Publicado por: MontePituco | 12/01/2015

PLENO DE XANEIRO (I)

O pleno do pasado venres comezou cun minuto de silencio pola morte do marinense Manuel Mesías Barros, o ciclista que fora atropelado pola tarde na autovía.

No comezo da orde do día planteouse unha moción do PSOE solicitándolle ao Concello que lle traslade á Xunta a proposta para que se restitúa o servizo de Noitebús entre Marín e Pontevedra. Luz Santiago expuxo que con esta medida diminuirían os accidentes de tráfico e instou o Goberno autonómico a “asumir sus responsabilidades” recuperando esta liña de transporte, que tamén funciona noutras localidades como Santiago, A Coruña ou Lugo. “Si no aprueban la moción, les proponemos tratar estos puntos en comisión”, terciou a edil socialista.

O concelleiro de Tráfico replicoulle que na comisión informativa o PP xa se amosara partidario de “mejorar los horarios de bus, intensificar los servicios, hablar con los responsables de la empresa y que éstos a su vez pudiesen dialogar también con los portavoces municipales, además de apoyar la implantación del área metropolitana de transporte”. Sen embargo, Estévez Salazar desviou o sentido da moción do PSOE apuntando o exemplo da localidade de Melide, “que volvió a poner el Noitebús, pero a instancias de los empresarios de hostelería”. En definitiva, o grupo municipal do PP poñía como condición para aprobar a moción que se retirase o punto fundamental: o traslado á Xunta da petición para que se repuxera o Noitebús entre Marín e Pontevedra.

Por parte do BNG, Pilar Blanco comentou ironicamente que a réplica a esta moción tiña que facela o presidente de Nuevas Generaciones, o edil Pablo Novas, argumentando que o posicionamento de NNGG era “distinta” da exposta por Estévez Salazar: “Pasaron de esixirlle ao bipartito da Xunta que mellorara o Noitebús, a dicir que vai botar en contra dunha moción que propón que se estude a posibilidade de retomar o servizo”. O partido que estea libre de contradicións, que tire a primeira pedra… agás o de Pilar Blanco que, debe ser como ese deterxente que lava máis branco que ningún… “Menos hipocresía e máis vivir na realidade de gobernar a favor da xente e da xente nova”. Olé!

Dende Marinenses Independentes, Isabel Martínez Epifanio lamentou a “pobreza intelectual” da intervención de Estévez Salazar e criticou as alusións deste a propósito da cantidade de mozos e mozas que saen en Marín o fin de semana. “En canto valora vostede a seguridade? Prefire que vaian cinco nun coche, que igual o condutor teña bebido alcohol, en vez de que poidan utilizar un servizo público?”. A concelleira independente foi moi crítica co servizo de Mombús e coa xestión do edil de Tráfico: “O que conseguiu en tres anos foi que Mombús colocara os horarios dos buses nas marquesinas”. Tamén lle pediu a Estévez Salazar que “reconsidere o seu posicion contraamento porque ninguén está libre dun accidente e do que se trata é de facer un servizo social”. A fin de contas, “non se lle estaba pedindo nada do outro mundo”, sen contar con que o prezo do billete Marín-Pontevedra (1,40€) parécelle “carísimo”.

Mentres Isabel Martínez Epifanio se explicaba, o seu discurso parecía non interesarlle moito a Xosé María Vilaboa, do BNG, que estaba máis ocupado facendo fotos co seu móbil das traballadoras de Cleanet e dos militantes da CIG que as acompañaban, que estaban no salón de Plenos para asistir ao debate dunha moción posterior…

No segundo turno, Luz Santiago queixouse de que o concelleiro popular “no dijo nada de los hosteleros” e reiteroulle que “no es un servicio de ocio, sino de seguridad”, polo que defendeu o seu carácter público. Do contrario, “es como si las farmacias montasen los centros de salud”, engadiu.

Continuou Estévez Salazar defendéndose: “Yo nunca he hablado de fomentar el botellón”. E afirmando: “La Xunta subvencionaba el servicio”. E metendo a zoca: “Ojalá se pudiera conseguir que la juventud se quede en Marín”. Para que diaños están cobrando entón, se non é para que se implanten medidas para promocionar a hostelería, a oferta de lecer e os servizos orientados á xente nova?

Pilar Blanco volveu cargar contra Estévez Salazar. Entretanto, Xabier Aboy e Iria Aboy rían del e comentaban polo ‘bajini’… Continuaba a voceira do Bloque insistindo que o Noitebús “é rentable porque evita que a xente nova ande pola estrada, beba ou non beba”. E sacoulle punta ao patinazo do edil popular: “Xa é hora de que faga algo para que a xente nova quede aquí. Quédanlle tres meses”, comentou Pilar Blanco ante a inminencia das eleccións municipais de maio, recriminándolle tamén que “en tres anos non fixo absolutamente nada polo servizo público de autobús”.

Isabel Martínez Epifanio volveu mallar en Estévez Salazar, que non tivo o seu mellor día, se é que tivo algún día bo nos plenos nos que interviu. “Vainos facer crer que a Xunta non instalou o servizo? Que Mombús facía o servizo amablemente?”, ironizou. “A Xunta deulle a concesión á empresa que ten o monopolio neste país: Mombús, que se dedicou a roubar cartos públicos porque cobraba e non facía nada”. As acusacións da concelleira independente ían ‘in crescendo’; o concelleiro do PP debía estar suando a gota gorda e, como se soe dicir en termos futbolísticos, pedindo a hora. Martínez Epifanio comíalle as papas na cabeza: “Tería que ter feito algo coa concelleira de Turismo para que os mozos queden en Marín… Fale con Melide, e que veña Melide a poñernos o Noitebús. Canto vale unha vida humana?”, concluíu.

…Que mágoa que Isabel Martínez Epifanio non teña intención de repetir candidatura nas próximas eleccións. Que alguén a convenza! Sen ela, o nivel do pleno vai caer moitos puntos; tantos como perdeu cando tamén quedamos sen a figura do seu compañeiro de partido, Miguel Suárez Briones.

Rematou a defensa da moción a concelleira socialista: “Esto no tiene que ser un negocio. Se ahora en sanidad, por lo que supone un accidente”.

Na votación, a moción foi rexeitada: a favor estiveron PSOE, BNG e Mar-In; en contra, o PP.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: