A Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro e a Asociación de Veciños Combarro veñen de celebrar, por segundo ano, a Romaría de Tambo. Había un cupo inicial de 400 persoas, que finalmente foron preto de 700 as que se inscribiron para participar nesta festa popular. Malia carecer de servizos -saneamento, abastecemento de auga, recollida de lixo-, a organización abogou por “abrir a man” e non restrinxir a enorme demanda que xerou esta iniciativa cunha finalidade reivindicativa.
Dende a Comunidade de Montes de Combarro veñen demandando que as Administracións se impliquen na mellora deste entorno natural que se atopa nun estado manifestamente mellorable: a illa carece dun plan de explotación; a vexetación predominante son eucaliptos, cunha presenza crecente de acacias e mimosas; a maleza campa as súas anchas; e tanto o patrimonio histórico -un castro sen excavar, a capela de San Miguel e o antigo lazareto- como as edificacións construidas antes da desmilitarización da illa en 2002 -polvorín, garitas e vivendas- están en estado ruinoso.
O presidente dos comuneiros de Combarro, Claudio Quintillán, sostén que a illa é “autofinanciable” e cita unha longa lista de ideas que se poderían levar á práctica para darlle a Tambo un uso racional e sostible. Por iso, a principios do verán Rega dos Agros forzou a convocatoria dun pleno a través dunha iniciativa popular para que os grupos municipais do Concello de Poio se posicionaran. O resultado do pleno foi o apoio unánime da Corporación á creación dunha comisión que lle encargou a elaboración dun estudo á Universidade de Vigo e que solicitou entrevistas con varios organismos para procurar financiación.
As fórmulas poden ser moitas, explica Quintillán, apuntando mesmo á posibilidade de conformar un patronato coa participación dos tres concellos do fondo da ría -Poio, Pontevedra e Marín- e doutras Administracións e entidades que poidan sumarse. En outubro prevén coñecer o resultado do informe académico que se está elaborando, cun orzamento de 20.000 euros, e a partir de aí comezar a dar os primeiros pasos.
[Preme na ligazón LER MÁIS para ver a reportaxe gráfica completa]
Praia principal de Tambo.
A Garda Civil realizou varias rondas arredor da illa. Xa no catamarán que se ocupaba de desprazar os viaxeiros se advertía que habería vixiancia da Benemérita tanto dende mar como mesmo en terra.
Aínda así, a Comunidade de Montes de Combarro lamentou que houbera persoas que trataron de acceder a Tambo dende embarcacións privadas, algo que estaba prohibido, posto que a organización da Romaría -coa conseguinte solicitude de permiso ao Ministerio de Defensa- corría baixo a responsabilidade de Rega dos Agros.
Tamén se advertiu da prohibición de tirar lixo e de mariscar. Lamentablemente, e malia que a Romaría transcorreu sen incidencias destacables, puidemos comprobar que no sendeiro perimetral que circunda a illa foron aparecendo residuos no chan; que houbo persoas que se achegaban a unha das praias nunha embarcación, chegaban nadando ata a area, extraían marisco e logo voltaban a nado á lancha; e que tanto os edificios en desuso como as ruinas da capela -e probablemente tamén as do lazareto- foron utilizados como ‘mexadoiros’ e ‘cagadoiros’ polos visitantes.
No antigo polvorín celebrouse unha lectura de poemas sobre o mar. Con este acto literario iniciouse un programa de actividades culturais que incluiu proxeccións audiovisuais ambientados na historia da illa de Tambo, unha ofrenda floral dedicada ás xentes mariñeiras, e un festival folclórico.
Faro Tenlo.
Vista do saco da ría, con Pontevedra ao fondo.
Vistas de Marín dende o faro Tenlo.
Detalle do Monte Pituco (Pornedo) e do alto da Encavada dende o faro Tenlo.
Ruínas da capela de San Miguel.
Ruínas do antigo lazareto.
Antigo polvorín da Escola Naval Militar.
Aparello de pesca que se atopaba na ladeira de Tambo.
Deixar unha resposta