Publicado por: MontePituco | 07/09/2014

A PEDRA DO CERVO E O PARQUE ARQUEOLÓXICO DE TOURÓN

Pontecaldelas21

O Concello de Ponte Caldelas organizou esta semana unha andaina ata o monte veciñal de Cuñas para visitar o valioso petroglifo da Pedra do Cervo, co catedrático Buenaventura Aparicio como guía.

Acudiron á convocatoria municipal unhas cincuenta persoas. Dende o punto de encontro, a carón da igrexa de Santa Baia, ata a pista forestal que conduce ao gravado rupestre, camiñamos pola cuneta dunha estrada. Un coche da Policía Local cos pilotos luminosos prendidos precedía a marcha para advertirlles aos condutores que circulaban da presenza dos peóns. Outro vehículo municipal pechaba a comitiva. Dende o punto de vista da organización e da seguridade vial, cómpre destacar a implicación do Concello de Ponte Caldelas, cuxo alcalde, Perfecto Rodríguez, sumouse á andaina.

A cousa pintaba ben…

Pontecaldelas20

Ao chegarmos á Pedra do Cervo, quedamos gratamente sorprendidos do contorno: un claro no medio do bosque, sen arborado enriba da laxe. O perímetro do gravado está delimitados cuns pequenos postes e balizado cunha corda; un peche discreto, que non xera un impacto excesivo. A uns metros do petroglifo instalouse un panel informativo.

O profesor Aparicio tomou entón a palabra. A súa voz proxectábase cun sinxelo e práctico aparello de megafonía.

Falounos da presenza do cervo nos bosques galegos, hai uns cantos milleiros de anos: a presenza de mananciais de auga, aos que se asociarían tamén poboados dedicados a unha primitiva forma de agricultura: trigo, cebada…

Aprendemos tamén que un petroglifo coma este, cunha escena de caza, nunha pedra inclinada, fora feito para ser visto; como elemento de prestixio para a comunidade. Que se distinguen tres tipos de caza nesa época da Idade do Bronce:  económica (para alimentarse), heroica (como símbolo de poder) e ritual. Probablemente a representación do Cervo de Cuñas asociaríase a esta última tipoloxía.

Pontecaldelas19

Como bo antropólogo, o profesor Aparicio -que impartiu clases en Marín durante varios anos- explicou a simboloxía do cervo, asociado ao sol, ás augas puras, aos elementos relacionados coa vida. Do que aínda se sabe pouco é -velaí un campo de estudo pendente de desenvolver- é do significado dos cervos nos gravados rupestres.

Grazas á posta en valor deste xacemento, unhas 400 persoas puideron achegarse ata este lugar do monte veciñal de Cuñas para admirar esta obra de antigüidade milenaria.

Reflexionaba Buenaventura Aparicio sobre a difusión desta forma de Arte: “A cultura non é o fútbol”, sinalou este profesor, comparando o público que se move por interés e sensibilidade cultural co fenómeno deportivo e toda a parafernalia económica e mediática que ten ao seu arredor.

Pontecaldelas18

“Hay turismo de praia, pero tamén de turismo cultural e de natureza”, destacou Aparicio na súa intervención. O profesor non se cansou de repetir que os gravados prehistóricos son “unha forma de arte con futuro, que hai que coidar, e ademais é noso, dos galegos!”, exclamou.

A súa defensa do patrimonio arqueolóxico non puido ser máis atinada, ante un público que escoitaba atentamente e asentía dándolle a razón. “A mellor arte rupestre de Europa está en Galicia”, insistía Buenaventura Aparicio, que tamén se amosou orgulloso de que Ponte Caldelas fose posiblemente “o concello coa súa poboación infantil máis sensibilizada coa arte rupestre”.

Efectivamente, Ponte Caldelas pode presumir de contar non só coa Pedra do Cervo, tamén coa Laxe da Irena (nome dun grupo de investigación ao que pertence Aparicio). Ademais, a Pedra dos Cervo é, xunto coa Laxe dos Carballos (excavada polo Grupo García Alén) e a Laxe da Rotea de Mendo, estas últimas en Campo Lameiro, unha das representacións deste animal máis realistas e logradas na arte rupestre da contorna.

Pontecaldelas17

Buenaventura Aparicio gabou a actuación da Comunidade de Montes de Cuñas por permitir a posta en valor deste valioso gravado. A presidenta (si, unha muller!) estaba tamén entre os asistentes á ruta e puido observar con orgullo o crecente interés que suscita a arte prehistórica.

Isto é un incentivo económico”, afirmou o profesor Aparicio, que puxo como exemplo os montes de Euskadi, onde coidan da paisaxe, do patrimonio forestal, da natureza en xeral.

A Pedra do Cervo, xunto con outros elementos da arte rupestre galega, será un dos gravados que centrarán a intervención de Buenaventura Aparicio nun próximo congreso no que vai participar para expoñer os seus estudos sobre a relación dos canteiros coa supervivencia de certos petroglifos.

No caso da Pedra do Cervo, unha parte da laxe foi seccionada nun traballo de cantería, e mesmo chegou a facérselle un burato cun barreno para aloxar no seu interior un “tiro”, unha carga explosiva que, afortunadamente, non se chegou a facer estourar. De ser así, este cervo milenario non tería chegado aos nosos días.

…Como tampouco terían chegado ao século XXI os petroglifos de Pinal de Caeiro e de Pornedo, no monte veciñal de San Xulián, ambos “tentados” por canteiros que, como coa Pedra do Cervo, indultaron estas magníficas figuras da piqueta.

A teoría do profesor Aparicio é que os canteiros -xente da aldea como calquera labrego da contorna- tiña “as súas crenzas” e asociaban a existencia destes gravados á obra dos “mouros”. Pontes, igrexas, mámoas, petroglifos… os mouros -artífices de todo o antigo- tamén eran canteiros, apuntaba Aparicio. 

Pontecaldelas16

E así rematou a visita ao petroglifo de Cuñas. O Concello volveu poñer á disposición dos sendeiristas o servizo da Policía Local no camiño de volta pola estrada e a furgoneta municipal mesmo ofreceu as prazas dispoñibles para que puideran subir a bordo as persoas maiores ou quen desexara retornar ao punto de inicio neste medio de transporte.

Foi unha andaina ben produtiva, na que ademais o persoal do Concello encargouse de entregarlle ao público un folleto informativo sobre a Pedra do Cervo, no que tamén figuraba información sobre o Parque Arqueolóxico de Tourón. O único fallo: que o folleto non estaba en galego.

Folleto de información.

[Folleto informativo entregado na visita á Pedra do Cervo]

pontecaldelas2

[Debuxo do Cervo de Cuñas: representación do animal en gran tamaño, con protagonismo para a súa cornamenta; figura do cazador nun segundo plano; figura inacabada doutro posible cervo máis pequeno na parte inferior. Aprécianse no medio unhas marcas que, do revés, significan “año 1850”, feitas posiblemente por un canteiro]

pontecaldelas3

[Artigo de Buenaventura Aparicio publicado no Diario de Pontevedra do 7 de outubro de 2012 con motivo do inicio dos traballos de restauración da Pedra do Cervo]

“…Si un día un cantero desconocido experimentó esa pulsión emocional que despiertan las obras de arte y decidió no destruir a Pedra do Cervo, nosotros estamos moralmente obligados a poner todos los medios para que entre este petroglifo singular y los ciudadanos se establezca esa misma empatía sentimental y estética…”

Pontecaldelas12

De volta no adro da igrexa de Santa Baia non puidemos evitar fotografar este singular edificio e os seus arredores.

Barroca, con planta de cruz latina, posiblemente porque construiuse sobre un templo románico anterior, a igrexa de Santa Baia ten na súa fachada, sobre a porta de entrada, unha imaxe de Santa Catalina de Siena. A torre actual data de 1891 porque a orixinal foi destruida por un raio en 1889. No interior, o retablo maior -finalizado en 1893- foi obra do mestre canteiro Manuel González Perdiz. Rodeando a igrexa, un xardín de estilo francés, onde se conservan elementos do antigo templo, como a pía bautismal ou o sartego antropomorfo.

O cruceiro é de estilo barroco e data de 1692.

Pontecaldelas14

Pontecaldelas13

Pontecaldelas10

Pontecaldelas11

Pontecaldelas6

Ademais da Pedra do Cervo, da igrexa de Santa Baia, do sendeiro da valgada de San Vicente ao seu paso polos montes de Gradín e Paradela, que teñen un roteiro propio, aproveitamos esta visita a Ponte Caldelas para achegarnos unha vez máis ata o Parque Arqueolóxico de Tourón.

No camiño de volta do monte de Cuñas comentouse que urxía que o Concello tomara medidas para controlar a vexetación -moi crecida- no ámbito deste recinto. O alcalde recoñeceu que, efectivamente, houbera unha demora importante na adopción de medidas: primeiro, motivada pola toma dunha decisión a respecto da vía que economicamente resultara menos custosa; en segundo lugar, por falta de medios mecánicos.

Perfecto Rodríguez aproveitou para lembrar as dificultades no proceso de negociación coa Comunidade de Montes de Tourón hai dez anos para obter a cesión do terreo, polo temor dos comuneiros a perder a titularidade. A votación resolveuse con só dous votos de diferenza a prol da posta en valor deste marabilloso patrimonio. O tempo demostrou que foi unha decisión atinada.

Pontecaldelas5

Pontecaldelas4

…E marchamos de Ponte Caldelas contemplando o solpor dende o grupo 1 dos petroglifos de Tourón: o Outeiro da Forcadela.

Quen teña interese en coñecer este parque arqueolóxico, neste blogue hai varios artigos relacionados:

Visita nocturna aos petroglifos de Tourón (xullo 2010)

Multitudinaria visita aos petroglifos de Tourón (xullo 2011)

O envexable exemplo da área arqueolóxica de Tourón (maio 2013)

Xa podía Marín aprender de Ponte Caldelas (xuño 2013)

Para concertar visitas guiadas, o teléfono de contacto é 671 58 58 51. Tamén se pode consultar a web do Concello de Ponte Caldelas: http://www.pontecaldelas.org/touron/

Pontecaldelas1


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: