Publicado por: MontePituco | 08/04/2015

A COMUNIDADE DE MONTES DENUNCIA O DESTROZO DE ÁRBORES

Árbores tronzadas no recheo a carón da arboreda do Pituco.

A Comunidade de Montes de San Xulián vén de presentar unha denuncia perante a Policía Local de Marín logo de descubrir que unha ducia de árbores que foran recentemente plantadas no recheo situado a carón da área de lecer do Monte Pituco, na estrada de Figueirido, foran destrozadas.

Un directivo da Comunidade de Montes de San Xulián contactou nas últimas horas coa Asociación Monte Pituco para expresar o seu malestar por esta agresión ao patrimonio forestal da parroquia, cuxa autoría se descoñece. Unha agresión que se suma a outros ataques sufridos polo Monte Pituco nos últimos días, e dos que xa se informou detallamente en anteriores artigos: a vertedura de produtos tóxicos no cruce da pista forestal co sendeiro de acceso ao conxunto rupestre do Pornedo, ou a presenza de rodas, enseres domésticos, restos de obra e lixo noutros puntos dese mesmo vial.

Árbores tronzadas no recheo a carón da arboreda do Pituco.

Dende a Asociación Monte Pituco interesámonos pola queixa formulada pola Comunidade de Montes e, efectivamente, puidemos comprobar que as árbores cuxo talo foi fendido atópanse no recheo, pola parte inferior da arboreda.

Curiosamente, algunhas desas árbores danadas semella que non foron elixidas ao azar, senón que están agrupadas no mesmo frente da arboreda, con vistas ao porto e á illa de Tambo; como se os agresores tiveran a intención de estragar os exemplares que chegaran a tapar a paisaxe que se divisa dende ese punto. Se esta hipótese fose máis ou menos atinada, dende a Asociación Monte Pituco non podemos menos que sumarnos á queixa da Comunidade de Montes de San Xulián e criticar esta acción que se podería considerar vandálica.

Plantación no recheo situado a carón da arboreda do Pituco.

Primeiro, porque calquera persoa que discrepara coa decisión da Comunidade de Montes de facer unha plantación nesa parte do recheo, o que tiña que ter feito -en vez de tronzar os talos- era dirixirse á Casa de Montes, expoñer o seu plantexamento aos directivos e solicitar o traslado desas árbores -aínda novas- a outro emprazamento.

Segundo, porque calquera persoa que se dedique a romper árbores, o mesmo que a botar lixo, envelenar regatos de auga, machacar o patrimonio cultural, ou maltratar animais, por poñer algúns exemplos das infamias que se teñen cometido nesta contorna, non se pode erixir en defensor/a do monte nin da natureza.

Roble americano é a especie plantada neste recheo.

A zona na que se destrozaron esta ducia de árbores é un recheo de áridos procedentes dos desmontes realizados con motivo da construcción da Variante, segundo explicou o representante da Comunidade de Montes. Preocupados pola acumulación de maleza nestes terreos baldíos, a directiva decidiu realizar esta plantación forestal, con vistas tamén á xeración -no futuro- de recursos económicos procedentes da madeira destas árbores.

Malia que a intención da Comunidade de Montes era convertir este recheo nun souto, coa plantación de castiñeiros, polo interese económico na súa madeira de calidade e na obtención de castañas, o directivo explicou que esa opción foi descartada porque, tras consultar con diversos especialistas, estes consideraron que a composición do solo -pola ausencia de nutrintes na terra- non era idónea para que os castiñeiros puideran medrar nas mellores condicións. Como alternativa, optaron por plantar roble americano; máis dun centenar de exemplares, entre as diversas plataformas nas que se divide este recheo.

Arboreda do Monte Pituco

Dende a Asociación Monte Pituco agardamos que esta sexa a primeira e a última vez que se produce unha agresión destas características contra o renovado patrimonio forestal da parroquia. E que a Comunidade de Montes siga investindo nesta área de lecer do Monte Pituco, coa instalación dun valado de madeira no borde do miradoiro para evitar caídas ou accidentes; coa mellora das fontes e a instalación de papeleiras; ou co mantemento do arborado podando as pólas secas ou rozando a maleza onde vaia medrando.

Cada vez son máis as persoas e as familias que se achegan a esta arboreda para xogar unha partida de cartas despois de xantar, para almorzar nos días de bo tempo, ou para descansar á sombra gozando das boas vistas. Esta área de lecer compleméntase coas rutas do Monte Pituco e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, como punto de encontro de andainas e actividades deportivas. Por iso cómpre poñela en valor, xunto co patrimonio forestal e cultural do monte adxacente. Animamos, pois, á Comunidade de Montes de San Xulián a que sexa receptiva a estas propostas que redundan nun maior uso social e multidisciplinar do monte.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: