Publicado por: MontePituco | 06/10/2014

ESCRITO AO CONCELLO TRALO ÉXITO DAS ANDAINAS

Escrito presentado na Alcaldía sobre o patrimonio arqueolóxico e etnográfico do Pituco.

Hai xusto unha semana recibimos unha chamada da secretaria da Alcaldía para informarnos que a concelleira de Cultura quería reunirse con representantes da Asociación Monte Pituco. Pasaran dous días dende a “andaina polo Monte Pituco ao solpor” que congregou neste Espazo Natural a máis de 150 persoas para coñecer o patrimonio arqueolóxico e etnográfico desta zona, para admirar a biodiversidade e a paisaxe dende o “balcón da ría”. Non foi posible concretar ese encontro por razóns de traballo e porque a convocatoria fora espontánea, sen aviso previo. Unha semana despois, non volvemos ter noticias da concelleira de Cultura.

O caso é que con ou sen chamada da concelleira de Cultura, a Asociación Monte Pituco xa tiña previsto trasladarlle ao Concello de Marín e á súa alcaldesa o “éxito” dese roteiro, que viña precedido doutro extraordinario nivel de participación nunha ruta matinal polo ámbito dos Sete Camiños celebrada no mes de agosto, que tamén rematara no miradoiro natural do Pornedo.

Tanto a alcaldesa de Marín como a concelleira de Cultura estiveron no Monte Pituco ao pouco de acceder ao Goberno municipal. Representantes desta Asociación entrevistáronse nunha ocasión coa edil de Cultura para intentar convencela -sen éxito, á vista da súa nula implicación- no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. O último encontro institucional a nivel local foi coa alcaldesa de Marín para trasladarlle diversas preocupacións relacionadas co patrimonio arqueolóxico catalogado: a súa deficiente sinalización e identificación no PXOM, o seu precario estado de conservación e a obriga do Concello de contribuír á súa protección fronte a hipotéticos polígonos e demais ameazas que planean sobre o Monte Pituco.

De modo que este pasado sábado, sete días despois desa memorable “andaina ao solpor”, presentamos un escrito no Rexistro Municipal destacando a multitudinaria acollida das rutas polo Monte Pituco organizadas por esta Asociación, que atraeu a Marín a persoas procedentes de diversas localidades, ademais da propia vila e da veciña Pontevedra: Baiona, Vigo, Redondela, Compostela, Noia…

Na introdución dese documento insistíase na vontade da Asociación Monte Pituco de seguir difundindo e defendendo o patrimonio local, con actividadse que estaban contribuíndo ademais a xerar un potencial turístico enfocado á parroquia de San Xulián, malia a ausencia de promoción por parte do Concello, da Comunidade de Montes, e da falta de limpeza e mantemento dos espazos que estaban sendo motivo de visita e interese social.

Con todo, o que se lle demanda ao Concello de Marín -a través da súa alcaldesa- son basicamente tres cuestións:

Lembrarlle o seu compromiso de mediación ante a Comunidade de Montes de San Xulián para que se ocupe da limpeza e da conservación do patrimonio arqueolóxico, ben por conta propia ou en colaboración co Concello. Púxoselle como exemplo de cooperación o caso do Concello de Pontevedra e da Comunidade de Montes de Salcedo a propósito da recuperación dos muíños do Batán, da posta en valor do Castro das Croas e dos conxuntos de Regato dos Buratos, no marco do proxecto do Espazo Etnográfico e Arqueolóxico do Val de Tomeza. Mesmo nos atrevemos a afirmar que ese proxecto do Espazo Etnográfico e Arqueolóxico do Val de Tomeza inspírase ou toma como referencia o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, a cuxa comisión técnica pertence a Asociación Monte Pituco.

Poñer no seu coñecemento que as comunidades de montes de Salcedo e Lourizán van poñer en marcha o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, coa sinalización dos elementos de interese existentes nos seus respectivos ámbitos territoriais, e que van “invitar” ou facer partícipe da súa decisión á Comunidade de Montes de San Xulián, coa intención de que se sume a esta iniciativa. Dende a Asociación Monte Pituco apelamos á alcaldesa de Marín para que apoie esta proposta e inste a directiva dos comuneiros de San Xulián a considerala positivamente para que a nosa parroquia non quede á marxe dese investimento tan beneficioso, á vez que asequible. Cómpre ter en conta que a Comunidade de Montes de San Xulián vai percibir anualmente unha cantidade económica importante en virtude do acordo co Ministerio de Defensa pola cesión de terreos á Brilat.

Emprazar o Concello de Marín para que se adopten as medidas de protección que estime oportunas, dentro do seu ámbito competencial, para que se catalogue e se protexa un antigo camiño de carro situado no monte veciñal de San Xulián, á altura do campo de fútbol na estrada da lagoa de Castiñeiras, que conecta cos gravados catalogados da Carrasca. Trala destrucción dun camiño de carro que foi aterrado nunhas obras para a construcción dunha nova pista -actuación que carecía do permiso preceptivo de Patrimonio ao estar afectado polo ámbito de protección dun xacemento arqueolóxico- estoutro camiño presenta tamén marcas de antigas “rodeiras” que destacan polo seu indubidable valor etnográfico, sendo dos poucos -se non o último- que queda nesta contorna nesas condicións.

Agardamos que haxa receptividade da alcaldesa de Marín, ou da persoa na que delegue, a estas peticións.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: