Publicado por: MontePituco | 01/09/2014

SOBRE O MONTE PITUCO, NO FARO: ACLARACIÓNS

Faro de Vigo, 31 de agosto 2014.

A partir da andaina organizada o pasado 24 de agosto -que terá continuidade cun novo roteiro a finais deste mes de setembro- o Faro de Vigo publicou unha reportaxe sobre tres dos aspectos -hai moitos máis argumentos!- nos que se fundamenta a defensa do Monte Pituco fronte ao proxecto da Xunta e do Concello de Marín -coa adhesión de varios colectivos interesados en servir determinados intereses político/económicos, ou simplemente en ‘pillar cacho’- de  destrozar este Espazo Natural para convertelo nun polígono industrial.

O patrimonio arqueolóxico e a biodiversidade son os eixes temáticos desta publicación xornalística, cuxa fonte de información directa foi este mesmo blogue, nas seccións destinadas a arte rupestre, fauna e flora.

O artigo do Faro tamén dedica un ‘destacado’ a comentar algunhas eivas que presenta o monte actualmente e que se describen no ‘post’ elaborado a partir do material gráfico recollido nesa recente ruta de sendeirismo; en especial, coméntase a presenza de terra amoreada na pista forestal para rechear uns camiños de nova creación por enriba de sendas de carro tradicionais, sen que nos conste ningunha sondaxe arqueolóxica previa para comprobar que non se afecta algún hipotético xacemento que poida estar sen catalogar.

Nunha parte da reportaxe, o redactor refírese a que “los yacimientos arqueológicos fueron manipulados o directamente enterrados bajo montañas de tierra o escombros”. Supoñemos que se refire ao petroglifo que se atopou na antiga área recreativa do Pornedo, de cuxa existencia -non deu tempo de catalogalo- alertou Xan Montenegro con motivo do inicio das obras da Variante de Marín e que foi sepultado polos recheos que se realizaron na zona coa autorización da Comunidade de Montes de San Xulián a cambio da instalación dun ‘merendeiro’ cunha fonte que nunca chegou a botar auga e que sería desmantelado hai uns meses pola propia Comunidade de Montes debido aos actos vandálicos que destrozaron as árbores, os asadores, as mesas e os bancos de pedra, pola falta de atención que houbo sobre esta instalación.

Precisamente, o artigo alude á área recreativa de Pornedo, que se describe como “en estado de abandono”. Como se acaba de apuntar, o redactor descoñece que esta superficie foi remodelada en xullo de 2013 pola Comunidade de Montes de San Xulián, que se limitou a retirar as lousas utilizadas como mesas e asentos para reubicalas na arboreda situada a carón da estrada EP-0019. Deste feito xa se informou neste blogue nos artigos titulados “A fraude polo desmantelamento da área recreativa do Pituco” e “Obras na arboreda a carón da estrada de Figueirido“.

En aras do debido rigor, cumpría facer esta aclaración. Non tería sido necesario se antes da publicación da reportaxe houbera unha comunicación previa ou unha visita á zona para contrastar a información.

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: