Andainamos unha vez máis pola Serra da Fracha, lembrando unha anterior visita que realizaramos en 2010. Daquela descoñeciamos o perigo que se cernía sobre esta paraxe, cuxos veciños levan varios meses loitando para evitar que se leve a cabo o proxecto de construcción da A-57, liderado polo Ministerio de Fomento e co respaldo do Concello de Pontevedra.
Xa detallamos nunha ocasión os paralelismos que existen entre A Fracha e o Monte Pituco no que respecta ás súas respectivas ameazas: a plataforma Salvemos A Fracha e a asociación Defende o Monte Pituco son colectivos que xurdiron quizais tardiamente, para intensificar a loita dos partidarios da súa conservación nun lexítimo intento por visibilizar ambos conflictos, pero antes deles xa outras entidades viñan rexeitando os proxectos de infraestruturas que afectaban a estes espazos naturais; no caso da Fracha, a Sociedade Galega de Historia Natural, e do caso do Pituco, a Asociación de Veciños de San Xulián e a Asociación Pola Defensa da Ría.
Máis similitudes: a sombra da A-57 e do polígono industrial proxectado no Monte Pituco son inminentes; Salvemos A Fracha desconfía que o Ministerio de Fomento queira iniciar as obras antes das próximas eleccións municipais e o debate sobre o parque empresarial previsto no Pituco volve con forza cada vez que o Tribunal Supremo apremia a Autoridade Portuaria de Marín para que cumpra a sentencia que ordea desmantelar os recheos ilegais no Porto de Marín, obviando que esta alternativa foi descartada pola dirección do ente portuario.
Tanto Salvemos A Fracha como Defende o Monte Pituco emprenderon accións xudiciais para evitar que a entente Ministerio de Fomento + Concello de Pontevedra por un lado, e Xunta + Concello de Marín por outro, saian coa súa, cometendo unha escabechina medioambiental e paisaxística, patrimonial, e económica polo elevado custe dunhas obras innecesarias e mal planificadas, sen estudos técnicos que avalen suficientemente eses proxectos.
Quen imaxina taludes de ata 60 metros na Fracha? Quen imaxina un adefesio industrial en plena fachada litoral de Marín, cun impacto visual en toda a ría de Pontevedra? Por solidariedade, Salvemos A Fracha! Por sentido común, Salvemos o Monte Pituco!
[Preme ‘Ler máis’ para continuar visualizando as fotos da ruta]
………..
Ao longo do itinerario fomos atopando arquetas nos puntos nos que están os mananciais naturais dos que se abastece a veciñanza. No Monte Pituco son tamén abundantes os aproveitamentos de auga, alguns deltes documentados dende o século XIX.
Este é o interior do depósito de augas dos habitantes do lugar de Pintos: aquí están os tanques de 39 vivendas, só unha parte da veciñanza. A construcción da A-57 obrigará a trasladalo todo a outra ubicación. No Monte Pituco, o polígono previsto tamén levaría por diante os depósitos de auga dos veciños dos lugares de O Caeiro e afectaría a outros mananciais.
A auga estivo presente en todo o percorrido: os camiños, permanentemente enchoupados…
Enormes estruturas graníticas coroan a cima da Fracha. Nesta zona houbo unha importante acción dos canteiros, como se aprecia na imaxe que segue, na que se observan as marcas dos barrenos.
As nubes e a néboa impediron ter unha perspectiva completa da ría de Vigo…
…No alto da Fracha, a preto de 400 metros de altitude.
Dunha parte, a vista do polígono industrial do Campiño e o anexo de Ponte Caldelas, con moitas parcelas baleiras.
A cidade de Pontevedra a un lado, a ría a outro, con Tambo no medio…
…Como dixo Rosalía de Castro.
¡Ánimo, compañeiros! Toda a terra é dos homes.
Xa no descenso dende o Alto da Fracha, a auga seguiunos acompañando.
Plantacións de piñeiros, merendeiros desbrozados… durante o camiño podíanse apreciar algúns dos traballos realizados pola Comunidade de Montes de Marcón que, por certo, apoia a Salvemos A Fracha na súa causa a prol da conservación deste monte.
Enormes formacións pétreas… Algunhas de curiosa morfoloxía.
…Non semella unha cara deitada?
Con este clima tolo, atopamos silveiras en flor, en pleno novembro.
Plantacións de castiñeiros…
Carballeiras…
Con tanta humidade, a presenza de brións e liques foi permanente.
Coma un pequeno oasis no medio da fraga frondosa: un regato, fento real… natureza de outono.
Este sendeiro tradicional perigaría no monte veciñal de San Xulián… Por sorte, en Marcón aínda non se lles ocorreu anchear o camiño, enchelo de xabre e destruír os valados de pedra “para que pase unha motobomba”, como aconteceu recentemente preto do Monte Pituco, nunha corredoira con rodeiras antigas de carro e afectado por un xacemento arqueolóxico.
…Que dure esta estampa!
Compañeiros entusiastas de andaina, que tamén coñecen o Monte Pituco…
Rematou a ruta reivindicativa con música tradicional, castañas quentes…
…e a lectura dun manifesto.
Os asistentes a pé e os ciclistas de Masa Crítica que se sumaron á mobilización aplaudiron a voceira de Salvemos A Fracha, Bibiana Piñeiro, na súa intervención a prol da liberalización da AP-9 e en contra dun proxecto que nos privará do monte da Fracha no seu estado natural, tal e como puidemos gozalo nesta ruta.
…Ánimo e avante!
[…] do artigo titulado “Andaina pola Serra da Fracha“, publicado en novembro de […]
By: SOLIDARIEDADE CON ‘SALVEMOS A FRACHA’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 20/10/2015
at 19:50