Publicado por: MontePituco | 08/10/2014

REMONTAR O RÍO… LOIRA

"Remontar o río", de Helena Villar Janeiro.

[Imaxe do facebook de Remontar o río]

Esta tarde asistimos á presentación de “Remontar o río”, o poemario de dona Helena Villar Janeiro, ilustrado por Luz Darriba.

…Versos que falan de experiencias, paisaxes, lugares tan especiais coma un sinxelo souto. Versos nos que, por non faltar, non falta nin unha oda ao esterco.

Hai 10 días que tamén remontamos un río, no sentido máis literal e menos metafórico da expresión.

Río Loira, Marín.

A Agrupación Cultural Ronsel participou no Proxecto Ríos, que o pasado 28 de setembro ‘sincronizou’ a colectivos de toda Galicia nunha acción de voluntariado encamiñada a mellorar a saúde dun cauce fluvial. Así foi en Poio, co río Freiría; en Pontevedra, co Gafos, por iniciativa de Vaipolorío; en Marín, o Loira…

Remontamos pois o río dende preto da súa desembocadura en dirección ao seu nacemento. Foi como levantar a alfombra dun salón e atopar debaixo o lixo acumulado nun feixe de tempo.

Proxecto Ríos no Loira, organizado por Ronsel.

Proxecto Ríos no Loira, organizado por Ronsel.

Proxecto Ríos no Loira, organizado por Ronsel.

Plásticos de todas as cores e composicións posibles aniñaban entre as raíces das árbores, debaixo das pedras; degradado polo paso do tempo, tan fráxil que se esnaquizaba convertendo un anaco en ducias de fragmentos que facían imposible recollelos un por un.

Restos de electrodomésticos pequenos e mediados, dende un transistor á tapa metálica dunha cociña.

Enseres varios, dende unha botella de cervexa que merecería acabar exposta nun museo, ata un afialapis enferruxado.

Cristais. Cordas. Restos de material da horta procedente das plantacións nas fincas lindeiras. Roupa vella. Frascos de medicinas. Paraugas rotos…

…En definitiva, LIXO!

Proxecto Ríos no Loira, organizado por Ronsel.

Uns vinte pares de brazos -distribuidos en varios grupos- fixeron posible que o Loira luza agora un pouco máis limpo. O Concello de Marín colaborou na cesión de material de traballo e na recollida das bolsas cos residuos retirados.

Pero será necesario seguir remontando o río, estar pendentes do devir das enchentas invernais que sacarán á luz máis inmundicia e máis vergoña.

Por iso dende o Monte Pituco estaremos ‘orella avizor’ á chamada de Ronsel, para colaborarlle na tarea de acicalar esta nosa corrente de auga que tantos muíños moveu antano. E quizais, andando o tempo, volva ser ese río troiteiro que tanto estrañan os pescadores da contorna.

Muíño no río Loira, Marín.

[Artigo relacionado: ROTEIRO POLOS MUÍÑOS DE LOIRA, CON RONSEL, maio 2012]


Responses

  1. […] PITUCO puido participar o ano pasado nesta xornada, tal e como contamos no artigo titulado “REMONTAR O RÍO… LOIRA“. E dende MONTE PITUCO animamos a veciñanza a colaborar nesta acción, por necesaria, […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: