Atopamos esta suxerente cesta con libros e plantas de piñeiro no escaparate da libraría Paz, en Pontevedra. Chama a atención o cartaz, que anuncia o título da obra en grandes letras brancas sobre fondo escuro: “O discurso do bosque”, de Fernando Sancho Blanco.
Naturalmente, mercamos o libro -10 euros, un prezo moi asequible- e agasállannos cunha miniatura de árbore que abofé plantaremos nalgún lugar do Monte Pituco.
Nas súas páxinas atopamos un feixe de poemas breves:
“Existiu un tempo
no que o bosque se comunicaba,
agora esquecestes o seu idioma…”
Non podemos estar máis de acordo.
A lectura segue entre composicións dun marcado ton simbólico nas que os lectores deberán esculcar a súa propia interpretación. Atopamos posibles reflexións existenciais: unhas de carácter crítico, quizais sobre o papel destructivo do ser humano hacia o medio natural; outras cunha posible pretensións bucólica que falan dos brións e das aves, dos regatos e da humidade, da terra e do aire…
Na contracapa descubrimos que o seu autor é marinense, colleita de 1963, aínda que actualmente reside en Pontevedra. E buscando información sobre o poeta damos co seu blogue: http://odiscursodobosque.blogspot.com.es
Cunha familia vencellada ao mar, Fernando Sancho traballa na Cooperativa de Armadores de Marín. Polas súas inquedanzas literarias chegou a integrarse na Asociación de Escritores e Artistas Españoles. O seu interese polas letras tal vez teña que ver co feito de ser neto de Antonio Blanco Porto, músico e co-fundador da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, que casou en Marín con Mercedes Freijeiro Veiga. E ademais, sobriño do historiador e arqueólogo marinense Antonio Blanco Freijeiro, ao que cada ano se lle dedican unhas xornadas culturais.
“O discurso do bosque” é o primeiro poemario en galego de Fernando Sancho.
“…Nestes tempos
condenástesvos á desaparición
arrastrando todo o sistema operativo.
O lique comezará de novo.
Poderá máis a nosa constancia”.
Deixar unha resposta