Publicado por: MontePituco | 09/10/2014

A ALCALDESA, COS ESTUDANTES QUE VISITARON O MONTE PITUCO

Foto difundida polo Concello de Marín.

[Imaxe difundida polo Concello de Marín]

Estudan no IES Mestre Landín e están realizando un estudo sobre o Monte Pituco para coñecer o grao de impacto que tería a construcción dun polígono industrial neste emprazamento. Hala! Xa está dito! Xa o Concello de Marín acaba de expoñer publicamente -a través das súas canles de comunicación coa prensa local e autonómica- a este grupo de alumnos e alumnas, fronte á discreción coa que dende este blogue se tratou a súa recente visita ao Monte Pituco para coñecer a súa realidade física: a problemática do desnivel do terreo no que respecta aos taludes e os desmontes necesarios para acondicionar a zona, a localización dos xacementos arqueolóxicos catalogados que resultarían afectados no seu ámbito de protección, a existencia de especies de fauna e flora interesantes e algúns incluídos mesmo na lista de especies ameazadas…

Solicitaran, efectivamente, unha entrevista co Concello para coñecer a versión oficial dun proxecto industrial que para a Asociación Monte Pituco é un auténtico despropósito. E afortunadamente -porque os gobernantes están para atender a cidadanía, non para deixala coa palabra na boca nun corredor ao pé dunhas escaleiras- a alcaldesa atendeu a petición.

Outra cousa é a pouca concreción e a falta de rigor das súas explicacións ante os estudantes.

Contoulles María Ramallo que está moi preocupada polas sentenzas xudiciais contra os recheos declarados ilegais polo Tribunal Supremo e xustificou as sucesivas obras coas que se lle gañou terreo ao mar para ter un porto con máis calado porque os barcos son cada vez máis grandes. Por suposto, tamén incidiu na ‘influencia primordial’ (non sabemos se foron palabras textuais pero así o explican dende a propia Alcaldía) do porto na economía de Marín, de aí que a Autoridade Portuaria presentara unha vez máis un recurso -que lle foi admitido a trámite- contra o enésimo ultimátum do Tribunal ordeando o derrubo inmediato dos recheos.

A alcaldesa contoulles aos estudantes que agardaba “non ter que ver nunca a execución da sentenza” (e isto si foi literal) contra os recheos portuarios porque, ao seu entender, podería darse a “perversa” situación de derrubar algo que se podería volver construír ao día seguinte.

E ao fío da problemática no porto, o discurso da alcaldesa ante as preguntas dos estudantes derivou no polígono proxectado no Monte Pituco, clasificado como solo industrial no PXOM. María Ramallo afirmou que ese hipotético  polígono industrial NON sería NUNCA un porto seco debido á ausencia de conexión ferroviaria no Pituco e porque as empresas con implantación no ámbito portuario “non o verían viable”. Por iso unha suposta execución das sentenzas do Supremo non implicaría o traslado das naves construídas sobre os recheos, que actualmente se atopan nunha situación de inseguridade xurídica.

Pero onde as explicacións de María Ramallo patinan máis é no seu intento por dulcificar o impacto real dun hipotético polígono no Monte Pituco. Porque segundo a alcaldesa, o PXOM propón unhas “liñas xerais” que marcarían o deseño dese polígono e que “en caso de facerse, habería que facer un estudo detallado que con toda seguridade preservaría as zonas de especial protección”.

…Tïpica cataplasma política para embobar as persoas con promesas que apestan a sucedáneos de confianza, compromiso, sensibilidade coa cultura e co medio ambiente, para quedar ben. A xente está farta de trolas, de palabras que leva o vento e de papel mollado que logo, na realidade resultan ser ficción, incompetencia e mentira. Cando o dano xa está feito e resulta irreversible. E aos recheos me remito.

Pero non poñamos a venda antes da ferida, tranquilizounos María Ramallo, porque “de todas formas agora mesmo non hai ningún plan para facer o polígono”, que a situación económica non está para botar foguetes e “antes de empregar diñeiro público habería que ter ofertas de empresas interesadas en ocupar a zona”.

En todo caso, sexa coas arcas municipais ou autonómicas cheas de euros, ou con esas mesmas arcas criando telarañas; sexa con empresas amigas dispostas a levar ao Pituco o seu tenderete de revestimentos, de carpintería de aluminio, ou de organización de eventos festivos, entre outras actividades susceptibles de ser premiadas con vantaxosas condicións a cambio de estragar o balcón da ría, de agredir o patrimonio histórico, de arruinar os mananciais e facer desaparecer fauna e flora sensible, terán que pasar por enriba do cadáver dun puñado de veciños que non nos arrugamos ante a especulación e o abuso do poder político.

O Concello de Marín non abunda en máis temas, pero nesa entrevista tamén se falou do lamentable estado de abandono no que se atopa o patrimonio arqueolóxico catalogado, de cuxa conservación son responsables a Administración local e a Comunidade de Montes de San Xulián, esta última en calidade de propietaria dos terreos.

Unha vez máis, a inconsistencia e a falta de concreción volveu caracterizar as palabras da alcaldesa, que recoñeceu que sería “aconsellable” sinalizar os xacementos, limpalos e adoptar medidas para o seu mantemento, pero sen adiantar ningunha posible acción por parte do Goberno local para cumprir. Como era de esperar, María Ramallo agóchase detrás da Comunidade de Montes, que lle ten auténtica alerxia ao patrimonio.

E uns por outros, as mámoas e os petroglifos seguen empeorando no seu deterioro.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: