En Barcelona, a sanción por tirar unha cabicha ao chan é de 90 euros. Seica en Madrid a cuantía dese castigo ascende aos 750 euros. Hai un par de anos, un mozo ourensán foi condenado a seis meses de prisión e ao pago dunha multa por provocar un incendio forestal cunha cabicha que tirou no monte nun día de intensa calor. Son exemplos das consecuencias dunha acción que non sempre queda impune.
Hai uns días no Alto do Pornedo recollemos unha ducia de cabichas, algunha das cales aínda tiña a cinza, sinal de que foi tirada sen sequera apagala previamente. É unha irresponsabilidade. Unha temeridade. Mesmo un feito delictivo (presuntamente).
Todas as cabichas apareceron na mesma zona, a carón das rodadas dun coche ou furgoneta de gran tamaño que se introduce no monte por un sendeiro que -para máis señas- tenlle prohibido o acceso a vehículos motorizados agás os destinados a tarefas agrogandeiras. Outro dato a ter en conta é que as cabichas sitúanse na parte esquerda desas marcas, sinal de que é se botan ao chan dende o asento do condutor.
Sirvan estas imaxes como denuncia, como mensaxe de alerta, como advertencia de que o Pituco está correndo un enorme risco polo comportamento incívico, canalla e covarde de alguén que, en vez de contribuír a evitar os incendios, está xogando á ruleta rusa co lume nunha zona de alto valor ecolóxico e con varios xacementos arqueolóxicos que, malia estar catalogados, carecen dun mínimo tratamento de limpeza e protección.
Deixar unha resposta