Publicado por: MontePituco | 26/11/2014

MONTES DO MORRAZO SOBRE A FUNDACIÓN LAGO DE CASTIÑEIRAS

Diario, 26 novembro 2014.

COMUNICADO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO SOBRE A FUNDACIÓN LAGO DE CASTIÑEIRAS

Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos por unha banda parabenizar as intencións polas que co nacemento da Fundación Lagoa de Castiñeiras se pretende promocionar e manter este espazo natural do Morrazo mais somos escépticas e escépticos en canto ás formas de facelo.

Acometer un proxecto de posta en valor do parque da natureza (que non “parque natural” pois ao noso pensar habería que retirar como etiqueta para non conducir a enganos) da Lagoa de Castiñeiras a través dunha fundación con entidades privadas e tendo que pagar o público non nos parece o máis correcto e dubidamos da súa viabilidade.

A entrada da iniciativa privada sería o pretexto para que a Xunta de Galiza non invista definitivamente o preciso en recursos materiais e humanos para o axeitado coidado e mantemento da Lagoa de Castiñeiras, onde á parte das necesarias labores selvícolas, de corta arbórea, e de conservación do valado do perímetro de seguridade do parque, estarían tamén as fundamentais actividades de educación ambiental da Aula da Natureza e asistencial do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, que se viron seriamente comprometidas polas políticas de recortes de gastos públicos realizados polos gobernos central e autonómico nos últimos anos.

A xestión deste espazo dependería máis dos intereses económicos que dos sociais, culturais e ambientais correndo ademais o risco de aparición de corruptelas e tratos de favor a segundas e terceiras persoas ou entidades con ánimo de lucro.

Por outra banda, a creación dun centro de interpretación ambiental das Rías Baixas na vella edificación cementada do miradoiro existente no alto de Cotorredondo ao noso pensar non é o mellor método para pór en valor o espazo en cuestión, xa que implican un innecesario investimento económico para ubicarse nunhas instalacións que xa de por si provocan un impacto ambiental na propia paisaxe e o máis lóxico para interpretar as Rías Baixas, sería observalas ao natural e de balde e non virtualmente no sitio.

Tampouco vemos como moi idóneo a creación dun circuÍto de cross, xa que unido á existencia dun campo de tiro, non axudarían a gañar a tranquilidade e armonía coa natureza que se reclama para este espazo.

Mais, por outra banda, tamén queremos denunciar que con esta creación se pretende centralizar, unha vez máis, toda a atención, servizos e investimentos única e exclusivamente neste espazo DEIXANDO DE LADO outros moitos espazos con igual interese paisaxístico, natural e arqueolóxico e integrados así mesmo dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo.

Algúns destes espazos ou proxecto serían:

* Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Este espazo que comprende terreos dos concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa e onde existe un proxecto para valorizar o seu patrimonio natural e arqueolóxico non conta co apoio institucional e no que para alén disto o concello de Marín coa complicidade da comunidade de montes de San Xulián promove unha IMPACTANTE E INCOMPATIBLE ÁREA INDUSTRIAL no monte Pornedo.

* Ruta das Mámoas do Morrazo. Ademais das 6 mámoas que existen na contorna da Lagoa de Castiñeiras hai outras 14 máis espalladas ao longo de 7,5 kilómetros, dende Chan de Castiñeiras até Chan de Arquiña pasando por Chan de Armada. Este proxecto malia ser aprobado e desenvolvido inicialmente con fondos Proder da UE a finais da década pasada por varias consellarías da Xunta, Fundación Comarcal e varias comunidades de montes do Morrazo, pasou despois a ser reducido e posteriormente abandonado e esquecido. Para alén deste abandono, parte das mámoas e a súa área de protección están afectadas polo proxecto de parque eólico de Pedras Negras e por áreas de investigación mineira.

* Sendeiro de longo percorrido do GR-59 ou ecorota do Morrazo. Este sendeiro que conta con 84 kilómetros e comeza na propia Lagoa de Castiñeiras, desenvolveuse a principios da década pasada con fondos FEDER-POMAL europeos a través da Mancomunidade de Concellos do Morrazo. Este sendeiro veuse afectado posteriormente coa construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, e debido ao seu estado de abandono e falta de mantemento en moitos dos seus tramos, non conta xa coa homologación da Federación Galega de Montañismo.

* Sendeiros de curto percorrido do PR-G 106 da rota de Chan do Vilar con chegada á lagoa de Castiñeiras e o sendeiro municipal do río da Fraga con remate en Chan de Arquiña, afectado tamén polo proxecto do parque industrial da Cruz da Maceira, que se atopan igualmente en estado de abandono e faltos de mantemento durante boa parte do ano.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esixe unha verdadeira valorización social, cultural e ambiental do espazo natural dos Montes do Morrazo, pública e descentralizada que ao longo das máis de 3000 has. do espazo natural dos Montes do Morrazo que vaia máis alá das 70 has. contempladas na contorna da Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo. Unha posta en valor que pasa por rexeitar e desbotar definitivamente o parque eólico de Pedras Negras e a área de desenvolvemento eólica do Morrazo, os polígonos industriais na Cruz da Maceira e Monte Pornedo, as áreas de investigación mineira de Miñán e Os Pedrouzos, e o desdobramento do corredor do Morrazo de interese supramunicipal, lesivo e insustentábel máis alá dos usos forestais, gandeiros e agrícolas vinculados e permitidos no solo rústico de especial protección de espazos naturais e se recuperen, se apoien e invistan nos proxectos anteriormente mencionados, onde durante as últimas décadas se estivo investindo fondos públicos e europeos que agora ao noso pensar non poden quedar inactivos, supoñendo ademais do evidente prexuízo para os fins pretendidos, un clamoroso desbaldimento sen sentido digno da máis seria reprobación e denuncia.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: