Recibimos estas fotos dunha veciña de San Xulián, indignada logo de atopar este vertido ilegal na pista de servizo paralela á Variante de Marín, en dirección a Macenlle, á que tamén se accede na subida ao lago de Castiñeiras, inmediatamente despois de pasar o campo de fútbol da Comunidade de Montes.
E un pregúntase que clase de xente nos rodea, capaz de maltratar ata este extremo a terra que nos veu nacer, que nos nutre e que seguirá estando aí cando morramos. Que sentido ten ir ciscando lixo, entullos, plásticos por todas partes, sen pararse a pensar no infame legado que se lle está deixando aos nenos e nenas de hoxe que son os homes e as mulleres do futuro.
Habendo alternativas para un tratamento axeitado dos cascallos, e a un prezo razoable, esta actitude por parte de quen converte o monte veciñal no seu vertedoiro particular é unha mostra de irresponsabilidade, egoísmo e covardía. É o cuño de identidade de xente incivilizada, maleducada, inculta e ignorante.
Hai quen opina que os autores destas verteduras son habitantes da contorna próxima; ou que mesmo a propia veciñanza é testemuña muda e pasiva de como se descarga toda clase de porcallada.
Non importa tanto o silenzo da maioría como que por sorte haxa un puñado de persoas valentes que si denuncian e alertan; que non se conforman ante unha realidade desagradable e lanzan un berro para que os demais arredor esperten e se sumen a unha causa que vai máis aló da protesta contra o feísmo, que non só é para ecoloxistas. É a causa común de querermos un lugar máis habitable, máis limpo, máis harmonioso. Unha parroquia da que poidamos sentirnos orgullosos.
Os autores destas falcatruadas están perdidos. Porque acaban caendo, como caeu o (ir)responsable da vertedura de produtos químicos no Monte Pituco . Son tan incivilizados, maleducados, incultos e ignorantes que deixan pistas que os identifican. Basta tirar dos fíos que se atopan na súa propia merda; basta rastrear as migallas de inmundicia que lles caen polo camiño, para chegar diante das súas portas e darlles o seu merecido.
Deixar unha resposta