Publicado por: MontePituco | 13/01/2015

PLENO DE XANEIRO (II)

No pleno deste mes tamén se debateu unha moción urxente do Bng sobre a situación das traballadoras de Cleanet, a empresa adxudicataria do servizo de limpeza das instalacións do Ministerio de Defensa que, no caso de Marín e Pontevedra, son a Escola Naval, a Brilat, o complexo deportivo e a residencia militar de Campolongo, e a delegación de Defensa. Acumulan xa varios meses sen cobrar e, ademais de concentrarse diante dos seus centros de traballo en varias ocasións, esta semana van levar as súas protestas ata o Ministerio de Defensa en Madrid, co apoio da CIG e do Bng.

A moción defendida por Pilar Blanco instaba a alcaldesa a dirixirse ao Ministerio para que Cleanet pague as nóminas pendentes, así como instar o Ministerio a rescindir o contrato con esta empresa. As traballadoras e os seus representantes sindicais asistían ao pleno portando a pancarta que lucen nas súas concentracións; Pilar Blanco referiuse a elas como un “exemplo de dignidade” por defender os seus dereitos laborais. Nas súas críticas a Cleanet, a voceira do Bng resaltou que “desde que se lle deu a concesión, a empresa empezou xa a incumprir o contrato e a encadear retrasos no pagamento dos salarios”. Mais tamén censurou o Ministerio de Defensa por darlle o contrato a unha empresa que ofreceu unhas condicións económicas que raiaban a “baixa temeraria”.

A raíz dunha pregunta formulada pola deputada do Bng no Congreso a propósito deste conflicto, Pilar Blanco afirmou que “a Defensa só lle importa que as traballadoras e sigan limpando” e acusou os seus responsables de “desentenderse e deixar que pase o tempo ata que remate o contrato”. Dende o Bng criticaron o “atraco” por parte da empresa e a “máxima insensibilidade” do Ministerio, “que solo argumenta que lle sigue pagando a Cleanet”.

María Ramallo contestou que o grupo municipal do PP apoiaría a moción e falou dunhas “xestións” segundo as cales “entre finais de xaneiro e principios de febreiro vaise rescindir o contrato con Cleanet”.

Detalle importante: foi un instante nada máis, pero na sala de plenos escoitouse un amago de aplauso entre as traballadoras; un aplauso ‘interruptus’, afogado polas circunstancias da protesta simbólica que realizaban coa súa presenza no Concello.

Continuou María Ramallo apuntando que “en abril estarán contratados os servizos cunha nova empresa”. Esta afirmación tivo resposta por parte do grupo de traballadoras e sindicalistas: “E mentres quen vai cobrar?”.

A alcaldesa explicou que “hai que cumprir os prazos para sacar o servizo a concurso” para non comprometer o proceso de contratación e falou de “facer máis forza para que non se alongue esta situación”, da que lamentou que “somos reféns destas problemáticas” que, no caso de Cleanet, é unha empresa “de Barcelona, con 1.000 empregados e moitos clientes”.

“…E amigos do PP!”. Quen soltou esta couce foi Xabier Aboi, pedra angular da CIG en Pontevedra e no Morrazo. “Vostede tamén ten os seus amigos”, replicoulle María Ramallo. “Levan tres meses sen cobrar e ti cobras”, volveu retrucar Aboi, con ganas de non soltar o fío da polémica dialéctica. María Ramallo tratou de buscar o gancho político, polo feito de que a moción e o apoio que ían obter en Marín debería reproducirse tamén nos concellos de Pontevedra e de Ferrol, que tamén contan con instalacións de Defensa. Pero falou de máis cando emprazou as traballadoras a acudir ao Xulgado do Social para reclamar os salarios que lle debía Cleanet, tendo en conta a precaria situación económica na que poden atoparse ao ver as súas economías mermadas. “O que interesa é que movades o cu, non que apoiedes unha moción”, rematou Aboi.

No turno do Psoe, Francisco Veiga solidarizouse coas traballadoras e indicou que agardaba “un apoyo más contundente” por parte do PP a esta moción, tendo en conta a situación: “cuatro meses sin cobrar y yendo a trabajar igual para mantener sus derechos y su puesto de trabajo”, expuxo Veiga. Criticou o “trato pésimo” da empresa e que “la Escuela Naval no se quiso reunir con ellas”.

Veiga pretendía sacar vantaxe da situación e empezou a ‘emocionarse’ con propostas que rozaban a demagoxia: “Vamos a mandar esa carta para solo quedar con la conciencia tranquila? Vamos a poner una pancarta en el Ayuntamiento, a reclamar que la Escuela Naval se reúna con las trabajadoras”, dixo o voceiro socialista, que tamén se referiu ás dificultades destas persoas para pagar os impostos municipais en ausencia dun salario cada mes. “Con esa carta no me vale, con rescindir el contrato no me vale”, insistía Veiga. “Llegamos tarde, ya teníamos que estar hablando con el delegado del Gobierno y el delegado de Defensa”, concluíu Veiga, que debe ter sobradamente controladas as medidas do balcón da Casa Consistorial.

Isabel Martínez Epifanio comezou a súa intervención dicindo “que bonito é facer demagoxia”. Non se refería directamente a Veiga, pero se el seguise gobernando o mesmo se lle podería criticar a María Ramallo que a Francisco Veiga, mesmo que a Pilar Blanco. O sillón da Alcaldía e a bancada do Goberno local imprimen ‘carácter’.

“Faremos o que poidamos na medidas das nosas posibilidades? Non!”, exclamou a voceira de Mar-In, parafraseando unhas palabras anteriores de María Ramallo. “Eu son oposición, pero vostedes son 12, do PP, teñen relación coa Escola Naval e co Goberno Central”, reprochoulles aos populares. “A moción do Bng é bastante suave”, engadiu Isabel Martínez Epifanio.

Na segunda ronda, Pilar Blanco cuestionou as explicacións de María Ramallo apelando a “cumplir as leis”, ao que a voceira nacionalista respostou: “Eu de leis non entendo e moitas cuestiónoas. Non nos veña con ese tema legal; o Ministerio está en posición de facer máis”.

…Muller, así é como nesta sociedade estamos ata as orellas de corrupción política, imputacións e irregularidades, de todas as formas e colores.

Pilar Blanco arriscou máis, acusando a Cleanet de que “levou o concurso daquela maneira” ante a connivencia de Defensa, que “non se preocupou de comprobar que fose unha empresa solvente”. Tamén emprazou a María Ramallo a “levantar o teléfono para que Rajoy garanta que reciban as traballadoras cando vaian a Madrid”. Ademais, reprochoulle ao PP que “ningún deputado popular de Pontevedra preguntara por ese tema”, en alusión a Telmo Martín, por exemplo, ou a propia ministra Ana Pastor.

No seu novo turno, María Ramallo volveu reiterar o apoio do seu grupo “con campaña electoral ou sen campaña electoral” e aclarou que “a responsabilidade do Concello é limitada” neste caso, malia o cal a alcaldesa insistiu en que fixo “xestións con Defensa”, argumentando que o órgano de contratación é o Ministerio, non a Escola Naval nin a Brilat. “A normativa é a que é”, recalcoulle a alcaldesa á oposición e ás traballadoras interesadas.

“…Que cambiastes vós!”, volveu espicharlle Xabier Aboi co seu vozarrón, referíndose á reforma laboral. “As traballadoras non se dirixiron a este Goberno local”, terciou a alcaldesa, que seguiu aclarando que o propio Concello non foi alleo a este tipo de conflictos con outras empresas e os seus traballadores. “Hai que informar as traballadoras do que hai”, advertiu María Ramallo, insinuando que tal vez a CIG e o Bng estiveran creando expectativas demasiado optimistas.

“…O que queren é cobrar!”. Nesta ocasión foi Xosé María Vilaboa o que tomou a palabra. A alcaldesa chamouno á orde.

Aquí todos tiñan máis que dicir.

Francisco Veiga instou a alcaldesa a “pensar lo que ha dicho”, poñendo como exemplo que “tampoco es trabajo de la Xunta ir a México a buscar floteles para Barreras”, e equiparando as traballadoras de Cleanet cos de Factoría Naval, polos que a Corporación marinense “también peleó por ellos” cando o asteleiro atravesaba dificultades. E referiuse á Escola Naval como “el responsable” da situación das traballadoras porque “son las personas con quien tratan y son su órgano directo”.

Isabel Martínez Epifanio expuxo que para chegar ata o Ministerio de Defensa en Madrid “teñen que ir con alguén”, por iso xustificou que a Escola Naval debería recibir as traballadoras. E fixo un inciso para criticar a reforma laboral feita polo Goberno “co apoio de UGT e de CCOO para escravizarnos máis, permitir despedimentos de balde e recurtar salarios, así que non veña intentar confundirme nin me veña dar leccións”, champoulle a concelleira de Mar-In, case sen tomar aire, de tanto ‘salero’ que lle botou…

Foi a única concelleira aplaudida polas súas palabras. Chimpún!

Pilar Blanco pechou as intervencións sen máis novidade que lembrarlle a María Ramallo que a moción “a insta a vostede”.

Na votación, os edís de todos os grupos votaron a favor da moción, que foi aprobada entón por unanimidade.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: