Publicado por: MontePituco | 08/09/2014

ADEUS AO VALOR ETNOGRÁFICO DO ANTIGO CAMIÑO DE CARRO

A riqueza cultural e histórica do monte, reflectido tamén na marca que deixaron as rodas dos carros do país nas corredoiras que pasan polo monte.

Publicamos por primeira vez esta imaxe en setembro de 2011 -hai tres anos por estas datas- despois dunha agradable andaina polo antigo camiño de carro que atravesa o monte de San Xulián dende o Pituco ata a Carrasca. A comisión técnica do proxecto Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños estaba gravando un documental -“Sete Camiños, encrucillada do tempo”- sobre os elementos de interese do monte e daquela destacaba o seu valor etnográfico polos sucos que, ao longo de centos de anos, foron marcando nas pedras do sendeiro as rodas daqueles vellos medios de transporte tirados por bois ou vacas.

Por desgraza, nada queda xa da esencia xenuina desta corredoira. A Comunidade de Montes de San Xulián decidiu remodelar o camiño e convertelo nunha pista superposta ao trazado orixinal. As máquinas furárono polas beiras para anchealo, tronzaron os penedos que se interpoñían ao seu paso e rechearon as irregularidades do firme con terra basta, procedente acaso dalgún desterre ou similar.

As ‘rodeiras’ centenarias ás que na cultura popular galega se lles atribúen propiedades máxicas e curativas, fican xa sepultadas baixo toneladas de sedimentos, para vergoña da historia e da memoria colectiva.

Rodeiras de carro destruídas baixo a nova pista.

Rodeiras de carro destruídas baixo a nova pista.

Rodeiras de carro destruídas baixo a nova pista.

Rodeiras de carro destruídas baixo a nova pista.

Ao cuestionarlle ao presidente en funcións da Comunidade de Montes de San Xulián a idoneidade desta actuación, a súa resposta resúmese nos seguintes argumentos:

– que se trata dunha obra demandada polos veciños (unha parte importante das propiedades polas que transcorre o camiño non son de monte comunal, senón matos privados, cando a Asociación Monte Pituco leva anos -sen éxito- demandando a mellora da pista forestal que cruza por Sete Camiños)

– que por que non nos queixamos antes e non advertimos con máis antelación da presenza destas marcas (como se os responsables da obra non souberan o que teñen entre mans, como se as propostas da Asociación Monte Pituco -vetadas sistematicamente, na súa inmensa maioría- as foran ter en conta)

– que a Comunidade de Montes conta cos todos os permisos en regra para a execución desta pista (cando a delegación en Pontevedra da Dirección Xeral de Patrimonio non ten constancia desta obra malia que debía estar informada obrigatoriamente porque o camiño orixinal linda cun xacemento arqueolóxico catalogado)

A directiva da Comunidade de Montes de San Xulián subestima en todo momento a autoridade e as competencias da Dirección Xeral de Patrimonio e supedita as súas actuacións ao que estipula a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes. O presidente accidental rétanos a presentarlle o informe “dun perito” validando a catalogación das rodeiras, ao que lle replicamos que a protección deses bens de interese etnográfico é unha cuestión de sensibilidade e de aprezo pola Historia e pola Cultura.

Seguimos as amables indicacións do presidente, que nos despide instándonos a “informarnos” porque “non nos enteramos”. Dirixímonos entón á delegación provincial da Dirección Xeral de Patrimonio coas fotos do ‘antes’ e do ‘agora’ para consultar sobre o grao de protección destas humildes -e sen embargo importantes- pedras, marcadas polas rodas dos carros dende hai centos de anos.

Un técnico de Patrimonio explícanos que terían protección se estiveran inventariadas no PXOM (como hórreos ou cruceiros), cousa que descartamos. Unha vez máis, volve a nós esa frase tan recorrente: protéxese (ou ten máis probabilidades de perdurar) o que se coñece.

Aínda así, o técnico de Patrimonio torce o xesto e retruca que, malia non figurar nese inventario municipal, non se deberían destruír uns elementos etnográficos desas características. Novamente, a cuestión determinante da sensibilidade pola Historia e pola Cultura, do respecto pola Memoria, do interese polo Coñecemento e pola Divulgación.

Pero o que fai saltar as alarmas no despacho de Patrimonio é o mapa de localización dun dos grupos que conforman o complexo rupestre da Carrasca, que se atopa ao carón da pista remodelada, como puidemos comprobar este pasado fin de semana. Trátase dun conxunto de rochas nunha das cales se localizan varias concavidades. A ficha de Patrimonio di textualmente que “o repertorio figurativo está composto por un suposto motivo figurado zoomorfo moi esquemático (cervo, cabra) e varios grupos de cazoletas”.

Plano do conxunto rupestre da Carrasca.

Complexo rupestre da Carrasca, Grupo VI.

Complexo rupestre da Carrasca, Grupo VI.

O técnico de Patrimonio confírmanos que, á vista do plano, a pista atoparíase no ámbito de protección do conxunto arqueolóxico da Carrasca, catalogado como Ben de Interese Cultural. Por tanto, o informe de Patrimonio sería preceptivo.

Con esa conclusión dirixímonos posteriormente ao Servizo de Montes. A funcionaria que tramita os permisos de obra atópase de vacacións. No seu lugar, un enxeñeiro forestal infórmanos que aínda que a Comunidade de Montes conte co permiso de Medio Rural dende o punto de vista técnico da actuación proxectada, isto non é óbice para que a Comunidade teña que contar tamén co visto e prace de Medio Ambiente e de Patrimonio. É dicir, que a autorización de Medio Rural non exime de obter necesariamente as autorizacións correspondentes de Medio Ambiente e de Patrimonio.

Esta última, insistimos, non ten coñecemento da obra nin analizou o proxecto inicial de reforma do antigo camiño de carro entre o Pituco e a Carrasca.

…Isto non pasaría nunha comunidade de montes como San Tomé, nin Salcedo, nin Vilaboa…

 


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: