Publicado por: MontePituco | 07/10/2014

O LIBRO DOS PETROGLIFOS MARINENSES, NO MUSEO TORRES

"Petroglifos e outras prehistorias", libro de Xulio D. Abal Silva e Álvaro R. Arizaga Castro

Un dos nosos libros de cabeceira é “Petroglifos e outras prehistorias“, dos marinenses Xulio Abal e Álvaro Arizaga, que compendia os gravados rupestres marinenses, a súa descrición con fotos, debuxos e mapas que marcan a súa situación xeográfica, ademais de analizar con visión crítica o fráxil estado de conservación do patrimonio arqueolóxico local.

Se houbese interese por parte dos responsables municipais, esta obra publicada en 2007 poderíase ampliar con novas informacións sobre os xacementos que recolle e incluír outros gravados descubertos nos últimos anos. Dos dous autores, Álvaro Arizaga enfocou a súa traxectoria profesional á Arqueoloxía e actualmente é profesor da Escola de Restauración de Pontevedra, ademais de dirixir proxectos como o da recuperación e posta en valor do complexo arqueolóxico o d’A Cabeciña, en Mougás.

É moi probable que aos autores de “Petroglifos e outras prehistorias” non lles faga graza ningunha saber que os restos da edición daquel libro que elaboraron a partir dun traballo de investigación co que gañaran un concurso convocado polo Concello de Marín, están criando po e telarañas nalgún recuncho apartado do Museo Torres. E que, segundo nos informaron nestes días, o seu destino sería o cubo do lixo.

Amosámoslles “Petroglifos e outras prehistorias” aos asistentes á ‘andaina polo Monte Pituco ao solpor’. Entre os participantes a ese roteiro houbo profesores e afeccionados á historia, ao sendeirismo e á arqueoloxía. Algúns non o coñecían, malia o tempo transcorrido dende a súa publicación.

Moitos interesáronse por conseguir esta publicación. Remitímolos ao Museo Torres porque nas últimas entrevistas que mantivemos con representantes do Goberno local de Marín déronnos a entender que os exemplares que puidera haber atoparíanse alí. Sobre o grao de coñecemento deste libro por parte dos nosos gobernantes actuais, non é nada descabellado afirmar que os que agora saben da súa existencia enteráronse pola Asociación Monte Pituco. Nótase á legua cando alguén afirma saber sobre algo pero en realidade non ten nin a máis remota idea do tema. Neste caso, o lamentable do ‘despiste’ radica en que este libro publicouse con fondos públicos do Concello de Marín, na época de Isabel Martínez Epifanio como concelleira de Cultura.

A cuestión é que hai persoas que, dende a andaina da semana pasada, preguntaron no Concello, na Biblioteca Municipal e no Museo Torres.

Na Biblioteca dispoñen dun exemplar do libro pero, curiosamente, por algunha razón que non lle revelaron ás persoas interesadas, non o prestan para consulta no domicilio; sen embargo, paradoxicamente, préstano para fotocopialo nalgunha copistería externa.

Foi no Museo Torres onde unha desas persoas o conseguiu e contounos que, segundo o encargado do Museo, o destino final dos libros era o lixo.

Dende esta Asociación solicitámoslle encarecidamente ao Concello de Marín que non cometa semellante barbaridade, que non tire a ningún contenedor uns libros que se fixeron con cartos públicos. Que teñan a ben entregarlle cando menos outro exemplar de reposto á Biblioteca Municipal, que lle entreguen cadanseu exemplar ás bibliotecas de todos os centros educativos da vila, a cada Casa da Cultura nas parroquias do rural, á caseta de Turismo, ao Arquivo da Deputación de Pontevedra… Como en calquera editorial que se precie, os autores teñen dereito a ser informados cando unha obra súa se descataloga; en consecuencia, antes de desfacerse dos libros, que llos entreguen a quen fixo o esforzo de poñer por escrito ese labor de investigación, que lle buscarán un mellor destino que a papeleira.

Infórmannos as persoas que nestes días se interesaron por “Petroglifos e outras prehistorias” que os traballadores da Biblioteca Municipal e do Museo Torres estaban desconcertados e abraiados da insólita demanda que estaba tendo este libro. E aínda se estrañan! En ausencia de ‘ciencia infusa’, a cidadanía non se pode interesar por aquilo que permanece oculto en caixas poirentas, polo que se silencia e non se promociona, malia ser un ben de tod@s.

É incrible que os responsables de xestionar a Educación, a Cultura e o Turismo neste Concello non saiban sacarlle partido á ‘materia prima’ que hai. Por descoñecemento, por falta de capacidade, por falta de ideas, por falta de sensibilidade, ou por todo ao mesmo tempo.


Responses

  1. A nosotros nos dieron un ejemplar en el Museo Torres

    • Alegrámonos de que o teña conseguido e agardamos que poida resultarlle útil. Seguiremos emprazando a todas as persoas interesadas en conseguir este libro a que se dirixan ao Museo. Grazas pola visita ao blogue e polo comentario.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: