Publicado por: MontePituco | 03/10/2014

ESTUDANTES MARINENSES NO MONTE PITUCO

Estudantes marinenses no Monte Pituco.

A Asociación Monte Pituco leva dende finais de 2009 traballando pola defensa deste espazo fronte a intención do Concello de Marín e da Xunta de convertelo nun polígono industrial malia tratarse dunha zona incluída no Espazo Natural dos Montes do Morrazo; malia que a súa urbanización supoña un gasto económico incomensurable e unha labazada paisaxística en plena fachada da ría debido a que obrigará a construír enormes taludes para contrarrestar o seu forte desnivel; malia que arrase cos mananciais naturais que abastecen a veciñanza das aldeas próximas, coa fauna e coa flora endémica, entre os que hai especies protexidas; malia que o patrimonio arqueolóxico catalogado e os elementos de interese etnográfico resulten agredidos de forma irreversible.

Froito destes anos de estudo e de traballo sobre a realidade física, medioambiental e cultural da zona e da súa contorna, esta Asociación foi adquirindo unha bagaxe de coñecemento e uns contactos con expertos en materias diversas -historiadores, filólogos, arqueólogos, arquitectos, naturalistas, antropólogos, divulgadores ambientais- que comparten os nosos obxectivos: defender o Monte Pituco e poñer en valor a súa riqueza patrimonial, material e inmaterial.

Como veciños e veciñas do Monte Pituco, somos ‘licenciados’ neste Espazo Natural. Dende que vimos loitando cos instrumentos da lei e do sentido común pola súa conservación, vimos cursando un ‘master’ de duración indefinida pero con resultados e experiencias ben gratificantes.

E queremos compartir as nosas descubertas, o noso modesto coñecemento en materia arqueoloxía, etnografía, de fauna e flora, lendas.

Organizamos andainas abertas ao público que teñen obtido un notable éxito de público.

Participamos en xornadas e foros sobre medio ambiente e cultura.

E colaboramos con centros educativos da nosa vila para complementar a formación do alumnado.

Esta semana recibimos no Monte Pituco un grupo de estudantes que están elaborando un traballo académico. Rapazas e rapaces con curiosidade, xente nova cun futuro prometedor, que coñecen o significado de palabras como compañeirismo, respecto, educación; preocupados e comprometidos co entorno natural e co legado que recibimos dos nosos antergos. E canda eles, profesores que son un exemplo de dedicación, de innovación e de motivación.

Percorremos con este grupo tan encantador unha parte do Monte Pituco, con paradas nos xacementos arqueolóxicos, explicando a orixe destes gravados milenarios que se remontan á Idade do Bronce, ameazados actualmente pola especulación e a incultura.

Estudantes marinenses no Monte Pituco.

Ademais da lección de prehistoria, dos comentarios de actualidade, das nocións de orientación, non faltou unha clase de natureza a pé de campo: os cogomelos de temporada foron os nosos aliados para amosarlles que o Monte Pituco é moito máis que eucaliptos e acacias invasoras.

Que cunha boa xestión forestal e con propostas alternativas, o monte ten un enorme potencial que está completamente desaproveitado.

Estudantes marinenses no Monte Pituco.

[Cantarela, un cogomelo delicioso que medra espontáneamente no Monte Pituco]

Camiñamos xuntos, respiramos osíxeno, fatigámonos nas costaneiras, examinamos plantas que lles resultaban familiares pero das que descoñecían as súas aplicacións, admiramos petroglifos con misteriosas formas circulares, descubrimos os ‘gravados modernos’ de Pepito Meijón, seguimos o voo das bolboretas e das libeliñas preto dos regatos, seguimos as rodeiras nos antigos camiños de carro…

Estudantes marinenses no Monte Pituco.

[Coñecido como ‘bomba de tinguir’, xa o se utilizaba no tempo dos fenicios]

A Asociación Monte Pituco ponse á disposición dos centros educativos de Marín e da súa contorna para achegarlles aos rapaces e rapazas uns coñecementos que, ademais de atoparse nos libros, tamén se asimilan sobre o terreo, en contacto coa natureza, admirando as pegadas dos primeiros poboadores destas terras, situando a vila nun contexto físico e social que se aprecia de xeito extraordinario neste ‘balcón da ría’.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: