagar actualizacións dun contrato asinado por el.
“Yo sabía tanto que no necesitaba asesor y usted que es abogada, sí”, respondeulle Veiga. Pois ao mellor, Veiga, teríache vido moi ben un asesor para evitar que cometeras erros por descoñecemento, falta de experiencia, imprudencia ou temeridade. Outro galo lle cantaría ás arcas municipais a estas alturas… E como non tiña outros argumentos para defenderse ante o cariz aplastante dunhas evidencias que o deixaban en mal lugar, Veiga optou polo que opta sempre: ‘¡Y tú más!’. E altas doses de demagoxia. “Mientras estos trabajadores de Urbaser piden una subida salarial mínima, usted repartió 150.000 euros entre los funcionarios y abusa de las horas extra”, recriminoulle á alcaldesa.
Por sorte, Isabel Martínez Epifanio foi quen de poñer o foco do problema no lugar que lle correspondía, ante a perspectiva dun debate que comezaba a dexenerar: “Falamos máis de nós que dos traballadores; o que eles piden é xusto, fagamos algo”.
A moción, que contemplaba a posibilidade de suspender a prórroga do contrato se Urbaser non se aviña a un acordo, foi aprobada por unanimidade, entre os aplausos dos traballadores.
No apartado de rogos e preguntas, Muradas sacou por última vez os seus ‘clásicos’ imprescindibles: maceteiros, charcos, as luces dos pasos de peóns, máis charcos… e nun amago por retomar un tema plantexado no primeiro pleno catro anos atrás, sacou a colación as obras dos sumidoiros na rúa Ezequiel Massoni.
“Es llamativo que en 47 plenos de 48, porque en uno no preguntó por este tema, su frase era la de ‘estafa legal’ por parte de la empresa. Yo fui más hábil y presenté una moción, pero usted fue incapaz de escribir una línea“, espetoulle María Ramallo a Muradas, que fixo un repaso á situación: “Primero se abrió un expediente, al Concello le costó 0 euros, arreglaron la calle e incluso más de lo que les correspondía. En cuanto a la fuente, le quedó la cabeza descansada. Se consiguió que la calle se arreglase, se supervisase, y Enmacosa, que es una empresa en liquidación o a punto de desaparecer, está pasando la cámara [por las conducciones] para que usted se quede tranquilo. Fue una pena que nos dejara la calle así, siendo usted tan espabilado y me hubiera gustado tener las fotos hoy para enviárselas por email… Ah, que usted no usa email!“, concluíu María Ramallo, cun ton que soaba a revancha. Muradas farfullou algo, pero María Ramallo non lle deu máis bóla e a pataleta do edil socialista non foi a maiores.
Luz Santiago preguntou pola “trifulca” de Ramiro Gestido (ao que lle chamou Gestoso) pola legalización da casa do concelleiro popular e a ampliación, ata os 9 metros de ancho, do camiño que vai ata esa vivenda. “Por qué se le da licencia sin la visita de los técnicos y tan pronto”, preguntou a concelleira do Psoe.
A alcaldesa contestoulle que o camiño de Aguete asfaltárase con fondos da Deputación, que a casa fora mercada por Gestido, con licenza de obra e que unha vez que o construtor fixo os cambios indicados pola técnica municipal, déuselle licenza de primeira ocupación. “No se aceleró nada, es usted muy malpensada”, advertiuna María Ramallo. “No tenemos los políticos ese poder de acelerar, por si usted viene con esas pretensiones”, rematou Ramallo. A edil socialista dicía que si, que si…
Pilar Blanco pediu que o Concello tomara medidas para evitar calquera accidente no muro de Alcántara, na curva do Matadoiro en Mogor, ante a “perigosidade” dese talude, que “segue derrubándose e está a piques de caer todo enriba da estrada”.
Pola súa parte, Vilaboa volveu á carga co cruce de denuncias entre Gestido e o veciño polo camiño de Aguete. Argumentando que “non se contemplaba o ancheo do camiño ata 9 metros”, preguntou “se había expediente de cesión ou expropiación” dos terreos e, nun ton burlesco, fixo dúas propostas para pórlle nome á rúa: “Rúa Ramiro Gestido, que con isto arreglou o mandato, ou Rúa Conde Ríos”, en alusión ao presidente da Asociación de Veciños de Seixo, Antonio Conde, que é familiar de Gestido, e que saíra publicamente na súa defensa. Foi oír o seu nome, porque Conde non perde nin un só pleno, e ergueuse coma un resorte do asento, dicíndolle “cuidadito!” a Vilaboa. Un axente da Policía Local achegouse a Conde para pedirlle que se tranquilizara.
María Ramallo e Santos Costa contestáronlle que o veciño que provocara o conflicto estivera a pé de obra “todos os días” e que o Concello quería continuar coa mellora dese camiño no próximo mandato.
“Mentiume”, queixouse Isabel Martínez na súa quenda de palabra. “Hai dous meses pregunteille por este camiño, e vostede díxome que ía chegar á estrada con el, e agora di que non”. A concelleira de Mar-In tamén pediu o listado de facturas impagadas e, a maiores, preguntou pola participación do Concello de Marín na Fundación do Lago de Castiñeiras, interesándose polo orzamento que vai poñer o Concello.
Sobre o camiño de Aguete, María Ramallo respostoulle que non daba tempo de ter o proxecto antes de rematar o mandato. En canto á Fundación do Lago de Castiñeiras, explicoulle que os promotores da iniciativa pedíranlle ao Concello “impulsar e colaborar”, pero sen concretarse partidas económicas. Que entre as previsións había intención de sinalizar, mellorar o miradoiro de Cotorredondo, habilitar un carril bici, pero que entendía que había que “intentar que entren todas as Administracións”, empezando pola Xunta.
O pleno rematou cunha brincadeira de humor por parte de Isabel Martínez, que lle pediu á alcaldesa que respectara o límite de velocidade na Autovía de Marín, a 80 quilómetros/hora, xa que nalgunha ocasión lle adiantara a máis velocidade. María Ramallo recoñeceulle o exceso pisando o acelerador, pero devolveulle o envite ao afirmar que uns días atrás vira a Veiga mal aparcado e á edil independente parada ao seu carón, mentres falaban… Risas, excusas e barullo de cadeiras cando os concelleiros da Corporación levantaron a sesión.
Despois do 24-M, máis… e agardemos que mellor.
Deixar unha resposta