Pasaron case dous meses e medio dende que a Asociación Monte Pituco presentara un escrito no Concello de Marín urxindo o desbroce das cunetas, que presentaban un aspecto bastante deficiente, coa maleza enriba da estrada, dificultando o tránsito dos peóns nunha zona con moitas curvas e pouca seguridade vial.
Por fin, entre onte e hoxe as máquinas pasaron a rozar a zona, entre os lugares de A Bouza e A Pena. Neste último núcleo de vivendas, os veciños xa optaran por retirar a vexetación polos seus propios medios; polo menos para que os viandantes non tiveran que camiñar ocupando o carril de circulación.
Noutras fincas que non son atendidas polos seus propietarios o operario tivo que empregarse a fondo coa desbrozadora.
Preto da conexión coa Variante de Marín a herba da Pampa medra dun xeito progresivo e cada vez esta especie invasora presenta un aspecto máis mesto, ameazando con propagarse polo monte colindante. Neste caso urxe -máis que o desbroce- unha acción máis agresiva que erradique de raíz -dito sexa en sentido literal- esta planta foránea.
Agardemos que, ante a próxima necesidade que se lle plantexe ao Concello de Marín non pase tanto tempo…
Deixar unha resposta